Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai vías...

lunes, 10 de abril de 2017
Se vostede repara con algo de detemento de cando en vez nestas columnas, é moi posible que lle cadrase algunha na que o seu argumento se desenvolvese arredor da principal problemática á que se ten que enfrontar de contado a sociedade galega, a do despoboamento.

E digo que é moi posible que isto fose así porque cando non é por "h", é por "b", o caso é que, vivindo como vivo nunha aldea dunha ducia de veciños, son moitas as alertas e as luces vermellas que neste sentido percibo a cotío e, polo tanto, síntome coa responsabilidade -eu, que teño a oportunidade de facelo- de evidencialo e axudar a crear estado de opinión -na medida do foro que alcanza esta columna- para que as administracións -todas- se decaten de que hoxe non hai política máis urxente, audaz e transformadora cá de volver -parece contradictorio, pero é así- á Idade Media e aprender dos Reis Católicos para promover accións repoboadoras.

Accións que non teñen por que ser executadas pola Administración. A Administración, o que ten que facer é lexislar para favorecer o asentamento de actividade económica e, de paso, crear as condicións, servizos e infraestructuras axeitadas para que a sociedade -familia a familia, coma grans de area- decida vivir aquí e non en, poñamos por caso, Hospitalet, Getafe ou no artificioso colmeiro de Seseña.

Accións coma a que acabo de coñecer -con grande alegría, é certo, e non menos dose de envexa- que se está desenvolvendo na veciña localidade de Chantada, da man dun empresario orixinario desa vila, case ourensá, e que fixo fortuna no negocio universal dos hoteis.

Amancio López Seijas (se non fendera as normas de estilo do xornal, poría o seu nome con corpo de titular) seica se chama o promotor da iniciativa e é o fundador do Grupo Hotusa.

Polo que leo na rede, resulta que o empresario, consciente de que hai determinados traballos que, favorecidos pola era dixital na que vivimos, pódense desenvolver en igualdade de condicións competitivas nun edificio de Chantada ca nunha torre de vangarda de Barcelona ou nunha barriada suburbial de Nueva Delhi, decidiu instalar o departamento de contratación de hoteis do seu grupo empresarial na súa vila natal, alá polos últimos meses do 2012 e o que daquela comezou con sete traballadoras, hoxe está consolidado cun grupo de preto de ¡200! mozos e mozas que na maioría dos casos seica non chegan ás catro décadas.

¡Albricias!, pois, para Amancio López Seijas e o seu grupo Hotusa, porque co seu compromiso empresarial está demostrando que hai vías, hai moitas vías por explorar para que Galicia non morra de inanición como tanto tempo levamos denunciando.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES