Ser divers@s
Santalla, Iago - miércoles, 05 de abril de 2017
Esta semana impresionoume a película Todo lo que túquieras en Versión española. Nela un pai ten que afrontar a súa viuvedade prematura e a crianza dunha filla de curta idade que bota de menos unha presenza feminina. Este home decide ser literalmente nai e empeza a vestirse de muller, coa roupa da súa dona para que a filla non a bote en falta. Xulgar este tipo de actitudes paréceme unha aberración, xa que cada un leva o peso da vida como sabe e pode de acordo co que a vida lle dá. Entón, pola miña parte descúbrome ante este pai que decide ser o que non sinte polo ben da súa filla e que incluso chega a sentir o que non é nese proceso de representar dous papeis.
A trama dá para unha ampla reflexión xa que é difícil saber cal é o afrontamento correcto neste tipo de situacións para as que no fondo non hai receitas máxicas nin se pode establecer por estatística un tempo de dor. Polo tanto, o problema está no cientificamente establecido pola psicoloxía e a personalidade de cada quen que o leva a vivir esta dor ao seu xeito. Este pai deixa claro que vai a dar todo pola súa nena chegando a asumir un rol na casa e outro no seu traballo.
O dilema máis alá da película está en ata onde podemos xeneralizar e onde empeza a individualidade de cada caso. Se a dor está dentro do terreo persoal e asumimos que cada persoa é única e irrepetible o que temos é que ensinar a xestionar a dor sen establecer un tempo entre o normal e o patolóxico. Como ninguén ten a receita máxica o que cabe é respectar e aprender de como viven a dor os que temos preto.
Ante a morte calquera forma de afrontamento é boa e de todas teremos algo que aprender sempre que en vez de emitir xuízo sexamos capaces de velas como o que realmente son: xeitos diversos de afrontar as adversidades da vida.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora