Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A triste historia dun burriño que quixo estudar para cabalo (2)

jueves, 23 de marzo de 2017
A triste historia dun burrio que quixo estudar para cabalo (2) Remixio comeu pouco ó xantar; porque notaba coma se tivese atrancado un nobelo de chumbo no peito. Case non deu palabra e moito menos fixo ningún comentario coa familia sobre a conversa que viña de escoitar entre o Burriño e seu pai, porque aínda non acababa de crer el mesmo que en verdade tivese escoitado falar entre eles ós dous burros. Cando lle preguntou a muller se estaba mal ou por que comía tan pouco, respondeu secamente:
-Non o sei. Ben non estou, Voume deitar outro pouco á chousa ata que baixe un pouco o sol pra volver a saír co tractor.

Cerrou detrás de si a porta da cociña e volveu prá chousa; pero agora deitouse nunha beira, á sombra do carballo vello que aínda non tirara a folla. Non tiña curiosidade por oír máis ós burros, xa que lle chegaa ben o que escoitara pra poder dixerilo: pero despois dun pouco de estar deitado boca arriba, coas mans detrás da caluga e reparando nas filigranas que debuxaban os raios de sol por entre as follas do carballo, non puido menos de escoitar ó burro pai:
-E, supoñendo que puideses estudar pra cabalo, de onde pensas que podo aricar eu os cartos pra pagarche os estudos?
Respondeu sen perder a calma o fillo:
-Agora iso non é problema, papá; que hai becas prá igualdade de oportunidades.

Sentenciou o pai en son de non pouco escepticismo, fillo de anos de desenganos e da fame pasada, porque a fame repetida a miúdo na infancia en algúns o primeiro que mata é a esperanza de volver a comer e fai escépticos:
- Que inocentiño es, meu neno! Esas igualdades de oportunidades só che están nas propagandas. ¿Non ves que a desigualdade xa nace con cada un, dependendo de se vén ó mundo á ventimperie ou nun cortello? E, se vén nun cortello, tamén depende de se o paren en cemento, en cama de goma, ou en lastrado de toxos.

Sentenciou tamén o rapaz con toda a inxenuidade, filla da confianza de quen non chegou a experimentar o que é pasar fame:
- Non tén por que ser máis intelixente o que nace en cama de goma ca o que nace á ventimperie.

Volveu a haber silencio e tocoulle rompelo ó burro pai dicindo:
- Non sei se atinarei a dar dito o quero dicir; pero eu entendo que aínda que dous veñan ó mundo coa mesma intelixencia á hora de naceren, poden non ter posibilidades de espertala da mesma maneira, debido ó ambiente en que se críen... E pra iso dos estudios paréceme a min que non é o mesmo criarse entre libros ou nun ambiente cultivado ca criarse apartado deles. Claro que os libros non abonda con telos e ollalos desde fóra, hai que meterse dentro deles; pero así e todo...

- Iso pode superarse a base de esforzo, -interrompeu o fillo- Vostede déixame estudar pra cabalo se saco unha beca?

Fíxose un novo silencio durante o que o pai non deixou de xenegar a testa a ritmo lento e compasado. Logo, en son moi cordial, moi sincero e moi dorido, dixo con voz que zumegaba tenrura.

- Ven, achégate máis a min… Non sabes o que me pides, meu fillo. Fíxate ben: eu agora xa vou indo pra vello e se ti me faltas vou ter que cargar co que xa non poida... Con todo, iso non sería o peor, que xa hai tempo que teño decidido non reterte comigo contra o teu gusto; pero, as becas, aínda que as conseguises, non han cubrir tódolos gastos e eu non podo facer máis do que xa fixen ata agora. Ás veces pásaseme pola cabeza que quizabes fose mellor que marchásemos pra máis cerca dunha cidade cando eras pequeniño, pero auga pasada non move muíño. Tódolos pais desexamos que os fillos sexades máis felices do que fomos nós, pero... as cousas son como son e non hai que facerlles. Debe ser certo que cada un nace co seu destino que está dende sempre escrito nas estrelas.

O burriño restregou o seu fociño contra o pescozo do pai e logo díxolle:
- Moito me falta por saber, porque non sei distinguir entre paciencia con esperanza e resignación que paraliza.

- Non sei que queres dicir, fillo.

- A paciencia fai falta pra darlle tempo ó tempo; pero a excesiva resignación ante as dificultades impide loitar polo que se quere e anticipa a derrota.

Non puido aguantar máis Remixio, ergueuse súpeto e foi directo a onde estaban o burro grande e o burriño. Aínda non acabara de chegar a xunto deles cando dixo dirixíndose ó burriño:
- Así que queres estudar pra cabalo. Pois, teño visto cousas máis ó revés.

- Non faga caso, mi amo, -interveu o pai- Este pequeno tenlle moita imaxinación e por veces soña con querer ser máis do que pode.

Seguiu o Remixio, apaxándolle a cabeza por entre as orellas ó burriño:
- Se vales has de estudar. Diso encárgome eu, tanto se tes beca coma se non, e se Deus dá saúde non che ha faltar pra poder alternar como é debido, que ti gastador non has ser.

Logo, dirixíndose ó pai díxolle:
-E ti non teñas medo, que prometo non impoñerche máis cargas das que poidas levar con desafogo; que agora eu non estou tampouco pra botarche ó lombo grandes pesos e pró máis bruto xa temos o tractor.

Ó burriño escoábanlle bágoas coma puños; pero por tras das bágoas, sorríalle a santiño dos ollos. Entre saloucos agradeceu:
- Vostede si que é un amo caritativo.

Estas palabras, en lugar de producirlle satisfacción a Remixio, avivaron os remorsos que espertaran mentres cavilaba deitado boca arriba, pois era ben consciente de que o que estaba a facer non era caridade. O seu xesto aparentemente magnánimo non pasaba de simple xustiza; porque o burro pai levaba anos e anos traballando na súa casa sen máis paga ca comida. E, aínda por riba, tíñase mantido moitas veces do que pacía en montes comunais. Por ben pouca cousa fixérase dono dos seus mellores anos, sen sequera telo ó día nas cotizacións da Seguridade Social; porque el non reclamaba e os sindicatos non teñen carnés pra burros de carga perdidos nunha aldea calquera, ou, se os teñen, é pra faceren vulto e pagaren as cotas. Algo ou alguén dixo dentro del mesmo: - Que doado é pasar por bo entre os desmaliciados!

Comezaron os estudos e nos primeiros tempos o burriño mesmo parecía que brincaba por riba dos cursos como antes brincara por riba das toxeiras. Foi obxecto de consideracións por parte de sisudos catedráticos, pedagogos, psicólogos e sociólogos. Aplicóuselle unha batería des test que deu como resultado que a súa intelixencia era en dous puntos superior á dos cabalos dos rexoneadores da festa nacional. As distintas cadeas de televisión competían a ver cal había de dar a noticia máis sensacionalista en col dun burriño que aspiraba a desclasarse e ser. Pero na clandestinidade tamén había círculos furgando nas tendencias dos seus antepasados, nalgún posible cruce adúltero de razas e incluso algún moralista afirmou que pasar de asno a cabalo era contra natura. Retrucoulle un filósofo que contra natura non, porque a diferenza era só de especie non de xénero e como proba aí están mulas e burreznos. Pero eran máis os que se facían linguas dos adiantos do burriño e da apertura á modernidade dun estado que facilitaba que os burros de sempre puidesen acceder a estudantes pra cabalo. Mesmo se deu o caso de que un procurador en cortes case vitalicio, polo tercio familiar e por designación directa do Xefe do Estado, que esquecera que el tamén proviña do rural, propuxo mandar a todas as escolas nacionais rurais un póster apaisado de oitenta por trinta do burriño con cara de cabalo, longas crins e amatas brancas rodeado de nenos e nenas.

Outro retrucou que se podían vender os póster a particulares que os quixesen polo módico prezo de 2.000 pesetas que se destinarían a unha fundación benéfica; pero non prosperou a proposta por non ser defendida con ardor, debido a que lle escoitou dicir a outro polo baixo e tapando a boca coa man:
-Si. E así descárganse conciencias do que roubaron, facendo que fan caridades. O día que se abra a veda e algúns poidamos falar…
Esta historia rematou mal. Rematou moi mal.

O burriño chegou á universidade, é certo, pero non deu feito carreira. Axiña deixou de ser noticia. Nin sequera se lle deu publicidade á súa forzada expulsión, que mellor debería chamarse exclusión. Nun informe interno consta que non rendía debidamente nos estudos e era unha carga pró erario público por deixarse engaiolar por unha burriña da súa mesma idade, pero en realidade a verdadeira causa de que se lle pechases camiños foi que as prazas non chegaban nin a medio prós fillos do "cuerpo".

O burriño avergoñado non volveu a aparecer pola casa de Remixio, nin pró enterro de pai que morreu de saudade dous anos despois.

Había moitos veciños que preguntaban por el nos primeiros tempos, pero logo tamén se foron esquecendo, porque, ó fin e ó cabo, só era un burro máis que se fora polo mundo.

Os anos pasan pra todos e hai uns anos un fillo do Remixio, pasou por Sevilla nunha viaxe do Inserso e recoñeceuno cerca do Parque de María Luísa facendo un traballo máis propio de cabalos, tirando por unha calesa de catro asentos de viaxeiros ademais do do chofer. Recoñeceuno por un luar que tiña detrás da orella esquerda e achegouse a el pra falarlle; pero o burro, con aspecto de moi canso e avellentado, nin o mirou. Seguiu coa vista encaixada entre as orelleiras e perdida cara a ningures.

Pensou pra si o fillo do Remixio e non puido evitar dicilo en voz máis alta do normal:
- Pobre. Non deu feito carreira pero aprendeu ben as direccións prohibidas.

Epílogo:
Perdoa, lector ou lectora, que tamén a min me gustaría que esta historia tivese un remate distinto fose historia pasada. Ben sei que outras remataron mellor, por exemplo eu din feito carreira e moi a miúdo esquezo ós que non puideron nin sequera empezar.

Dicía ó comezo que se escribiu e se contou en público hai moitos anos, naqueles en que foi merecente de ser “evacuada” en forma de resume á autoridade provincial competente pola autoridade local incompetente que tamén estaba moi atenta con uniforme ou sen el ás miñas homilías pra “evacuar” tamén os impertinentes resumes das mesmas. Como o facía en cumprimento do deber que le impuxeran e tiña fillos que manter, seguimos levándonos ben.

Hoxe a historia do burriño que non deu feito carreira podía ter moitos finais moi distintos, como por exemplo: que atopuo medio de falsear expedientes e ocupou altos cargos en política, polos que ten garantida unha pensión vitalicia que nunca podería soñar seu pai nin el mesmo. Por qué non probas ti a poñerlle outros remates? Verás que é divertido… ou tráxico.

Por outra banda, cabiou moito todo. Xa non fai falta “evacuar” resumes pra desacreditarme a min e a moitos curas que fixemos un notable traballo de suplencia social. Abonda con dicir que somos incultos, escurantistas, parasitos, fillos da casta e que vivimos da morte.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES