O mundo reborn
Santalla, Iago - miércoles, 19 de abril de 2017
Fiquei impactado ao coñecer o mundo reborn no que persoas saudosas de interactuar cun bebé, ou ante a imposibilidade de telo, adoptan un boneco hiperrealista (certificado de nacemento incluído) que manifesta as mesmas necesidades (ou case...).
O mundo reborn semella infinito e ofrécenos tanto como poidamos pagar. Hai nais e pais que viven en auténticos fogares reborn con cuartos repletos de bebés e, dun xeito totalmente natural, saen a pasear con eles pola rúa e válense dese hiperrealismo para desenvolver toda a afectividade dunha saudade ou dun baleiro. Hai consortes que apoian plenamente a afección da súa parella e hai todo un mercado que lles ofrece tanto como poidan pagar.
A partir de aquí a pregunta trasládase a psicoloxía e esta respóndenos que, sempre que se distinga o real do xogo ou afección, non ten porque haber maior problema. Entón, o mundo reborn convértese nunha afección máis que, para determinados sectores, abre unha importante vía de negocio.
Non existindo o ser humano perfecto, non existindo a sociedade perfecta, non existindo unha única resposta ante a vida parece sensato invocar o respecto e sobre todo evitar patoloxizar sen necesidade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora