No Día mundial da Eficiencia Enerxética
Xunta de Galicia - domingo, 05 de marzo de 2017
O 5 de marzo celebramos o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo enerxético sen comprometer a nosa calidade de vida. É, polo tanto, unha data axeitada para reflexionar sobre o uso que lle damos á enerxía e para actuar en consecuencia.
A medida que a sociedade avanza, demanda cada vez servizos máis amplos e de maior calidade, o que implica un aumento do consumo de enerxía, polo que se fai imprescindible que a súa utilización sexa responsable, non só pola escaseza de recursos senón tamén pola necesidade de preservar o medio natural.
Entre os múltiples beneficios que achega a eficiencia enerxética cómpre salientar os seguintes:
1. Reduce a factura de enerxía e incrementa a renda das familias, converténdose nunha ferramenta eficaz contra a pobreza enerxética.
2. Diminúe os custos de produción, favorecendo a competitividade das empresas.
3. Mellora a nosa taxa de autoabastecemento enerxético.
4. Reduce o dano ambiental e a contaminación que afecta á saúde das persoas.
5. Á vista dos magníficos recursos enerxéticos renovables de que dispón a nosa Comunidade, o reto da eficiencia enerxética pode converterse nunha oportunidade para xerar un tecido industrial moderno e competitivo.
Galicia quere avanzar nos vindeiros anos cara a un modelo enerxético sostible e orientado a longo prazo a unha economía baixa en carbono, cunha redución paulatina da utilización dos combustibles fósiles e no que o aforro enerxético e as enerxías renovables serán dous piares da nosa política enerxética.
Para lograr este ambicioso obxectivo o Goberno galego precisa contar coa participación e colaboración da cidadanía e, para conseguilo, vanse continuar desenvolvendo medidas de ámbito global para promover, concienciar e impulsar a cultura do aforro de enerxía e o seu uso racional. Deste xeito, os galegos e galegas disporán de máis información e dos coñecementos necesarios que lles permitan racionalizar as súas actuacións no eido enerxético e valorar as súas consecuencias sobre o medio natural e sobre a economía.
(Declaración institucional da Xunta de Galicia no Día mundial da Eficiencia Enerxética)

Xunta de Galicia
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora