Á BEIRA DO CAMIÑO- ¡Curas roxos!
Mato, Xesús - viernes, 20 de abril de 2007
TAMÉN parroquias. Noticia de actualidade neste noso encrespado país pola ameaza de peche da parroquia de San Carlos, en Entrevías (Madrid). Verbas pre/democráticas. Ningún cristián pode afirmar que o Espírito do Señor non estea tan activo e presente nas parroquias pobres da periferia coma nas ricas do Centro da cidade. ¿¡Ou non!?
¡Boa ocasión para definir o modelo de Igrexa! A Xesús tamén lle chamaron impostor, revolucionario, traidor ao sábado, amigo de malas compañías ( os pobres, leprosos, prostitutas.) Ata blasfemo. O Sanedrín, cos sumos sacerdotes, condenárono. ¿Notan algunha semellanza co acontecido, en Madrid, nesta Semana Santa 2007?
Cómpre tomar, en serio, este feito. A sociedade e a igrexa seguen a expulsar aos pobres, aos drogadictos, aos emigrantes. E aos que optan por axudalos.¡Até silencialos! Curas roxos, parroquias ídem, niño de herexías, catequese e liturxia lonxe dos parámetros oficiais son as graves acusacións aínda que recoñecen a súa entrega aos pobres ¿Non están a vivir a esencia da fe e o mandato de levar a Boa Nova aos pobres!?
Nin palabra para os que fan da relixión negocio, se arriman ao poder ou expulsan aos pobres das igrexas. Nin aos que consenten comportamentos informativos suicidas na Cope como denunciou monseñor E.Planas, observador da Santa Sé no Consello Europa.
Algo novo se move na Igrexa. O Espírito de Xesús segue activo. A verdade faravos libres; a mentira, escravos. Todo é posible co diálogo. A tensión fainos medrar ¡sermos adultos!- cando arrinca da humildade, do servizo, da acollida, do diálogo, do amor. Non é cuestión de pechar nada senón de abrir todas as portas e ventás e saír da rutina. ¡Oxalá nas comunidades abondasen curas e segrares con este xeito de vida!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora