Un chiscar de ollo
Quixo un chiscar de ollo ser mensaxe de intolerancia cero, pero tan só foi unha burla cara ó destino do inferno. Sempre haberá momentos nos que un cachiño de silencio acougue sobre a forza do vento. Sempre haberá refachos de vento que tombarán ou arrincarán aqueles sentimentos que correron por entre as xestas do Medo. O tempo, quéirase que non, pasa sempre, aínda que sexa moi silandeiro. Quixo un chiscar de ollo debuxar sobre a pátina dun codeso o barullo infantil dun recordo. Porque o tempo (sempre o tempo) deixa as sementes

da felicidade polo fondo dos regos para que un parágrafo, unha páxina, un libro nos descubra que aqueles momentos foron, son e serán o eterno soño, o eterno vivir dun neno, de calquera neno. Quixo un chiscar de ollo bailar coa morriña por entre os palleiros ata o útimo alento. E cando cansou abriuse o ollo esquerdo e a vida empezou a buscar o mellor carreiro.
Sábados de rapar e peitear
Stan Getz e Charlie Byrd andan a voltas co álbum Jazz Samba e este molgués que escribe senta na gloria seguindo o seu ritmo. Boa falta fai; que o día, para ser sábado, foi de rapar e peitear. Practicamente todos os sábados son de faca e callao. Para que despois moitos vaian por aí dicindo que bendita fin de semana e outras lindeces. A ver, como aquí non o podo dicir alto, si o vou dicir claro e con signo de exclamación: odio as fins de semana! Logo, para máis aquel, son funcionario... co ben que vivimos. E dígoo sen ningunha retranca. É máis, dígoo precisamente para aqueles que sempre andan esbardallando sobre o colectivo, para que lles abesoure máis. Tamén teño dereito a ter mala conciencia. Coa música do saxo, a guitarra e a batería, entre outros instrumentos, soño cun domingo no que me amaine, no que me mingüe esta dor física que cabalga sobre este corpo mirrado. Si, tamén chegarán domingos de armas tomar. Porca miseria! Mais agora, largo para ver unha película.
Lenda do Rock and Roll
Morreu Chuck Berry. O pasado sábado, á idade de 90 anos, morreu Chuck Berry, quizais a última lenda do rock and roll. As cancións de Chuck Berry creo que as coñecín pois desde que puiden oír unha radio ou un tocadiscos daqueles que había nos bares. Pero cando realmente coñecín a Chuck Berry foi cando vin a película "Chuck Berry Hail! Hail! Rock´n´Roll" (1987), un documental dirixido por Taylor Hackford e que cobre o concerto que o roqueiro levou a cabo no Teatro Fox en St. Louis, Missouri, para celebrar o sexaxésimo aniversario da estrela. Ó mesmo tempo Hackford relataba a vida e a carreira desta

auténtica lenda do rock and roll. Coñecía algunhas cancións del, seguro que as máis famosas, pero vendo o documental, a película descubrín a un auténtico xenio. E iso que, naqueles tempos, 1987 ou 1988, non recordo ben, non era que me desvivise moito polo rock and roll. Pero o documental ía máis alá dunhas simples cancións. Agora, neste ano, ía lanzar un novo disco. A esas idades! Un crack, un xenio, unha lenda. Descanse en paz.
O espantallo da nosa educación
Acabo de contemplar as imaxes pola televisión da loita dos pais nun partido de fútbol de categoría infantil. E sei que non vou conseguir atopar nin as palabras nin os adxectivos correspondentes para dicir ou comentar algo. O de bochornoso, de pena, de rabia, de tristeza, de espectáculo queda curto co que realmente aconteceu. Xa sei que me repito, pero levamos o demo dentro. E non vale que haxa nenos diante nin rabo de gaitas. Nós somos únicos, potentes, omnipresentes, perfectos e temos que demostralo. A razón sempre é nosa, carallo! Nin dos árbitros, nin dos nenos, nin do xogo. E se metemos ós nenos polo medio, xa non digo nada... os máis ricos, os máis altos, os máis guapos, os máis bos. E que ninguén me leve a contra, rediós!. Axiña boto un carallo pola boca e fago voar uns puños para que amosen a realidade dunha urbanidade que non temos, da saña que levamos dentro. En cada patada viaxa o espantallo da educación, da nosa educación.