Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Zacarías, discípulo de Xesús que se foi e retornou

jueves, 06 de abril de 2017
Zacaras, discpulo de Xess que se foi e retornou Hai uns tres anos -como pasa o tempo repartido en tempos!- falaba desde estas páxinas un tal Zacarías, un discípulo decepcionado de Xesús, e contemporáneo seu, que recoñecía non estar no certo nalgunhas das súas aprezazóns. O que nos dicía podería consideraranse coma un elenco de mensaxes que se poden cualificar como intemporais, porque non se deixan constrinxir polas fronteiras das nosas fragmentacións do tempo en tempos. Deus me libre de tratar de poñer o que pode dicirnos o Zacarías este co que nos din os evanxeos canónicos; pero, non obstante, paréceme que non nos fai mal recordalo a quen libremente queira facelo e, se cadra, ata nos axuda a comprendelos un chisquiño mellor.

Isto é o que me contou e que eu transcribín hai uns anos e volvo a transcribir agora entre comiñas:

“Eu seguín a Xesús de preto durante algo máis de dous anos desde que entrecolleu a aqueles 72 ata a multiplicación dos pans, ou mellor dito, ata que, despois deste milagre, quixemos proclamalo rei e el non aceptou. Non fun do grupo coñecido como o dos 12, pero tiña moita relación con eles e trataba de escoitar a Xesús sempre que podía, aínda que tivese que facer longas camiñadas.

A súa negativa a ser o noso líder produciu moita decepción e desencanto nos que agardabamos un liberador político que se puxese á fronte do pobo asoballado pra sacudir o xugo dos romanos e facer unha limpeza en tanta corrupción política e relixiosa como había en Palestina. Díxose que, como multiplicara os pan e os peixes, queríamos un rei que nos mantivese de balde. Non vai por aí cousa.

Queríamos que nos axudase a sacudir o xugo dos tributos que tiñamos que pagar ós romanos e de aí pra baixo a Herodes, rei de palla, e non sei cantas institucións máis que nos querían facer crer que nos eran necesarias e no bebían a suor.

Necesitabamos un líder que empuñase con brío a espada en nome de Elohim o Deus soberano, o Señor dos Exércitos, e devolvese á nosa nación o esplendor, xa non digamos dos tempos de Salomón, pero polo menos de cando Xerusalén era capital do Reino de Xudá, ou do Sur. Pero el deixaba pasar o tempo falando dun Deus, Pai bo e misericordioso, que acolle e fai festa polo fillo que se foi e volve magoado, de que o Reinado de Deus é coma o fermento masa e cousas así.

Nós alentabamos a xenreira contra os inimigos estranxeiros que ocupaban as nosas terras, as terras prometidas por Deus ó noso pai Abraham, e contra os da nosa raza que non defendían a identidade e independencia do noso pobo; e el respondía con parábolas de samaritanos que amaban ó próximo e con utópicas afirmacións de que o estranxeiro tamén é un irmán.

Nós loitabamos na guerrilla, por non ter un exército como e debido tratando de acadar a liberación, de esmagar ó inimigo e non deixarnos esmagar máis por el, e, en troques, Xesús falaba de que a liberación do home é moito máis profunda e duradeira ca que depende dun ou doutro amo e señor deste mundo.

Agardabamos un estratega que dirixise a resistencia, e el propuxo no Sermón do Monte un programa baseado na pobreza de espírito, na aceptación dos sufrimentos, en chorar con quen chora, na misericordia, na rectitude de corazón ou de intencións...

Penso que Xudas Iscariote fixo o que fixo e chegou a entregalo, porque vía que pasaba o tempo, que os seus seguidores ían a menos e que el non acababa de ser o líder que moitos agardabamos que fose. Isto é só un pensar meu; porque, en realidade, quen sabe os pensamentos máis íntimos que poden facer niño nos miolos de cada quen? Xudas era moi reservado, moi pechado en si. Canto sufriría antes e despois de tomar as determinacións de vendelo primeiro cun bico de amigo, e logo, de destruírse a si mesmo por fóra, que por dentro xa ben destruído estaba!

Pola miña maneira de falar é doado darse conta de que eu era un militante do grupo dos celotes fundado por Xudas o Galileo, case contemporáneo de Xesús e do Iscariote, que tamén era celote. Moitos amigos meus estaban pola resistencia violenta e pensaban coma min; pero en realidade nós non fomos quen o matou a pesares da decepción causada porque non fose un guerrilleiro coma noutros.

A súa morte foi o resultado de moitos factores e dunha confabulación traizoeira de inimigos entre si, pero unidos en consideralo, cada un polas súas razóns, como inimigo común: saduceos, fariseos, herodianos, romanos…

Agora sei que el defendía os intereses dos máis desprotexidos, de aqueles ós que pouco lles importa quen mande, porque neles mandan todos e o que necesitan é quen sirva.

Defendendo os intereses dos máis febles estaba indo en contra dos intereses dos máis fortes e iso foi perigoso sempre, antes del, con el e despois del. O poder por si mesmo tende a apartar do seu camiño ós que atrancan o paso pra conseguilo ou a estabilidade pra conservalo.

As autoridades relixiosas dos xudeus, na súa maioría saduceos, condenárono, sen razón, por blasfemo contra Deus, do que dicía ser Fillo, e contra o Templo que intentou purificar; ademais de ter dito que chegara a hora de glorificar a Deus en espírito e en verdade, non entre columnas de mármores con capiteis de ouro e veos púrpura e escarlata de liño fino de 10 centímetros de espesor, coma o que ocultaba a Deus no Templo e que rachou de riba a baixo á hora da morte de Xesús, porque xa non había lugar pra seguir separando a Deus dos homes e mulleres. Pero ante as autoridades romanas acusárono de revolucionario que animaba ó pobo á sublevación contra o emperador de Roma, facéndolle ver ó seu representante, el gobernador, que podía perder o condumio.

Os fariseos, aínda que non se levaban ben cos saduceos, e entre os que Xesús tiña algún admirador, non saíron na súa defensa, porque arremetera contra a súa hipocrisía e contra a interpretación deshumanizada da Lei, que eles facían, coma e ensinarlle a ser máis libre.

E o gobernador de Xudea e procurador do Imperio Romano, Poncio Pilatos, condenouno a morte. Coma sempre, manipulando ó pobo e vendéndolle o favor de que lle facía un servizo; pero lavándose as mans ó mesmo tempo diante da xente e preguntándose a si mesmo, sen obter resposta, que cousa será a verdade. Tan inseguro era e tan cheo de si estaba, que non lle quedou sitio pra decatarse de que el mesmo estaba sendo manipulado e de que cando non se sabe que é a verdade duradeira, vanse inventando verdades que axiña esmorecen.

Ós que moven os fíos do poder sen escrúpulos élles doado facer crer o que non é, ofrecendo prebendas ou atemorizando con castigos, por iso non faltaron voces do pobo que pediron a crucifixión do Xusto e o indulto de Barrabás, condenado a morte en cruz por ladrón, asasino ou terrorista, ou polas tres cousas; non sei certo.

Xesús, sufrindo, desfeito, pero sen perder a dignidade, foi á morte libremente. Foi libremente, non porque escollese por gusto morrer así; senon porque tivo oportunidade de cambiar no seu xeito de vivir e de expresarse e non cambiou, aínda sabendo ó que se expoñía; pero cambiar supoñería renunciar a cumprir a súa misión. Houbo quen dixo que foi Deus que esixiu que morrese así pra pagar non sei que débeda de alcance infinito contraída por seres humanos moi limitados. Eses deuses sedentos de sangue humana non son o Deus Pai misericordioso do que falaba Xesús. Son inventos pra xustificar a ferocidade dos homes. Se Iehová quixera sangue deixaríalle sacrificar a Abraham ó seu fillo
Isaac.

Pódese dicir que o matou o pecado, porque o matou o odio, a soberbia, a covardía, a hipocrisía, a opresión do feble, o egoísmo, a avaricia, a intransixencia, o querer substituír a Iehová, o Deus de todos, por un deus feito á medida de cada un.

Morreu por culpa dos pecados da humanidade, por culpa dos de todos e de cada un por culpa dos inimigos peores que temos, porque os levamos dentro de nós mesmos e acaban coméndonos coma o peor dos cancros.

E morreu por amor, a todos os homes e mulleres de sempre. Pra mostrarnos que é posible vivir doutro xeito. Que se pode vivir con toda a dignidade o feito de ser persoa humana, imperfecta, pero querida por Deus coas súas virtudes e defectos. Moreu por salvarnos do que verdadeiramente nos perde e nos destrúe.

Eu estaba equivocado cando me afastei del. Non é que non lle importase a opresión e a liberdade dos pobos e a miseria dos homes. Importábanlle e moito e, porque lle importaba, quería atacar o mal na raíz. Quería atacalo e atacouno. El ensinounos que o odio e a violencia só se poden vencer co amor e a paz. Por todo iso, cando me decatei da fondura e amplitude da súa mensaxe, desandei o camiño de ida, que me afastara del, e volvín; pero non me atrevín a volver a entrar no pequeno grupo que queda dos máis fieis. Seguíao de lonxe e esporadicamente e trataba de escoitalo sempre que podía aínda que tivese que facer longas camiñadas.

E de lonxe funo seguino tamén cando o sacaron da cidade pra crucifícalo no Gólgota. Eu tiña medo a que me asociasen con el e coma min, Pedro e os demais. Pedro chegou a xurar que non o coñecía e moito lle pesou. Dunha vez non me resistín a chegarme nunha revolta do camiño e el ben me viu por ente a tráxica cortina tecida de sangue, suor, bágoas e o po do camiño. A súa mirada, cansa, pero bondadosa, penetroume ata o máis fondo de min e gárdoa dentro como o mellor tesouro. Ó velo morrer daquel xeito, moído, pero sen perder a dignidade, e o recordo do seu desgarrado: “Pai perdóalles, porque non saben o que fan”, cambioume definitivamente.

Pouco a pouco fun comprendendo moitas cousas, entre elas que o seu programa das benaventuranzas é o programa máis planifícante e quizais o máis revulsivo pra a humanidade.

Agora que o volvo a sentir resucitado e vivo, non máis aló da lúa e das estrelas, senón a carón de min e mesmo dentro de min, digo coma o Centurión que, ó velo expirar, exclamou cheo de fe: “Verdadeiramente este home é o Fillo de Deus”.
Humildemente e de xeonllos tamén eu, desde a fe recibida e aceptada, atrévome a dicir o mesmo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES