Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 15 de marzo de 2017
Ó sétimo día acougou

Tarde de domingo tranquila, ou quizais aburrida; calma, serena. Aínda máis: todo o domingo. Sempre tiven intención de erguerme un chisco antes que un domingo normal para poder ler, pero non o fixen. Cantas veces nos desviamos do camiño! Cantas veces traballa máis o corazón que a cabeza! Ou viceversa. Domingo gris. Pero sen chuvia. Domingo negro... no ceo, nada máis. Ata pola rúa non se oe moito batifondo; nin de xente nin de coches. Non sei, imaxino que a xente estará nas casas. Pingas de orballoPorque ata nos cafés tampouco había moita que digamos ás cinco e pico da tarde. Domingo tranquilo, gris e calmo. Ó mellor é certo aquilo de que ó sétimo día acougou. Se descansa un, por que non podemos descansar todos os demais, ou polo menos uns cantos. E se a este domingo calmo lle acoplamos a Novena Sinfonía de Beethoven, pois xa me diredes... Que siga o sosego.

O calvario dos ardores

Levo dez minutos intentando escribir algo, pero non me sae nada. Porque non me apetece moito. Porque estou canso e, para máis aquel, o jazz de Sonny Rollins é máis que melancólico. Andei todo o día na leña e estou canso. Pola mañá, picando un tractor dela; polo que teño que agacharme moito para poñer e colocar o taco na machada do tractor En calquera traballo no que estea moi agachado empézame o calvario desde o estómago. Árdeme moito. Fártome de tomar pastillas. O sogro dime que acougue, que vaia avagariño. Pero a min dáme carraxe que, mentres esteamos parados, o tractor siga traballando e chupando gasolina. Así é que collo e coloco e agáchome e aguanto o taco e collo outro e sigo agachado e seguen subindo labaradas que me abrasan. Pola tarde, fomos ó quinto inferno a cortar máis piñeiros caídos e a cargar un bo tractor. Na casa queda para picala o luns pola tarde. Xa me saíu o relato.

Dos nomes ós crotais

Hai uns días lin en algún lado que estaban desaparecendo os nomes das vacas. É certo. Agora só se coñecen polas letras e números que levan nos crotais, que moitos gandeiros veñen resumindo nas catro últimas cifras. Alá foron as Marelas e as Gallardas. Imaxino que só quedan cos nomes aquelas explotacións que teñen menos de, por exemplo, 10 animais. Non obstante, para este molgués, ler eses nomes é retornalo ós tempos nos que conviviu con elas. O meu pai era de criar (normal, non había cartos Pingas de orballopara mercar unha vaca). A derradeira que mercou en vida miña foi a Turina, e con esta convivían a Rubia e a súa filla a Cireixa. Esta, así mesmo, pariu á Garbosa. E desta saíu a Karina. A derradeira que tivemos foi a filla da Karina á que chamamos Paloma, porque era así como branquiña. De cada unha delas podía contar máis dunha historia. Ó mellor co tempo si o fago. Sinto paixón polas vacas. E polas miñas xa non digo...

Desde o campanario

Rematou o fútbol. Non hai película. Perdón, hainas, pero unhas non son aptas para ver (de malas) e outras xa as vin (e como tampouco son moi boas, non apatece repetilas). Así é que, aquí estamos, a velas vir. Éche cousa boa isto de velas vir. Coma iso de ver caer os pans cocidos do ceo. É difícil que estes o fagan, aínda que se alguén os bota desde o campanario da torre da igrexa de Baños de Molgas, ah, iso xa é outra cousa. Porque vir véñenche desde ben arriba. Que raio, (non digo que demo!, pois este seica adoita estar abaixo no inferno), 30 metros son moitos moitos metros! Un chusco de pan, caendo desde esa altura ó mellor non che fai un chichón, pero se é o badalo dunha campá, moito coidadiño!; seguro que non o contas! Ó final o que realmente cae desde o campanario de Baños de Molgas son as horas que os estadullos do reloxo van marcando sobre a miña nostalxia, sobre a miña señardade.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES