Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As guerras de Trump

jueves, 09 de marzo de 2017
As guerras de Trump A súbita proposta de Donald Trump de aumentar a US$ 54.000 millóns o orzamento de Defensa de EUA, un 9% do PIB e o maior aumento do gasto militar estadounidense nunha década, dispara as especulacións sobre unha reordenación do equilibrio militar mundial trazado por Washington, con incertas expectativas principalmente cara Rusia tralo “Flynn-gate”, a designación do “falcón” Herbert McMaster como novo asesor de Defensa, e as repercusións que estes cambios terán na tensa relación con China. A falta de aprobarse vía Congreso, a proposta de Trump coincide coa revitalización da crise nuclear con Corea do Norte e as súas expectativas cara Irán, a neutralización do conflito sirio e as incertezas sobre como será a “nova OTAN” con Trump na Casa Branca.

Con este contexto, Trump segue marcando unha pauta repleta de expectativas. Durante a súa primeira comparecencia ante o Congreso estadounidense o pasado 28 de febreiro, Trump propuxo un aumento do 9% do PIB no gasto de seguridade e defensa para o novo ano fiscal, valorado en US$ 54.000 millóns. Neste discurso, Trump non reparou en ambigüidades á hora de xustificar este inesperado aumento do gasto militar. Considerándoo como “histórico”, o presidente estadounidense lanzou outra das súas lacónicas frases: “necesitamos gañar guerras de novo”.

Así, Trump volve desconcertar á opinión pública. A movida na Casa Branca causada pola polémica dimisión do ex asesor de seguridade nacional, Michael Flynn, polo escándalo de presunto espionaxe ruso, e a súa substitución polo “falcón” do Pentágono, o tenente coronel Herbert McMaster, parece tenuemente explicar este súbito cambio de prioridades. Un cambio que trastornará o equilibrio militar e xeopolítico global principalmente cando se esperaba que Trump impulsase unha política exterior aparentemente menos intervencionista.

O aumento do gasto militar é directamente proporcional á redución de axuda que Washington fornece a terceiros países, o cal anuncia unha tensa discusión na Cámara de Representantes entre republicanos e demócratas á hora de debater e eventualmente aprobar esta proposta de Trump.

Con maioría republicana no Congreso e o Senado, as cartas poderían favorecer os plans de Trump. No entanto, a súa agria relación cos medios de comunicación (particularmente The New York Times) e incluso o distanciamento que tomaron cara a el algúns “baróns” republicanos, destacando o ex presidente George W. Bush, poderían levemente influír no rexeitamento a esta proposta.

A outra guerra de Corea?
Neste marco de expectativas, o contexto xeopolítico global está amosando outros factores a tomar en conta. A revitalización do pulso nuclear por parte de Corea do Norte e Irán, con recentes probas misilísticas, podería xustificar este aumento a ollos do Pentágono. E aquí poderían claramente xogar as súas cartas o propio McMaster, veterano militar nas contendas de Afganistán e Iraq.

Do mesmo xeito, a recente vira por Europa e Asia do vicepresidente Mike Pence e do secretario de Defensa James Mattis, revelan os intereses que a administración Trump poderían estar manexando para aumentar este gasto militar. Durante o Cumio de Seguridade de Múnic en febreiro pasado, Pence e Mattis reforzaron o compromiso de Washington coa OTAN pero instando aos seus aliados europeos a aumentar o seu gasto en defensa, un 2% tralo acordado no cumio da OTAN de 2014, coincidindo coa crise de Ucraína e a anexión rusa de Crimea.

A eventual configuración dunha “neo-OTAN” amplíase cara ao que se presume será un claro obxectivo estratéxico para Trump: a península coreana e o sur de Asia. Tras visitar Múnic e Bruxelas, Mattis dirixiuse a Xapón e Corea do Sur no medio da tensión nuclear norcoreana e do escándalo suscitado polo asasinato en Malaisia de Kim Jong-nam, medio irmán do líder norcoreano Kim Jong-un.

O contexto en torno á crise coreana tradúcese como un efecto disuasivo para Washington e Beijing, factor que pode alterar o equilibrio estratéxico en Asia Oriental. Pyongyang non semella estar disposto a ceder ante as presións exteriores sobre o seu programa nuclear, a súa principal baza de poder estratéxico. Toda vez as súas probas misilísticas e o misterio en torno ao asasinato de Kim Jong-nam sitúan subitamente a Pyongyang no epicentro da atención estratéxica para Washington e Beijing, converténdose nunha crise irreversible.

Por tanto, a xira de Mattis por Tokio e Seúl certifica o interese de Washington por reforzar as súas alianzas na península coreana ante a ameaza nuclear de Pyongyang. Pero a mesma ten outros intereses, mais relativos a constituír un marco de contención cara a China no apartado dos seus litixios marítimos con Xapón e Corea do Sur, así como cara Rusia, particularmente pola súa alianza estratéxica con Beijing.

En febreiro pasado, o Pentágono e a Mariña de EUA lanzaron un novo documento estratéxico titulado “Restaurando o poder naval de EUA”. No mesmo trázase unha nova arquitectura estratéxica de seguridade que coloca a Asia-Pacífico como o foco de maior atención. Na mesma xustificaríase esta nova estratexia naval ao establecer que “grandes potencias competidoras como China e Rusia aumentaron as súas capacidades militares nas dúas últimas décadas, co que parecen decididas a desafiar a orde internacional”(1).

Neste sentido, a disuasión estadounidense vía Tokio e Seúl pode reforzar as expectativas do goberno nacionalista de Shinzo Abe por aumentar igualmente o gasto de defensa xaponés, un aspecto traumático para Beijing. Por tanto, é posible observar unha eventual carreira de armamentos en Asia-Pacífico, que desprace o ata agora centro xeopolítico gravitacional establecido polo eixe atlantista vía OTAN, especificamente cara Rusia.

Pantasmas balcánicos
Con todo, Washington está igualmente atento a outros escenarios estratéxicos. A falta de definir o novo equilibrio dentro da OTAN, as aínda incertas expectativas sobre como será a relación da administración Trump con Moscova pode ter outros escenarios candentes neste contexto “post-Flynn”.

Neste sentido, Europa Oriental e o Leste de Ucraína asúmense como os escenarios máis tensos na relación atlantista con Rusia. Non obstante, os Balcáns poden subitamente aparecer agora como outro centro gravitacional que pulsará a realpolitik a seguir entre Washington e Moscova.

O eventual ingreso de Montenegro na OTAN, a falta de ser aprobado por Washington(2), está persuadindo a Moscova a retomar o seu interese estratéxico nos Balc´nas, máis aló da súa histórica relación con Serbia, o seu principal aliado rexional.

Por tanto, bloquear o acceso de Montenegro á OTAN supoñería un triunfo estratéxico para o presidente ruso Vladimir Putin, xa que crearía un muro de contención nunha rexión estratéxica, tomando en conta a presenza da OTAN en Kosovo e Bosnia-Herzegovina e o recente ingreso de Croacia, Eslovenia e Albania á Alianza Atlántica. Todo iso sen menoscabar que Grecia e Turquía tamén forman parte da OTAN pero que, no caso turco, está redefinindo os seus prioridades xeopolíticas cara a un eixe euroasiático con Rusia e China.

Montenegro parece así constituírse nun inesperado escenario de interese para o Kremlin. Tralas eleccións presidenciais de outubro pasado, o novo goberno montenegrino de Milo Dukanovic acusou a Moscova de presuntamente financiar partidos políticos e medios de comunicación afines, así como unha presunta campaña de intimidación política na súa contra que ata levou a un presunto intento de asasinato(3).

Informacións de diversas fontes especulan con que Moscova está apuntando ao porto mediterráneo montenegrino de Bar como novo centro de operacións para a Mariña rusa, fortalecida trala recuperación de Crimea no Mar Negro e do reforzamento do réxime de Bashar al Asad en Siria, que permite ao Kremlin manter con total operatividade a súa base naval na localidade mediterránea siria de Tartus.

O discurso armamentista de Trump coincide igualmente cos recentes cambios presentados no labiríntico conflito sirio e iraquí, escenarios onde Washington e Moscova están obtendo tácticos triunfos xeopolíticos contra o Estado Islámico. A recuperación do control da localidade siria de Palmira por parte de milicias do réxime de Al Asad coincide coa caída de Mosul a favor do Exército iraquí, sucesos ambos que reforzan os respectivos intereses rusos e estadounidenses.

Neste abano de especulacións e de expectativas, o anuncio de Trump de aumentar o gasto militar estadounidense traduce os trazos dun novo equilibrio militar e xeopolítico a nivel global con dúas variables en mente: China e Rusia. Por tanto, está por ver cal será a incidencia global do inesperado anuncio de Trump de aumentar o gasto militar e de “gañar novas guerras”.


NOTAS:
(1) http://csbaonline.org/uploads/documents/CSBA6224-Fleet_Architecture_Study_WEB.pdf

(2) O senador republicano e ex candidato presidencial John McCain asegurou recentemente en medios estadounidenses que o Senado baixo control republicano aprobará o ingreso de Montenegro como 29º membro da OTAN. http://www.globalresearch.ca/geopolitics-of-the-balkans-natos-strange-addition-of-montenegro/5577429

(3) Estas acusacións de presunto complot ruso contra o goberno de Dukanovic foron vertidas polo primeiro ministro montenegrino Dusko Markovic, quen tamén acusou a nacionalistas serbios de presuntamente participar nestas operacións cos rusos. Para maior información: http://www.globalresearch.ca/geopolitics-of-the-balkans-natos-strange-addition-of-montenegro/5577429 e “Guerra híbrida rusa en los Balcanes”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 1.024, 27 de febreiro de 2017, p, 5.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES