Coma Pérez, en Mallorca
							Xiz, Xulio - lunes, 03 de abril de 2017
							  	Dez días fóra de Lugo, nunhas vacacións do Inserso, en Palma de Mallorca, permitíronme recargar pilas e volver con ganas de seguir batallando en todos os frentes nos que ando metido, e comprobando que todo segue igual.
	Que aparte de min houbese na expedición outros catro vilalbeses coñecidos e amigos, dábanlle á estadía vacacional unha sensación de seguir na casa.
	Estando tan lonxe no alto do Castelo de Bellver un cartel sinala que está a algo máis de mil kilómetros de Santiago- un ten sempre a tentación de comparar as cousas coas da nosa terra.
	E o clima non resultou moi diferente da primavera galega, a xente é aberta e servicial, ofrécese a informar aos que nos amosamos dubidosos, e superan como poden os inconvintes derivados de turistas extranxeiros que só buscan alcohol e praia e que, como se ven de poñer de manifestó en denuncia pública mallorquina, cansan aos residentes polos seus malos modos e comportamento  agresivo.
	Todo xira arredor dese turismo invasor, e abundan máis os letreiros en alemán ca en castelán ou mallorquín, evidencia da  clientela que invade aquela xeografía, aínda en tempo de inverno.
	O que asombra en Mallorca é a utilización do seu idioma que todos saben que é mallorquín, nada que ver co catalán, que figura nas conversas, nos xornais, nas emisoras de radio
 que o falan os nenos, os rapaces, os maiores e os vellos, nunha proporción abrumadora, de tal xeito que xa nos gustaría aos galegos utilizar en tan especial proporción o idioma propio nas conversas na rúa, nos comercios, nos medios, en todo o ambiente mallorquín.
	O Inserso presta especial atención ás vacacións dos xubilados nas illas Baleares e Canarias- e o litoral mediterráneo. A fin de contas estas viaxes son fóra do verán e as características climáticas propician unha maior afluencia a estas zonas privilexiadas pola climatoloxía. Neste caso, medio cento de galegos lucenses, máis outros tantos pontevedreses invadimos  unha parte de Mallorca. Vilalba estivo representada
 e coidei xusto decilo aquí e agora pola satisfacción que produce atopar amigos nunha viaxe e nun lugar así.
							
							
 
							Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora