Rexistrar e respectar os símbolos
Editorial - viernes, 30 de marzo de 2007
O cocido de Lalín, a coca de Redondela, o capón de Vilalba, o queixo de Friol, as puntillas de Camariñas, os maios de Ourense, o botelo de Fonsagrada e as pantallas de Xinzo, teñen algo en común. Representan ás súas localidades respectivas, son elementos senlleiros, e non deben ser tomados á lixeira ou explotados por desaprensivos.
Hai espabilados que acoden ós rexistros e poñen ó seu nome productos ou tradicións que levan centos de anos. Ou quen, sen rexistro de ningún tipo, utiliza símbolos que son propiedade colectiva. Frente a eses espabilados, os poderes públicos deben tomar as medidas preventivas oportunas cando aínda sexa tempo, ou exercer as accións correspondentes cando se producise xa a agresión.
O último exemplo, en Xinzo. En Xinzo, as pantallas do Antroido son tradición e riqueza, herdanza de séculos e elemento identificativo do pobo e das xentes. Pero particulares e empresas utilízanas de xeito que o concello estima inapropiado, polo que vai a procecer a rexistralo como símbolo de Xinzo e evitar a súa utilización fraudulenta e interesada.
Os símbolos hai que respectalos. E utilizalos en beneficio da colectividade. E perseguir toda utilización que os desvirtúe, como fan en Xinzo de Limia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora