Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O lignito da Limia

jueves, 06 de abril de 2017
Tome o titular, benquerido lector, coma un enganche de lectura, pois son consciente de que ó lelo terase preguntado vostede algo así como "pero, a este, como se lle acordou agora unha historia tan vella?".

E non lle faltará razón se pensou tal cousa, porque nin sei qué foi o que aconteceu no seu momento para que aquel macroproxecto que ía facer un burato inmenso na antiga lagoa de Antela, pero tamén ía encher de riqueza a toda a provincia de Ourense, quedase soterrado por baixo do mítico lago Bión; nin moito menos son coñecedor do estado da cuestión nestes intres concretos.

Pero, sinceramente, foi o que me veu á cabeza -e xuro por San Martiño de Dume, que o tempo me faga tragar as palabras- cando, nantronte, lin a información sobre o proxecto de construcción dun observatorio astronómico na serra do Faro de Avión, entre os concellos de Melón e Covelo.

Veume á idea o proxecto da extracción de lignito na Limia, que logo seica estaba tan fondo que disque custaba moito máis sacalo de debaixo das capas freáticas có que se podía recadar pola súa venda a prezo de mercado. E detrás dese proxecto viñéronme ó maxín outros moitos -un deles, tamén en Melón, incluso-, que non son de relatar aquí e agora porque para iso xa está a hemeroteca e, lamento escribilo así, pero como ourensán sentín un aquel de fastío por tanta chuvia de millóns anunciada e tanta decepción colectiva acumulada por riba de tanta panoplia.

"Ogallá que así sexa e desta volta soe a frauta", ía pensando mentres ía lendo o proceso de xestión do proxecto que os seus mentores teñen ido desenvolvendo para trataren de implicar ás institucións, supoño que a estas alturas da vida, xa un pouco recelosas con este tipo de suculentos proxectos que un día agroman coma as cerdeiras nestes días de primavera e logo chega unha noite de xeada e as flores mirran denantes de lles dar paso ás cereixas.

É dicir, fun navegando nesa contradición entre o que me palpitaba no corazón (ogallá sexa verdade!)e o que me contradicía a razón (esta película xa a vin) a medida que ía lendo, ata que cheguei a unha liña na que un dos mentores do proxecto aseguraba que esperan poder reunirse nos próximos días co presidente da Xunta co fin de que "se pueda concretar ya el tema de la financiación y podamos poner en marcha un proyecto que atraerá a Galicia a tantos visitantes como la catedral de Santiago".

Entón -lamento ser así de sincero-, dixen para min, se todo o que avala o proxecto está sustentado en razoamentos tan visionarios coma o que acabo de reproducir, entendo que se algún día abren as portas non me permitan a entrada, pero, como dicía Curros, agora creo ou non creo, pero dudar ¡xa non dudo!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES