Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un respecto pola lingua e polos sufridos lectores!

lunes, 10 de abril de 2017
Non quero desde logo fachendear aquí pola miña parte de utilizar correctamente a propia lingua, a galega, aquela que utilizo agora para me queixar do desleixo co que máis dunha vez se trata a lingua galega nalgúns xornais que se editan en Galicia. Non exclúo, polo tanto, que alguén me poida replicar co vello adaxio latino de “medice, cura te ipsum”...

Pois ben, dado que o espazo que lle dedican a informacións ou textos escritos na lingua propia do país é lamentablemente só case testemuñal, cabería esperar que houbese polo menos un esmerado coidado no seu correcto uso. A verdade é que non deixa xa de ser unha abraiante anomalía que o uso do galego nos xornais non se corresponda en absoluto co feito de ser a lingua galega a única (por algo será, digo eu...) lingua propia do país. Mais deixando agora isto a un lado, un esperaría alomenos que tratándose de novas que teñen que ver directa ou indirectamente coa lingua mesma estivesen digna e correctamente presentadas na lingua elixida nese caso para informar os lectores.

Hai aínda poucas semanas, o día 20 do pasado mes de marzo, detívenme a ler a importante nova sobre a elección do novo presidente da “Real Academia Galega”, institución que vela e atende o bo uso da lingua galega. Contaba eu con que o xornal que tiña nese intre nas mans e que benevolamente se dignara presentar ós seus lectores tal nova na lingua propia do país se comportaría como corresponde. As miñas esperanzas ficaron por desgraza, porén, defraudadas.

Coméntasenos alí, en efecto, entre outras cousas, que “tres membros excusaron a súa presencia”, cando o correcto sería escribir (tal como me advirte neste mesmo intre o meu dilixente corrector galego): “escusaron” e “presenza”. Ou é que non dispoñen os pobres xornalistas desta mínima axuda tecnolóxica? Máis me golpeou, porén, a sensibilidade o de me atopar en tal nova con dous parágrafos que o corrector electrónico non é naturalmente quen de corrixir e que comezan deste xeito. O primeiro é este: “O expuxo ante os medios informativos...”. É ben sabido que o único correcto é dicir: “Expúxoo ante...”. O segundo é este outro: “Por elo comprometeuse...”. “Elo” en galego non fai referencia senón ós “elos” ou aros dalgunha cadea ou obxecto semellante.

Prego, pois, pregamos, esiximos (coido que moitos, incluídos –supoño- os que se expresan en castelán) un respecto pola nosa lingua, pola lingua que en definitiva é de todos!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES