Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manancial burbullante

domingo, 19 de marzo de 2017
Podemos dicir que este é un día algo así como “pasado por auga”. Non porque chova ou deixe de chover fóra, senón porque a auga vén ser o centro das nosas lecturas de hoxe. A auga e maila sede. O noso Pai Deus e mailo seu fillo Xesús son considerados e proclamados hoxe como “auga viva”. E esta “auga viva” é considerada tamén como a única realidade que pode saciar verdadeiramente a nosa sede.

No Antigo Testamento, coma un presaxio ou anuncio do que virá, Moisés facía saír auga da rocha para dar de beber ó pobo sedento. Por outro lado, na Carta ós Romanos, dinos Paulo que no fondo de nós mesmos hai un desexo e unha “esperanza” de “acadar a gloria de Deus”.

De onde nos vén tal ansia e tal esperanza? Pois dese mesmo Deus que habita en nós. Ou, como nos di tamén, aquí mesmo, Paulo, trátase dunha esperanza que “non falla”. Pola seguinte razón: “porque o amor de Deus se verteu nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo que se nos deu”.

É dicir, tódalas persoas (sexamos cativos, mozos, adultos ou anciáns) temos algo especial no noso interior que non se dá saciado coas cousas e as adquisicións digamos normais. En definitiva vén ser Deus mesmo, o seu Espírito vertido en nós, o que nos fixo e nos vai facendo cada vez máis “á súa imaxe e semellanza”. Por iso, é dicir, porque –malia os nosos fallos- temos moito de “divinos”, por iso temos desexos de telo todo, de vivir sempre, de ser absolutamente felices. Temos desexos que nos diferencian nisto totalmente dun can, dun ghato, dunha ghaivota ou dunha pomba, para nomear só eses benditos animaliños cos que me atopo máis dunha vez ó vir andando desde Teis ata aquí. Se vos fixastes ben ó escoitardes o precioso relato do evanxeo de hoxe, é iso o que está de fondo na conversa de Xesús coa muller samaritana e dela con Xesús. A muller busca auga, auga sen máis para beber, auga que ela ten que quitar do pozo. Mais Xesús faralle saber a ela que el está ó tanto do que ela busca tamén: amizade e relacións (os cinco ou seis homes cos que ela andou ou aínda anda enredado). Porque, á fin de contas, ela vai confesar abertamente tamén que o que realmente e sobre todo ela busca é algo que a satisfaga totalmente e de maneira plena e definitiva.

Pero esta confesión vai precedida pola mensaxe, pola “boa mensaxe”, pola “boa e alegre noticia” que lle comunica antes Xesús ó lle dicir a ela: “Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; mais o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede; a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna”.

Como vedes, Xesús fala dunha auga que sacia plenamente. Porque non é auga medida nun vaso ou embotellada nun recipiente limitado. Máis que auga, o que lle ofrece Xesús é unha fonte viva de auga. Unha fonte de tal calidade que é capaz de facer saltar a súa auga viva ata o ceo, ata a “vida eterna”.

Cando eu era cativo, ía algunhas veces á aldea próxima á miña en que nacera. Era a casa dos meus avós paternos. Na parte baixa da casa (onde se prendía o lume, xantaba e parolaba) había un vertedoiro de pedra no que un gran picho deitaba, día e noite, auga sen parar. A fonte desta auga estaba alí mesmo, agachada, mais conectaba directamente co picho. É unha imaxe, unha lembranza, que nunca se me esquece. Nós tiñamos alí toda a auga que nos podía facer falla porque a fonte estaba alí.

A samaritana, en cambio, non tiña auga na casa, coma os meus avós, e tiña que ir a por ela. De modo que, ante a oferta de Xesús de darlle un tipo especial de auga, que sería como unha fonte cantareira, non pode menos de exclamar: “Señor, dáme logo desa auga”.

Porque o que ela quere, igual ca todos nós, é iso: cousas que vallan para sempre, cousas que nos enchan de felicidade plena, cousas que “salten ata a vida eterna”. Pero estas “cousas”, en realidade e en definitiva, non son “cousas”. Ou, dito doutra maneira, son cousas que só se poden atopar en Alguén que nolas pode ofrecer con garantía e verdade. Só o noso Pai Deus e o seu Fillo Xesús, presente en nós polo seu Espírito, pode e quere darnos iso que ardentemente buscamos.

Lembrémonos unha vez máis do dito por Santo Agostiño: “Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata que acougue en Ti”.

Pois se iso é así e conservamos aínda un pouco de egoísmo (o egoísmo non é nada malo, con tal de que se atenda ó egoísmo de todos), entón xa sabemos o que temos que facer. Orientar o noso corazón cara a onde poida recibir o que sempre desexa: a plenitude e a felicidade total. Así realizaremos en nós aquela “conversión” á que nos convida este tempo de Coresma co seu convite: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, cre na alegría e felicidade que o Evanxeo nos ofrece de maneira totalmente gratuíta.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES