Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A palabra con voz de raiola

viernes, 17 de marzo de 2017
Testemuñas da memoria:
A palabra con voz de raiola

Contar escribindo creo que é más fácil que contar falando. Na linguaxe escrita buscas e rebuscas palabras ou sinónimos, frases ou o tempo necesario para completar un parágrafo, mentres que na linguaxe oral, nun escenario, xa podes falar á velocidade da luz ou con moita parsimonia que como cometas un erro, aí queda. Non obstante, sempre se atopa un coas típicas sorpresas que nos dá a vida, ou Rubén Blades. É igual. No caso desta reportaxe, quen me sorprendeu de verdade foi a compañía Daboapipa, máis en concreto, Vero Rilo. Foi nunha actuación que mantiveron na casa da cultura da Valenzá, hai un tempo xa, co seu espectáculo “Lavandeiras”.

O título, a palabra xa o di: mulleres que, nos ríos (e na burga de Baños de Molgas), de xeonllos, fregando, repasando, lavando a roupa mataban o tempo, ó mesmo tempo, contando lendas e ruxerruxes por toda a xeografía galega. Daboapipa recolle todo ese patrimonio oral e trasládao ós escenarios coa música de compañeira. É aí onde entra en escena a voz de Vero Rilo, unha rapaza nova que me deixou abraiado coa súa dicción. Levaba moito tempo sen oír falar tan ben en ningunha clase de escenario, desde o propio teatro ata o cine en versión dobrada. E mirade que temos fama de ter moi bos dobradores. Pero a voz de Vero Rilo, ai a voz de Vero Rilo!

Tanto ela como o seu acompañante Carlos Quintá fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música e cosen pezas da nosa historia nun espectáculo único e divertido. Auténtico universo máxico para nenos e adultos.

A compañía Daboapipa semella que naceu no verán de 2013 para mesturar o amor pola literatura e a palabra dita coa paixón pola música. Ó principio foi Santi Prieto o que estivo ó fronte do apartado musical, pero como o tempo pasa e todo cambia, agora é o acordeonista Carlos Quintá quen lles pon música ás fermosas palabras de Vero Rilo. Certo, as palabras fainos fermosas a preciosa voz da moza.

Verónica Martínez Martínez (Vero Rilo; o de Rilo vén porque naceu en Rilo, Mugardos) conta cunha moi boa formación e fonda experiencia como educadora infantil en Galicia e Portugal dentro da Rede de Escolas A Galiña Azul. Tras as típicas audiencias para amigos e amiguetes, díxose que xa estaba ben, que había que tomar o asunto en serio (a palabra sempre foi un asunto moi serio) e que había que profesionalizarse. Así é que cursou estudos de iniciación ó teatro da man de Carlos Neira, realizou cursos de improvisación con Antón Coucheiro e máis e máis cursos como contadora con mestres como Charo Pita e Tim Bowley. Na actualidade é educadora na rede de ensino en galego Semente. E tamén, faltaría máis, unha pequena dama das táboas para un servidor.

Carlos Quintá estudou sete anos de violín no conservatorio de grao medio de Lalín, fixo maxisterio en Lugo e alí tocou co gaiteiro da Mariña Caxoto. Formouse no acordeón diatónico co mestre Pedro Pascual. É membro fundador do grupo Grodan Defló e colabora cunha morea e máis de músicos que espallan toda a súa sabedoría musical por todos os escenarios habidos e por haber.

Coa compañía Daboapipa estrearon os espectáculos “Contos de animalario”, “Contos e lerias” e “Historias de vida, guerra, amor e case morte”. Agora, como dicía ó principio, andan con ese mundo das lavandeiras nun universo tan rico, tan rico que de aí saíu toda unha cultura popular, toda unha mitoloxía que, hoxe, e por culpa das lavadoras e das redes sociais botamos de menos. Ai se a burga de Baños de Molgas falara ou falase. Aquilo si eran redes sociais, e non as de agora, nas que se fala mal e se escribe peor. Por iso é que grazas, neniña, por eses contos e por esa voz que me mandaron ós soños da infancia, ás escaleiras da burga onde contemplaba e escoitaba á lavandeiras de Baños de Molgas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania