Coñezo eu a un tipo...
Piñeiro, Antonio - sábado, 04 de marzo de 2017
Coñezo eu a un tipo -do que empezo a estar xa un pouco farto, debo dicir de paso- que, alá por onde anda arrastra a súa penuria iconoclasta e a súa tristura de desclasado, igual que arrastran os pés nus polas vereas carballeirizas as ánimas nocturnas da Santa Compaña. Ou do mesmo xeito -digamos- que turra da súa mala sombra polas canellas mortizas o rateiro de pobre casta.
Coñezo eu a un tipo -pode crermo, asegúrollo- que leva demasiado tempo sementando malas herbas nos regos onde deberían creceren para alimento futuro as patacas. E dándolles de beber veleno ós gromos das plantas, no canto de lles dar refrescos e lambetadas.
Coñezo eu a un tipo -por non coñecelo vostede non perde absolutamente nada- que polo que me contan os que tiveron a mala sorte de ter convivido con el dende a máis tenra infancia, xa cando andaba en pantalóns curtos, de cando en vez caíalle entre as raiolas do mandilón da escola a mala baba.
Unha mala baba que o ten transformado nun ser silente e umbrío, de mirada torva e fuxidía, desas que máis alá das pálpebras só exhalan fastío, cando non rancor, resentimento ou repugnancia.
Coñezo eu a un tipo -permítame a redundancia- que anda na "rex pública" por dobre causa e que, se nunha non fai máis ca pincharlle as rodas a todos cantos libremente renuncian a iren polo vieiro que el marca, na outra non fai máis ca soltar ó aire labazadas, pensando -pobre diaño!, se cadra, que ó darlle ó aire a labazada, a través do aire transmite o dano que -ignorante- pensa que causa.
Coñezo eu a un tipo -perdoe por ser insistente- que hai ben tempo que debería ter sido encausado por facer do pensamento único un exercicio recorrente de mala praxe doutrinaria e, coma se iso lle soubera a pouco, igual cás bestas insaciables e insaciadas, aínda procuran tempo noutros predios para soltar couces de vez, a ver se mancan.
Coñezo eu a un tipo -remato xa, calma- que está sacando de min palabras que hai ben tempo que tiña afastadas do meu diccionario, porque non forma parte da miña raza verter lama -senón ó contrario- sobre os protagonistas que adoito traer a estas columnas pretendidamente cálidas, dado que son discípulo da filosofía que foxe da xenreira por principios de saúde mental e autoterapia.
Nalgún lugar da miña casa pendura un adaxio que hai tempo que escribín e que trato de seguir coma un mantra cando por parte de alguén me veñen mal dadas. Di así: "No mundo hai máis de 6 mil millóns de persoas ás que xamais terás a oportunidade de coñecer... Realmente, cres que paga a pena perder o tempo con un idiota?"
Se cadra xa perdín de máis dedicándolle esta columna. Se cadra.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora