Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 22 de marzo de 2017
Unha alegría triste

Case ás dez da noite do día seguinte do partido Barça-PSG conseguín ver os goles do mesmo. E iso que vin o partido pola televisión. Medio o vin. Porque as présas nunca foron boas. No minuto 75 díxenlle ó rapaz de marchar para a casa; así tiñamos tempo de acomodarnos para ver a correspondente película noitébrega. Total, ían 3-1 e os cataláns precisaban tres goles máis. Baixámonos do coche e faltaban 10 minutos, e seguían 3-1. Xusto cando me empezaba "Gran Torino" dime Xoel ó oído: remontou. "Veña, home, déixame ver a película". Remontou, volveu a soltar. Non o crin, claro. Nin ó terceiro nin ó cuarto intento. Ata que collín o móbil e abrín a aplicación que teño do Marca. Axiña vin no titular un 6-1. Nai que me pariu! E non fun capaz de exteriorizar alegría porque axiña me impactou algo así como tristeza, como unha desilusión por non ver o que case ninguén esperaba. E, coidadiño, xa nos perderamos o primeiro gol porque no café non atinaban co canal que proxectaba o partido.

Entre lobos

Bailo entre lobos no recanto dun soño, mentres nas fontes da Portela brota a auga para saciar a sede dunha doniña sinxela. Canso de bailar, sento entre os lobos e deixo que se acheguen a min. Si, co rabo entre as pernas, pero cos latexos dos seus corazóns bulindo por cada instante da miña saudade. Quero ser o gran xefe da súa manda, mais chégame con contemplar as súas olladas para saber que eu, entre eles, non pinto nada. Non obstante, ulíscanme e lápanme. Ergo e paso a miña man dereita por cada lobo que está ó meu arredor. Sinto o contacto, sinto a nostalxia e vexo pasar o tempo por entre os dedos da miña memoria. Todos eles sentan e, pouco a pouco, adormecen sobre as herbas verdes dunhas horas que non volverán. Bailo entre lobos nunha tarde de silencio e deixo que cada un deles se refregue contra as miñas pernas. Oxalá se deteña o tempo! Pero meto os dedos na boca, asubío e marchan por Sudalomba arriba. Regreso para Baños de Molgas.

Non me toques a saia!

As mozas de Xestreu non queren que lles toquen as saias. Eu non quero que llas toquen nin a elas nin a ningunha muller do mundo, sexa branca ou negra, europea ou africana. Pero, coidadiño!, elas tamén deberían ter en conta que non queremos que nos toquen tanto as fibras do sentimentalismo coas súas cancións, porque hai momentos nos que non queda outra que emocionarse. E emocionámonos. Eu polo menos emocioneime cando volvín escoitar de novo eses temas que chimpan muros e atravesan fronteiras. Auténtica diversidade cultural para todo un grupo galego. Cinco mozas que abarrotaron unha sala e que actuaron en perfecta comuñón co público. Alí, sobre o escenario, aboiaban sentimentos que ían máis alá do propio tema musical, caían pingas de cantigas galegas e gotas de cultura universal. O grupo Xestreu rastrexou camiños cosmopolitas para ensinarnos que a meta, ás veces, está nunha simple e bonita canción. Son boas, moi boas. E non lle penso tocar as saias.

Locen os carballos?

Ninguén dubida de que a vida pasa porque nada está quieto. Aínda que Lorenzo Cachaldora non move nin un músculo. Quere contemplar ó escornabois cruzar o carreiro das Mestras. O escaravello é certo que se fai de rogar. Non quere moverse. Lorenzo Cachaldora imaxina que é porque está coma deus ó sol. A ver, ós bichos tamén lles gusta o sol. A quen non? Claro que Lorenzo Cachaldora, nestes momentos, está á sombra duns carballos que locen ó seu arredor. Por certo, locen os carballos? Vaia se locen! Onde estea un simple carballo que se quite todo un bosque de eucaliptos! Este pensamento faille soltar un sorriso a Lorenzo Cachaldora; porque Galicia, me cago no mundo!, estase enchendo non só de eucaliptos senón de bosques de eucaliptos. Veña, por Deus, se ata o nome nin ten comparanza co rexo carballo. Claro que a nós, ós galegos, sempre nos toca bailar coa máis fea. Lorenzo ergue do chan, cruza o Arnoia e sobe para o barrio da Igrexa de Baños de Molgas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania