
O 21 de marzo de 1957, hai sesenta anos, falecía en Vigo o poeta José Rey-González, quen nacera o 21 de agosto de 1874 en Bamil, Caldas de Reis.
A súa obra sitúao entre os que Carballo Calero denominou epígonos dos grandes mestres do Rexurdimento, o que certifica a lectura de volumes como Frangullas (1910), Lira gallega (1911), Flores murchas (1914), A musa da terra (1915) ou Latexos. Cantigas da terriña (1925).
O ars dedicandi que recupero estampouse en Fume de pallas, libro editado en Pontevedra, na imprenta de Celestino Peón, en 1912, un texto que espella a lírica enxebre debedora da Rosalía e o Curros máis costumistas.
A dedicatoria ofrécese A mi distinguido compañero y amigo, el culto profesor don Luís Tobío Campos e está asinada en setembro dese ano.
En efecto, Tobío Campos (Brión, 1861 - Santiago, 1943) e Rey-González foron colegas no exercicio do mestrado e tamén no oficio poético, pois xusto nese 1912 o da Maía deu a coñecer Ecos y esbozos, o seu primeiro libro de versos, ao que seguiron Rosiñas da Terra (1917) e Rimas galicianas (1935).
Dáse a circunstancia de que Tobío Campos foi primo segundo de Rosalía e, polo mesmo, persoa que ben coñecía a mellor tradición lírica, tanto de autor coma de transmisión oral, pois non en van compilara en 1880 unha importante Colección de Cantigas da Mahía.
Compréndese, por tanto, o interese de Rey-González (pai que foi do tamén profesor e colaborador de prensa Jacobo J. Rey Porto) en facerlle chegar ao seu compañeiro (por súa vez proxenitor do ensaísta e tradutor Luís Tobío Fernández) un exemplar dedicado deste Fume de pallas, onde poden lerse versos tan populares coma os que se descobren na súa cuberta:
Infra gaitiña,
toca, gaiteiro;
que ¡ai! mentras tocas,
fúxenmas mágoas
de dentro peito.