Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 05 de abril de 2017
A aira en silencio

Dime ti, zapatilla, que pisas cada lousa da miña rúa e cada pedra da miña aira, se a morriña está amarrada a un pé do canastro ou se adica a beber da fonte da que manan tempos que xa foron? Dime ti, caldeiro, que vas á burga buscar auga quente para encher os soños dun neno, se pola rúa da Igrexa de Baños de Molgas hai señardade de cando un carro anunciaba a canción de toda unha infancia? Dime ti, molgués que escribes, que enches páxinas en branco nas que debuxas estampas que non volverán, se a vida foi e volveu polos regos das leiras ou se a vida segue choutando por entre todas as escaleiras de pedra do barrio da Igrexa? Ninguén responde. Para que? Hai vida máis alá do silencio. Sempre hai vida, aínda que esta, ás veces, aniñase nas entrañas da miseria, nas asaduras da pobnreza. Senta, silencio, neses chantóns de pedra e que cada veciño soñe co vaivén da súa existencia. E queda a aira en silencio... devecendo por aqueles tempos.

Peche do cine Palafox

Remexendo entre os papeis que adoito traer no libro que estea lendo, atopeime cunhas notas sobre o peche do cine Palafox de Madrid. Aconteceu o pasado 28 de febreiro. O cine Palafox. Que nos anos 80 se dicía que era o mellor cine de Madrid e que eu penso que si era verdade. Estaba preto de onde eu vivía. Imaxinade entón ás estreas cinematográfica que fun alí. A todas! Absolutamente a todas! A señora que despachaba os billetes xa me coñecía de tal maneira que cando reestrearon "Foise co vento" e me viu facendo cola, o chegar xunto a ela, botou as mans á cabeza e dixo que se esquecera de reservarme unha entrada para a fila tal e a butaca cal. Xa sabía onde me gustaba sentarme! Foi o cine no que asasinei a unha muller só coa mirada: ela saía dunha sesión de "Memorias de África", eu entraba á seguinte, e díxolle ós seus acompañantes: "que pena que morre o...". Ela ben se deu de conta da miña ollada. As películas non se contan... vense!. O cine Palafox, daría para unha reportaxe ou un libro.

O peor día da semana

Non habendo película hoxe para ver, non queda outra que manipular no ordenador ata que canse. Xa estou a piques de facelo. Porque xa hai tempo que navego polas entrañas da Internet. Tanto como que xa escoitei todo un álbum jazzístico de Duke Ellington, Charles Mingus e Max Roach, e xa levo unhas cantas cancións dos Ilegales, do seu álbum de 1982 "Ilegais". Agora imaxino que ó rematar este relato pecharei o portátil e dedicareille uns minutos á lectura... ou a marchar para a cama. Estou canso. É sábado. E como todos os sábados é o peor día da semana para este molgués. Xa se pode dicir que me empezou a etapa de andar na viña un sábado si e outro tamén. E axiña pasarei a un día sí e o outro tamén. Ós Ilegales gústalles ver a televisión. A min tamén, pero hoxe cheguei tarde e xa empezara a película. Nunca me gustaron as películas empezadas. Normal, en moitas a primeira escena xa o di practicamente todo.

¡Co ben que se está fóra!

O aire fungaba fóra e pingas de chuvia querían caer, caían sobre a miña cabeza. Pouquiñas, esa é a verdade. Pero intúo que, logo do aire, virá a auga. A tarde do domingo está gris, triste. Non se vía unha alma pola rúa. A miña si. Porque a miña non é capaz de aguantar toda unha tarde pechada na casa. Xa o dicía miña nai: "en ti non cae a casa, oh". Por agora non caeu. A ver!, é que tampouco son parvo; estar ó mellor de papafilloas esperando a que caia a casa. Vaiche boa! Xa sei que fóra pode matarme unha chispa, un alustro, pero que che caia a casa enriba... Co ben que se está fóra; respirando aire puro, oíndo os paxariños, vendo como os caracois atravesan o atallo que vai cara á Valenzá. A tarde está triste, pero un paseo por entre esa tristura é coma sentar nunha aira coa morriña aniñando na alma. Máis ou menos. Agora xa estou de novo na casa e, oxalá!, non se derrube. Que tristura, meu Deus, morrer esmagado co ben que se está fóra!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania