Temos moi boas novas
Cabada Castro, Manuel - domingo, 12 de marzo de 2017
Ímonos introducindo, pouco a pouco, no tempo coresmal con este 2º domingo de Coresma. É un tempo de toma de conciencia da nosa fe no Xesús que se nos amosa nos Evanxeos. Seguimos así a consigna que se nos deu no Mércores de Cinza, ó recibirmos a cinza que se nos impuxo coas palabras Convértete e cre no Evanxeo. Dese xeito comezou este tempo litúrxico da Coresma hai once días.
Crer no evanxeo é crer na súa mensaxe fundamental. Pois ben, podemos dicir que no evanxeo de Xesús hai invitacións á conversión, hai toma de conciencia da gravidade das ofensas a Deus e ós demais, hai narracións de situacións difíciles para o seguidores de Xesús, hai sufrimentos, hai morte, hai resurrección... Pero, en calquera caso, o evanxeo é en definitiva e en conxunto o que está resumido na mesma palabra evanxeo, que significa: boa noticia, boa nova, alegre nova. Así o quixo poñer ben de relevo o papa Francisco na súa primeira encíclica que leva precisamente como título o de A Alegría do Evanxeo. Entre outras cousas dinos, por exemplo, alí Francisco: Todos teñen o dereito de recibir o Evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír a ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte unha alegría, sinala un horizonte fermoso, ofrece un banquete desexábel.
Por iso se a actual consigna introdutoria da Coresma inclúe as palabras cre no Evanxeo, entón o convite coresmal é en último termo un convite a crer firmemente que a noticia que Xesús nos trae e unha boa noticia, unha nova que nos trae alegría e non tristura. Quizais por iso a cerna das Lecturas deste II Domingo de Coresma é tamén unha boa, unha alegre nova no medio dun tempo litúrxico que en principio é de penitencia e conversión.
Efectivamente, xa a primeira Lectura do libro da Xénese nos presenta o prototipo do crente do Antigo Testamento, Abrán, como bendicido por Deus cunha boa e alegre nova. A de que todos os pobos da terra se chamarán benditos no nome del. É esta, de feito, unha visión profética na perspectiva do que vai ocorrer no Novo Testamento, coa vinda de Xesús.
Por iso, nesta mesma liña, na carta que Paulo lle escribe a Timoteo (que os biblistas consideran algo así coma o testamento de Paulo), o apóstolo fala desta vinda de Xesús ó mundo como unha vinda que ocorre grazas ó poder de Deus Pai. Un poder e unha graza de Deus que se manifestou agora, dinos Paulo, pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. Para Paulo, tal como comenta el mesmo a continuación, esta aparición de Xesús pode sintetizarse nestas palabras: El (é dicir, Xesús) destruíu a morte e alumou a vida e a
inmortalidade por medio do Evanxeo.
De xeito que a grande e alegre boa nova que nos trae Xesús consiste xustamente en que ataca e fai secar a raíz mesma de cantos medos e angustias temos as persoas: a morte.
Non hai aínda moitos anos a igrexa, na imposición da cinza do comezo da Coresma, utilizaba unha fórmula moi distinta: Lémbrate, home, de que es po e ó po has volver. O lembrarse da propia morte non está mal, desde logo. Pero a verdade é que a morte non é de ningunha maneira o pensamento central do evanxeo. Máis ben, todo o contrario: a vida. En todo caso, a morte queda totalmente superada coa mensaxe fundamental cristiá da resurrección. Da resurrección de Cristo e mais da nosa. Eu son a resurrección e a vida, dinos Xesús. Isto si que é a mensaxe central e básica do evanxeo. Por isto precisamente o Evanxeo é o que é: boa nova, alegre nova, alegría, como con forza e insistencia nos repite o papa Francisco.
Deste modo, a mensaxe do evanxeo de hoxe vén sendo, en tempo coresmal de conversión e de renuncias, a seguinte. Aínda que Xesús, e con el todos nós, teñamos que enfrontarnos co sufrimento e mais coa morte nas nosas vidas, a nosa meta e o noso destino definitivos están ben claros: vida para sempre, resurrección para toda unha eternidade. A transfiguración de Xesús diante dos seus tres apóstolos máis representativos, Pedro, Santiago e Xoán, é un sinal ante eles de que os negros nubeiros, que se lle aveciñan a Xesús coa súa próxima paixón e crucifixión, non poderán borrar do mapa a mensaxe de que Xesús é e seguirá a ser para sempre Vida e Luz. Eu son a luz do mundo, dixera Xesús. O evanxelista Mateo dinos, en consonancia con isto, que na súa transfiguración o rostro de Xesús resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.
En calquera caso, cada cousa ó seu tempo. Isto é tamén unha das leccións que aprendeu o impulsivo Pedro cando propuña pola súa parte facer, xa agora mesmo e sen máis dilacións, tres tendas. Para cada un dos tres protagonistas principais: para Moisés, para Elías e para Xesús. Porque, polo que se ve, os tres apóstolos non tiñan necesidade de ningunha. Estaban xa ben así tal como estaban: felices e contentos: ¡Señor, que bo sería ficarmos aquí!.
Pero a vida, tamén a vida cristiá, é un proceso, unha marcha. Non se poden queimar etapas. Curta é desde logo toda vida, a nosa tamén, en comparanza cos grandes e infinitos desexos que temos de vivir. Mais nesa vida nosa e coa fe, a graza e a paciencia que o Espírito de Deus nos dará se llo pedimos, poderemos tamén xa albiscar dalgún modo aquilo fermoso, grande e infinito que nos espera, aquilo que de maneira efémera e fuxidía viviron Pedro, Santiago e Xoán.

Cabada Castro, Manuel