Nin fadas nin princesas
Santalla, Iago - miércoles, 08 de marzo de 2017
Hoxe é un día importante, moito máis que outros festivos que quedan como simples rutinas de almanaque. É o día da muller traballadora, para min un día reivindicativo que nos debe levar ás rúas para defender a igualdade real. Hoxe é o día no que se reivindica aquel verso de Grândola válido en todo tempo e lugar em cada rosto igualdade. É algo que cae de caixón e en cambio non colle en moitas conciencias ben máis duras que os penedos. Cando inventará a humanidade unha ferramenta para erosionar conciencias?
Neste día é xusto homenaxear á muller que sempre foi sustento e pedra angular da nosa sociedade. A historia non sería a mesma sen elas e quizais tería sido mellor se tiveran máis protagonismo; en todo caso, hoxe é día de dicir, tamén, que é inadmisible que se utilice á muller como unha imaxe sexual á que certas marcas sacan un alto rendemento económico sen custo e, por suposto, sen escrúpulos. Son as mesmas que tratan de impoñer canons de beleza excluíntes e mesmo perxudiciais.
Fronte a eles temos que deixar de crer na liña recta para acceder á autenticidade da propia vida. Queren definir o bo e o malo, o bonito e o feo, o normal e o que non o é, o éxito e o fracaso, crean unha realidadeficticia e impóñena para moldearnos ao seu antollo; pero non contan con que como dicía a canción de Adolfo Celdrán baseada nun poema de Bertold Brecht con que a humanidade pode pensar.
No século XXI hai que impulsar a igualdade, a liberdade evitando sempre a utilización perversa das persoas. Sés dinos moi ben que non quere ser fada nin princesa, quere ter unha identidade propia e iso ten que facer escola en toda a sociedade. Unha sociedade libre é aquela que non só acepta as formas de ser senón que, ademais, as impulsa a ser, dándolles azos para construír porvires.
Nunha sociedade libre non colle o prexuízo pero tampouco a norma que non é establecida criticamente, non colle o porque si, xa que a igualdade danos a posibilidade de rebater e argumentar.
No día da muller hai que reivindicar o seu papel imprescindible para a sociedade e vivimos nunha sociedade, a galega, que sempre foi máis matria que patria. Estas mulleres fixeron unha realidade que nos permite ser o que hoxe somos e son as mesmas que nos impulsan a camiñar cara ao futuro. Non podemos consentir a redución da muller a un produto comercial, non podemos consentir que certas marcas nos impoñan un canon de beleza
Temos que conseguir unha sociedade libre de estigmas, canons e prexuízos, unha sociedade que nos permita ser o que nos pete e como nos pete sen ter que pedir permiso en ningunha porta, unha sociedade na que cada persoa sexa o que quere ser sen presións baseadas en estúpidas moralinas perversas, unha sociedade ancorada no respecto e na diversidade que se una nun mesmo latexo de liberdade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora