
O sábado, 25 de marzo, honramos como se merece a Xosé Vizoso en Mondoñedo. Preséntase unha publicación colectánea da súa obra, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación, o concello mindoniense entrégalle os distintivos de Fillo Predilecto e arredor de 200 persoas procedentes de toda Galicia compartiremos co artista acto e mantel.
Na publicación, Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo, colaboran case en cento de persoas con artigos que, amais dunha sinopse biográfica, analizan as diferentes facianas da súa ampla e excelente obra (ilustrador, escultor, cartelista, deseñador, escenógrafo, retratista, muralista ...). Desde os primeiros pasos do pícaro que debuxaba cabalos na Fonte Vella ata o Vizoso con obra arrombada e encarpetada, que merece e debe ser coñecida, esparexida polo seu estudio de Brión. Completa o libro un coral capítulo de agarimos, 75 apertas en verso, en prosa ou debuxadas, asinadas por amigas e amigos do ancho mundo que Vizoso conquistou co seu sorriso.
O Castro, Sargadelos e o IGI saben da pericia deste moldeador de soños, do creador de formas que dedicou a súa vida profesional a colaborar na construción da ilusión ideada por Seoane e Díaz Pardo. Máis alá deste reduto da intelixencia estética do país, Vizoso iluminou libros, empapelou paredes con carteis inconfundibles, esculpiu e murou con fermosas imaxes as nosas vidas. Puxo en papel, tantas veces nun humilde pano de mesa, o xesto de ducias de rostros e deu vida a numerosos escenarios teatrais.

Antes de rematar este bosquexo apurado do noso artista, e de convidarvos ao acto de homenaxe, debo desvelar un segredo que explica o das mil mañas que se lle apoñen. O Vizoso que todos coñecedes, o artista refinado e elegante, o que desde diferentes propostas e soportes tratou de dotar a cada unha das obras nas que puxo a mente e as mans dunha singularidade ética e estética, o que contribuíu así á xestación dun repertorio icónico anovado para a arte galega, ten, cando menos, un segredo.
Cóntovos. En cada obra do Vizoso habita un ser do seu imaxinario particular; un ser creado e pintado por el. Pode ser un demachiño, un encanto, un trasno, un Velagullas, unha serea
unha criatura con aparencia inocente, camuflada nun ollo ou nunha flor, tras dunha folla ou dun crecho, e que nos espía desde dentro das súas obras sen que nós nos decatemos. Ese ser que nos observa, incluso pode que nos chisque o ollo, arquiva un montón de información sobre o incauto ou incauta e pásalla directamente, sen intermediarios, a Vizoso.
Grazas a esa estratexia, a eses dixomedíxomes que el pinta nas súas obras, é quen Vizoso de atender con tanto acerto os noso gustos cando deseña, debuxa, ilustra ou retrata! Ese é o seu truco, a verdadeira razón pola que nos ten entusiasmados! Coñece de antemán o que nos gusta e como a súa intención foi sempre a de ternos contentos e felices, faino e punto.
Gran artista e mellor xente este Vizoso!