Dependentes e cuidadores
Editorial - martes, 17 de abril de 2007
A máxima expresión da preocupación social do actual goberno ven ser a Lei de dependencia, e a ela se remiten tódolos altos cargos, autoridades e responsables cando se trata de dar razón de sí.
Parece como se as máximas liñas oficiais de acción fosen a alianza de civilizacións no plano internacional, a paz cos terroristas vascos no nacional, e a Lei de Dependencia no social.
Cando a Lei comezou a súa tramitación, a maior crítica foi a da súa difícil financiación, polo que o Ministro Caldera veuse na obriga hai uns días de pronunciarse e sinalar que un gran dependente vai poder cobrar arredor de mil euros ó mes, e un cuidador dun dependente algo máis de cincocentos euros, incluido o importe da Seguridade Social.
Con toda a modestia que as cifras poidan revestir, é sen dúbida un gran avance nun país no que todo neste eido está por facer, e a existencia dun dependente nunha casa trae consigo radical cambio de costumes e sacrificios vitais por parte dun ou máis membros da unidade familiar.
Moito queda aínda por facer, porque agora o Goberno terá que convencer ás comunidades autónomas para que aporten a metade das cantidades a aboar, cifras ben importantes á hora de incluílas nun presuposto de gastos.
Os socialistas queren que esta Lei sexa a tarxeta de presentación da súa preocupación social, e a mellor mostra de realizacións dunha lexislatura conflictiva e chea de enfrontamentos. Se se consegue, será algo ben feito, e poden apuntarse un tanto. Que non deben arrogarse en exclusiva porque será obra de todos, que todos temos que contribuir ó seu financiamento e execución.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora