Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se eu che contase (10)

martes, 21 de marzo de 2017
O paraíso perdido
de John Milton

Se eu che contase (10)John Milton compuxo esta obra totalmente cego; segundo describe na mesma, ditaba de mañá os versos que recibía pola noite (a inspiración da noite). Así aparece representado neste cadro de Munkacsy.
-.-

O paraíso recuperado

¿Quen os expulsou? ¡Unha hidra de sete cabezas, sete veciños envexosos, sete pecados capitais, encabezados por Lucifer! Isto ocorreu no país das Quimbambas, outro paraíso. O erro de Deus foi poñelos naquel edén, pois se deixara no deserto ao Adán e á Eva, maldito se lles estorbarían aos anxos rebeldes. Non é que Deus teña limitacións senón que se pasa de bo, que tamén por iso se lle sublevou Lucifer: ¡Fíxoo Príncipe da Luz, e tívose por Deus!

Os paraísos perdidos quítanlle o sono a calquera, así que o caso de Milton ten toda a miña comprensión, e iso que Milton non pasou por elas, que só as imaxinou!

Aquilo da mazá é, foi, unha metáfora, pois a Deus non lle estorban nin molestan as sidrinas; ¡Aos que lles estorbaban era aos veciños, que os amolaba ver ao Adán plantando maceiras mentres eles plantaban…, insidias! ¡Esta é a proba de que non eran os únicos poboadores, que había veciños, que había competidores…! ¿Competidores, de qué, se Adan e mais Eva o único que facían era utiliza-la terra que Deus lles dera para mellora-lo seu xardín! Os veciños, os diabros, coma o ferrador, que nin ferraba nin deixaba ferrar.

Non sabemos os nomes daqueles veciños pois o Xénese non os dá, pero entrevese que os había, ou logo a qué viña iso de escondelos, esa misericordia de ignoralos, de encubrilos, coa metáfora das mazás? ¡Iso, unha metáfora piadosa, indulxente! ¿Tiveron fillos? ¡Algún, si, ou quen foron os pais desa mala xente que segue habendo neste mundo? Tan gorda a armaron, que o propio Deus tivo que xerar un Fillo para redimirnos, nada menos que con morte de cruz, voluntariamente aceptada!

¿Caera Eva, caera Adán? ¡Si, e non! ¡Fixéronos caer, sendo o seu pecado a fraqueza de non coller unha estaca, daquela, para defenderse dos seus inimigos, que os fixeron caer no pecado da desesperación, que tamén é pecado, o meirande de todos, pois tiñan a obriga de pensar que, se Deus os sometía a certas probas convivenciais, aquilo non era definitivo, senón un proba para que sufrisen con paciencia as adversidades e as fraquezas do seu próximo, como recollería tempo adiante o propio Astete no seu Catecismo.

¡O caso é que houbo Redentores, Anxos e Santos, encabezados polo propio Xesús, así que Adán e mais Eva volveron ao seu paraíso, recuperárono, ou non é paraíso este país no que vivimos? ¡Hai toxos e silvas, iso é certo, pero os ferreiros fan fouciños, así que o que non ten limpo o seu bosque é simplemente por folgazán!
-.-

La ilustre fregona
do noso paisano Miguel de Cervantes Saavedra.

“Colexio de Monterrei? Unha aportación de Brandariz no seu terceiro libro é un documento inédito, a «Egloga de Virgine Paradei», que apunta a que Cervantes non estudou nos colexios dos xesuítas de Sevilla, ou en Se eu che contase (10)Córdoba, senón no máis novo Estudio ou Colegio de Monterrey, xunto a Verín, en Ourense, ao que volvería moito despois. Trata dunha composición teatral para uso escolar que se representou o 8 de decembro de 1581. Brandariz identifica a caligrafía de Cervantes en sete páxinas, unha terceira parte do texto, aínda que non conclúe se en calidade de copista ou redactor.

En Lisboa estivera a mediados de agosto, onde informou da misión que se lle tiña encomendada en Orán; en decembro pasou por terras sanabresas (para o investigador, seu entorno natal) e o 8 estaba co conde de Monterrei (que loitara na campaña de Portugal) nesta representación. O posible alter ego de Cervantes chámase «Sanabrio». Os nomes dos outros personaxes responden á procedencia do alumnado: «Castellanus», «Lusitanus», «Viano (de Viana)», «Ormino (do Miño)» ou «Sileno (do Sil)». Esta composición transparenta unha gran familiaridade cos costumes, usos e fala de Sanabria, cuxo castelán está marcado polo galego e polo portugués, así como polas variantes lingüísticas leonesas e asturianas, como así ocorre en toda a obra cervantina”. De “Galicia espallada”.
-.-

A última fregona ilustre
miña tía-avoa,
Ramona Hortensia Lombardero San Miguel.

Artigo publicado en agosto do ano 2009, na revista “MARRONDA”: O contrario, o antónimo, dunha esterilidade, é un val; por ende, un Concello estruturado en vales, a cal máis fermoso e feraz como é o caso da Baleira, descoñece os baleiros e goza de todo tipo de plenitudes: ¡Constitúese en paraíso! Adán e Eva, mentres foron inocentes, mentres foron intelixentes, tamén tiveron o seu paraíso, do que se segue que un paraíso é un espazo natural, a suma de tódalas posibilidades e de tódalas felicidades.

¿A qué vén todo isto? Simplemente para chegar á conclusión de que a xente da Baleira está predisposta, nace co sino de ser activa e intelixente, ¡porque goza dun zume innato, consubstancial, que os asiste desde o berce!

A Baleira pode honrarse, hónrase, de que ata os seus analfabetos, aqueles do século XIX, e de aí para atrás, foron auténticos próceres. Citarei un só, por vía de exemplo: miña tía-avoa Ramona Hortensia Lombardero San Miguel, da casa de Xan de Catatrigo.

Os cultivados, os estudados, os ilustrados, déixollos a Alfonso Riveiro pois el coñece ben o seu Val, ¡os seus vales!, en pasado como en presente, tanto e tan ben que ninguén será capaz de superalo cando as súas múltiples ocupacións de polifacético lle permitan ordenar, subir ao ordenador, tantas e tan inxentes biografías.

Tan só vin a miña tía Ramona no verán de 1935, xa viúva de Nicolás Salmerón y García, cando entrou en Montecubeiro, ¡nun taxi!, para visitar á súa irmá Xosefa. Onde atoparon currais de toxos fixo levantalos pagándolles as molestias ¡con pesos de prata!, para que avanzase o auto por aquelas corredoiras.

Desterrado para Lugo, onde exerceu de profesor, aquel insigne presidente da Primeira República, Nicolás Salmerón y Alonso, que deixara a súa Xefatura do Estado por negarse a firmar unha sentenza de morte, alguén lle proporcionou para criada unha rapaciña de Catatrigo, da que se dixo que, ademais de guapa, ¡como adoitan ser tódalas mozas do Val!, tiña un talento natural extraordinario, asombroso.

Tan ben caeu naquela casa e naquela familia que non só lle puxeron dúas profesoras, unha de cultura xeral e outra de francés, senón que a casaron co primoxénito, Nicolás Salmerón y García, avogado, farmacéutico e periodista. Está soterrada cunha lauda na que se le: “… natural de Catatrigo, Librán…”, na cripta do panteón dos Salmerón, no cemiterio civil de Madrid, exactamente de par do de Pi y Margall, en fronte do de Pablo Iglesias.

A súa cultura, partindo daquel analfabetismo da súa crianza, chegou a tal altura que incluso traduciu do francés obras que serviron de texto na Institución Libre de Enseñanza. Outra evidencia témola no recoñecemento de que o Concello de París mandoulle unha coroa de ramallos de bronce, igual que fixeran cando morreu o tío Nicolás. Por certo que as roubaron entre 1948 / 49, que as botamos en falta no día de Defuntos de 1949, que era o único do ano no que nos permitían entrar no cemiterio civil.

A casa de Xan de Catatrigo, adquirida hai tempo polos señores de Pachín, foi reconstruída e dotada dun balconciño polos propios Salmerón, que asistiron á súa inauguración e pasaron a noite nela, invitando a tódolos veciños.

A protección en Madrid de miña tía para coa xente do Val foi proverbial. A súa última criada -sento non lembrar o seu nome-, era de Quintá. Coidou daqueles vellos, que morreron sen descendencia.

O franquismo requisou as súas propiedades, farmacia incluída, así que os sobriños só herdaron o mobiliario. Non, que minto: herdamos o estímulo daqueles entrañables parentes, tan dotados en tantos aspectos. Non podía ser menos: ¡dos Salmerón xa conta a Historia, e miña tía era do Val, nada menos que do Val!

Quedan moitas no tinteiro, ¡un cento delas!, pero tampouco é cousa de abusar do lector, pois para mandar e para abusar xa están os políticos!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES