Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galopando con Paco Ibáñez

miércoles, 29 de marzo de 2017
Cando empecei a escribir nesta fiestra prometinme ir facendo homenaxes a aqueles referentes vitais que, dun xeito ou doutro, compuxeron o meu ser enriquecéndome con verbas imprescindibles que me acompañan pola vida. Así, pouco a pouco, fun lembrando a referentes vitais como Facundo Cabral, Mini e Mero, Miro Casabella, Celso Emilio, Manuel María, David Otero, Xesús Castro Vidal, Valdi ou Xulio Xiz. Para falar de cada un deles agardei o momento preciso e tentei ser xusto coas emocións que suscitaban en min.

Pois ben, nestes anos tiña unha débeda que hoxe cumpro ao saber que o 20 de abril Paco Ibáñez actúa no Jofre. Para min Paco é o recordo dun Ritmo 75 que camiñaba cara ao colexio de Portomarín ao son do “Lobito bueno”, do “Soldadito boliviano”, do “Déjame en paz” e, por suposto, sempre coa enerxía de “A galopar”. Pouco a pouco, fun medrando e todas aquelas letras enchéronse de significado, obrigándome a indagar en Goytisolo, Guillén, Góngora ou Alberti , por suposto, achegándome a Gabriel Celaya con aquela emoción que sempre xera “la poesía es un arma cargada de futuro”.

A primeira vez que vin a Paco foi no Rosalía na Coruña e estivo acompañado por Miro Casabella. Daquela, xa Paco empezaba a facer recitais en diversas linguas que incluían as cinco peninsulares, o francés e o provenzal. Os concertos de Paco crean un ambiente de autoestima que, dalgún xeito, carga ao espectador de azos para cambiar o mundo. Ir a un recital é abrir miras para pensar con máis forza, con máis ganas, coas ganas que lle bota un home de 82 anos que segue recorrendo o mundo cunha guitarra repleta de poesía. Un home intelixente e comprometido que tomou ”partido hasta mancharse” e agora maldice con xustiza e con razón a aqueles que toman “partido hasta forrarse”.

Da gusto ver como un cantor que empeza a súa carreira en castelán, sendo criado nun caserío vasco e desenvolvendo a súa vida en Barcelona, foi capaz de achegarse á diversidade lingüística ibérica e europea para ser un difusor de poesía. Aquí Paco converteuse nun vínculo imprescindible entre os poetas e os lectores que, por el, achegámonos a xente que nos ficaba un tanto lonxe como é o caso do Arcipreste de Hita quen, por certo, reflicte nos seus poemas un anticlericalismo cara á curia e certa naturalización do sexo, moi explícito en determinadas composicións. Teño que recoñecer que sen Paco non chegaría a ler polo miúdo a determinados autores que hoxe considero fundamentais para min.

Os recitais de Paco como dicían antes son moito máis que música, son as verbas dun home que asumiu nun poema de Goytisolo que so lle quedaba a palabra e nela militou toda a vida, utilizándoa para non calar fronte as inxustizas. Serían moitas a recordar pero por nomear unha da nosa historia máis recente, podemos recordar como Paco se involucrou con moitos outros na denuncia do asasinato de José Couso.

Falamos dun soñador incombustible que leva ao redor de 50 anos recorrendo o mundo cunha alforxa cargada de poesía. Unha alforxa na que Lorca, Alberti, Gloria Fuertes, Celso Emilio, Quevedo e tantos outros seguen perennes na eternidade dunha verba que recupera a emoción aloumiñada por unha voz firme e leal, unha voz de principios que estou seguro que lle queda moito por galopar e que se algunha vez se apaga será eternamente recordada como unha arma fundamental por aqueles que dedican a súa existencia a construír porvires colectivos. De momento e por moitos anos témola con nós. Desfrutemos dela novamente no teatro Jofre ferrolán o día 20 de abril.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES