Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xonatán, un carpinteiro compañeiro de Xesús

jueves, 30 de marzo de 2017
Aproxímase a Semana Santa dos cristiáns e quixera dicir algo sobre o protagonista, o noso principal referente de humanidade e centro da nosa fe relixiosa. Pero fareino ao meu modo e sen pedir o “nihil obstat” do censor competente, botando por diante esta introdución:

En certa ocasión agasalloume o gran amigo e admirado por moitas razóns, Andrés Torres Queiruga, dicíndome que lle gustaría ter a miña capacidade de divulgar, ou dito doutro xeito, de poñer á altura do pobo en xeral, do vulgo, conceptos máis propios de mentes privilexiadas. Esta terminoloxía, evidentemente, non a utilizou el que non ten nada de orgulloso. Con toda sinceridade respondinlle:

-Non. Ti non podes facer iso como podo facelo eu, Andrés. E non podes precisamente por saber moito máis ca min. Ti, como bo intelectual e home de estudo e prestixio ben merecido, tes que utilizar a palabra precisa, a exacta, en cambio eu, por saber menos, podo utilizar sinónimos sen tan sequera ser consciente de se desvirtúo ou non o concepto. Ti, segue inventando pólvora que xa nos encargamos outros de mollala ou de facer con ela foguetes que non levanten dez metros do chan.

Síntome como ante Andrés ante moitas outras persoas cando toco as súas especialidades; pero xa sabe que a ignorancia é moi atrevida e hoxe atrévome con Xesús parándome especialmente na súa infancia, botándolle imaxinación pra suplir o que non nos din os evanxelistas, e grazas a un contemporáneo seu do que casualmente me fixen amigo non hai moito. A partir de aquí é el mesmo quen che conta, en primeira persoa, sufrido lector ou lectora, o que me contou a min.

Vai, pois:

“Chámome Xonatán e teño o orgullo de poder presumir de que aprendín a carpinteiro con Xosé no mesmo pequeno taller en que aprendeu tamén Xesús.

Xosé, que home aquel! O seu era pasar desapercibido e, non obstante, tíñaas todas: competente, calado, traballador, servizal, cariñoso, crente... Alguén dixo del que era xusto e bo e con iso está dito todo; pero había que tratalo, pra darse conta do que esas dúas palabras significaban nel, porque xusto pra nós non significa só o que actúa con xustiza conforme á lei, senón o que é íntegro, perfecto, e polo tanto bo en todo momento, parecéndose así a Deus que é a suma bondade.

Pra que dicir unha cousa por outra? Tanto comigo coma con Xesús, que tamén empezou moi novo a aprender o oficio de carpinteiro, era esixente. Non tardamos en darnos conta de que se nos esixía era polo noso ben e polo ben dos que o día de mañá puidesen facernos algún encargo. Era honrado a máis non poder. Nin facía nin deixaba facer cousa ningunha pola que non se puidese responder. De tan honrado que era, nunca deixou de ser pobre. E non quero con iso dicir que non haxa ricos honrados; pero moitos son ricos á costa dos pobres.

Falaba o necesario; pero daba a impresión de que sempre gardaba alá no máis profundo de si mesmo un gran segredo, ou un gran misterio.

E a súa muller, María? Uf! Eu cheguei a quererlle tanto como a miña propia nai. Tamén lle debo case tanto como a ela. Moitos e moi bos consellos me ten dado e, aínda que non mos dese, só con fixarse nela sentíase un chamado a facer o ben e a facelo ben. Deume consellos e xantares, que case nunca me deixaba ir xantar á miña casa, e iso que non estaba lonxe; pero eramos aínda máis pobres ca eles e máis bocas que manter.

María era tenra, traballadora, sempre disposta a axudar e, por riba de todo, piadosa. No sentido de devota ou piadosa con Deus e apiadada ou compasiva cos demais. Pero non vaiades pensar que era unha mixaroqueira na súa piedade, ou o que se adoita entender como unha beata ¡Diso nada!

Un día que a observei mentres rezaba dicía máis ou menos isto: "Magnifica a miña alma ao Señor que desmonta do poder aos que o usan pra oprimir e eleva aos oprimidos; porque sempre se fixa nos humildes” Case nada! Desde entón tamén eu deixei de pensar en Deus como algo moi distante e empecei a sentilo como alguén moi próximo.

Non me estraña que Xesús saíse como saíu, criándose no fogar en que se criou, e, con todo, alí todo parecía en grao sumo normal e sinxelo, polo clima cariñoso e cálido que reinaba.

Xesús era intelixente. Moi intelixente! Pero había cousas que tamén lle custaba traballo dar aprender. O mesmo ca min e ca todos ía aprendendo ao paso que ía medrando. Podo estar equivocado, pero a min paréceme que durmía pouco. Eu creo que pasaba horas repetindo de memoria salmos e rezando oracións que el mesmo compoñía; porque cando se falaba de Deus era coma se se lle iluminase o rostro. Claro, ao durmir pouco, non se centraba como cómpre no traballo e máis dunha vez pegouse algunha martelada nos dedos; pero tiña unha de bo, que, aínda que se mancase ou non lle saísen as cousas ao dereito, nunca reaccionaba violentamente nin con malas palabras nin con malos modos.

Recordo que unha ou dúas veces quedouse quedo como trasposto, ou ensimesmado, como prendido doutros pensamentos. Eu, pensado que lle pasaba algo, chameino; pero Xosé díxome: “Déixao, déixao. Non te preocupes. Xa unha vez cando tiña doce anos sorprendeunos moito alá en Xerusalén á súa nai, a min e aos sacerdotes do gran Templo, todos eles moi doctos”.

E seguiu dicindo algo que entón non comprendín: “A adolescencia é unha etapa bonita, pero difícil; porque nela póñense as bases do que será cada un máis adiante. Vaise afianzando a personalidade e os fillos facedes cousas que non sempre entendemos ben os pais, pero é lei de vida”.

Tiña moita curiosidade por saber de todo. Fixábase en canto o rodeaba e sabía os nomes de todos os paxaros e de todas as flores. Pero, por nada do mundo desfaría un niño de paxariños. E as flores que máis o extasiaban eran os lirios.
Destas si que cortaba algunhas pra levarlle de cando en vez á súa nai un ramiño que ela poñía en lugar ben visible como un agasallo pra todas as miradas.

Naquela época eramos todos bastante relixiosos. Ao principio obrigábannos, pero acababamos aceptándoo por convicción. El superábanos con moita diferenza; pero iso si, sen fanatismos. E outra cousa que tiña é que era moi crítico especialmente cos intolerantes e cos que, como lle oín dicir unha vez, atan cargas demasiado pesadas pra os outros en nome de Deus; pero moi lixeiras pra eles, en nome do mesmo Deus. Chegaba a enfadarse falando de formas de relixiosidade deshumanizadas e excesivamente centradas no culto en detrimento da verdadeira xustiza. Iso levou a facer algo que me contaron e cústame moito crer: A facer un vergallo con cordas e expulsar da explanada do Templo, onde se celebraba o mercado, a traficantes de animais pra sacrificios que tiñan que pagar comisión aos sacerdotes. Se foi así asinou nese momento a súa sentenza de morte, porque o Templo de Xerusalén era intocable por ser o lugar de Deus e algo así como a bandeira e o escudo do seu pobo.

Xosé tampouco pasaba por alto esas formas de entender a relixión como algo de quita e pon, ou algo externo facilmente substituíble segundo as comenencias.
Por nada deixaba as súas prácticas piadosas cotiás, nin de ir os sábados á sinagoga, nin de acudir cos seus pais a Xerusalén nalgunha das festas principais, como eran as de Pascua, de Pentecoste ou dos Tabernáculos. Nunha desas foi cando lles deu o desgusto.

Unha vez na sinagoga do pobo, cando xa eramos adultos, comentando unha pasaxe do profeta Isaías, ousou dicir que coa forza do Espírito viña pra dar a vista aos cegos, facer oír aos xordos, poñer a andar aos paralíticos e anunciar a Boa Noticia aos pobres. Aquilo sentoulles moi mal a algúns veciños que o increparon dicindo: Quen te cres que es? Seica non son os teus pais Xosé e María?

Foi entón cando se botou a predicador ambulante. Menos mal que Xosé xa morrera coma un santo, que se non ía sentir ben que quedase soa María, aínda que soa, soa non quedou, porque era algo así como un pouco familiar de todos, xa que todos a queríamos, pra todos tiña un sorriso, por todos se preocupaba e a todos axudaba.

Antes de irse Xesús díxome en confianza que sentía deixar o oficio, porque o traballo, tantas veces escuro, calado e anónimo é o verdadeiro sostén do mundo, a mellor forma de realizarse e un xeito de colaborar co Creador. E tamén me advertiu do que, lamentablemente resultou certo, como non podía ser doutro xeito, como lles ocorreu a outros profetas, homes de Deus comprometidos con facer o ben e denunciar o mal, que probablemente tivese que chegar ao extremo de dar a súa vida en sacrificio.

Encargoume que non deixase de estar pendente de María e díxome con certa tristeza que presentía que ía ter máis complicacións na nova misión que tiña que cumprir, que as que tería se seguira de carpinteiro e medio albanel coma min; pero que debía cumprir a vontade de Deus pra que reinase no mundo a verdade, a xustiza, o amor e a paz, porque esa era a misión que o Pai lle encomendou.
A verdade é que non houbo ocasión pra que mo explicase amodo e entendín moi pouco do que me dixo; porque nunca andei sobrado de luces nin de medios pra acendelas; xa que, sendo pícaro levábanme a sinagoga a rezar, pero aínda que estaba mandado, leváronme pouco a estudar. Sei cousas da Biblia de memoria, pero leo pouco e escribo peor porque, ao ser pobres, había que empezar axiña a traballar e con ninguén podería ter ido mellor que con Xosé, María e Xesús. Pero con máis estudos ou menos, creo que fun un privilexiado por coñecelos e sentirme aprezado e querido polos tres”

Non sei por que, pero por veces paréceme coma se este Xonatán fose algo parente meu, e se cadra, resulta que somos da familia; porque alguén que entende moito diso, José Ramón Ónega, entre moitas outras cousas, investigador e autor de “Los judíos en el Reino de Galicia”, sempre me di que teño moito de xudeu polo físico e polo apelido, xa que polo visto, cando se converteron -máis ou menos- ao cristianismo pra que non os expulsasen de España os chamados Reis Católicos, algúns adoptaron apelidos de árbores como é o caso de Carballo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES