
Cando se nomeou o 1º Chairego de Honra -Fiz Vergara Vilariño-, Manuel María dixo que Ser Chairego é un sacramento que imprime carácter e tense incluso despois da morte.
Devotos do Manuel, os chairegos asumimos ese sacramento da terra, dos devanceiros, do aire e dos xenes como consustancial a nós. E se o exercitamos, entón somos merecentes del. Pero hai persoas que sen ser chairegos de nación, sí o son de exercicio meritorio, co que doblemente se merecen o noso respecto, a nosa admiración e o noso recoñecemento.
E xa que Manuel sempre afirmou que a Terra Chá era unha tribu, é lóxico que os habitantes desta especial comarca ollemos aos que nos acompañan na viaxe vital para facerlles saber que vemos que nos comprenden, que asumen o noso ser, os nosos sentires, a nosa historia. Que desa visión xorde un agradecemento inmorrente
agradecemento que unha das nosas institucións máis cordiais a Asociación Xermolos/Irmandade Manuel María- concreta no nomeamento de Chairego de honra.
A Felipe Arias fixémolo Chairego de honra, como manda o Deus dos galegos, no alto do Castro de Viladonga, no seu Museo, nesa xoia coa que Felipe agasallou a todos os chairegos; a todos os galegos.
Porque Felipe foi primeiro Director do Museo de Lugo, pasando logo a ser a alma do Museo da Terra Chá, convertindo o que ía ser un pequeño museo rural no faro a iluminar a historia, a cultura, o espíritu dun pobo que o Miño novo rega, que os montes non ousan interrumpir, que é tan grande que só é posible medir sempre O Manuel- con ferrados de corazón, fanegas de alma.
Felipe Arias abríu as portas do tempo en Viladonga, dando luz á vida dos devanceiros, dándonos razóns para o orgullo; coñecemento, saber, ledicia, amor.
Felipe Arias dedicoulle a vida en corpo e alma- a Viladonga. E ´dígoo aquí, no noso Nuseo Nacional, a casa dos galegos que saben
porque Felipe, xa que somos unha tribu, é o noso gurú, chamán, conductor
é o que sabe entre nós. E dedicou o que leva de vida a ese traballo, a ese apostolado, a este coñecemento.
Esta noite escoitei a grabación do acto en Viladonga, preludio deste de hoxe
Daquela amigos e devotos, falamos de Felipe. Hoxe, aquí, vimos revalidar aquel acto de homenaxe entregándolle a Felipe o título que certifica que os que con el aprendimos a ser chairegos temos por el unha amizade agradecida, unha admiración sen límites. E non temos nada máis valioso que ofrecerle que facelo Chairego de Honra.
(Palabras de Xulio Xiz no Museo do Pobo Galego, o pasado 24 de febreiro de 2017, no acto de entrega do título de Chairego de Honra a Felipe Arias Vilas).