A guerra de nunca acabar
Xiz, Xulio - miércoles, 04 de abril de 2007
Na miña vida, sempre a guerra. Nacín en 1947: Oscuridade, postguerra, silencios. Comecei a traballar en 1964: XXV anos de paz, unha única versión do pasado, nun réxime que celebraba a derrota dun enemigo descoñecido. Casei en 1973: Carrero Blanco. Esmorece o franquismo. Hai outros mundos, pero están neste.
Desde entón, choveu e escampou moitas veces. Fomos coñecendo a outra versión do que pasou neste país antes de que naceramos, e descubrimos que pode ser verdade que a guerra incivil non rematou en 1939 senón que, despois dunha longa noite de pedra, aínda se combate ó noso arredor.
Avó en 2007: Este fito faime considerar que xa está ben, que debe poñerse fin dunha vez á guerra dos nosos pais, que para os novos é xa a guerra dos avós ou bisavós, que nos condiciona a vida, que pretenden que vivamos de novo, que temos que superar.
A inmensa maioría dos protagonistas morreu xa, e os que quedan teñen que ter as feridas cicatrizadas. Esa guerra cada vez máis descoñecida ten que rematar dunha vez para que os que a herdamos, indirectos sufridores, deixemos de vivir en estado de guerra.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora