Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testemuñas da memoria

viernes, 03 de marzo de 2017
Compara as súas actividades co Peixe Caralludo e moi gracioso
(La Región)

O Juan da Angelita, o Moncho da Dundina, o José da Alicia, o Moncho de dona Nieves, o Pedro da Marina. Persoeiros que xa asomaron nestas Testemuñas e que, como se ve, os seus nomes sempre van acompañados por unha muller, xeralmente a nai... Tócalle a quenda agora o Miguel da Clarisa. A quen? A Miguel Domingo García Martínez, que se non fora pola foto que acompaña á reportaxe, seguiriamos nos biosbardos para saber de quen falamos. Claro que, coa foto, e se digo Miguel de Lira, entón si, entón gran parte dos lectores xa saben quen é, e se a maiores digo que é o famoso Currás de “Mareas Vivas”, quieto parado!, acabáramos!, haber empezado por aí, home!

Cando empecei a saber de Miguel de Lira foi por iso, polas “Mareas Vivas” e porque, como gran afeccionado ó cine, empecei a ler abondas noticias sobre el, pero sempre coa dúbida do seu apelido cinematográfico: Lira. Será o seu auténtico apelido ou será o nome desa aldea que ten un dos canastros máis famoso de toda Galicia? Como a Internet tardou en aparecer na miña vida, non tiven a opción do San Guguel. Ata que un día, un servidor veraneou (ás veces teño algún dereito a veranear) a esa aldea famosa, porque alá, o meu colega de batallas laborais ten unha casiña que, moi amablemente, nos deixou durante varios anos. A ver, para que son os compañeiros e amigos!

Xa foi no primeiro ano cando, estando tomando uns cafés no bar Xouba vin como entraba pola porta Miguel de Lira. Zas! Xa está! O apelido colleuno de aquí! Seguro! E de aí o colleu. Porque Miguel de Lira naceu nesa aldea de Carnota no ano 1964. Comezou no mundo da interpretación cando estudaba Dereito en Santiago de Compostela; seica foi Paco Bixou, o instigador da formación de Chévere (grupo de teatro) o que o rescatou da facultade porque “era caralludo e moi gracioso”. Presentáronlle a un inglés que andaba por Santiago e que os animou a facer improvisacións e xogos que en 1987, despois dun taller de teatro, xerminaron no grupo citado, no Chévere.

Cando Miguel de Lira tiña intención de marchar a formarse fóra da nosa Comunidade, atopouse cun curso impartido polos profesores da Real Escola Superior de Arte Dramática (RESAD) de Madrid, do Instituto de Teatro de Barcelona e de Sevilla. No que dura a xestación dun embarazo fixeron unha especie de grao acelerado en interpretación. E de aí, como di el, saíron actores tan importantes como María Pujalte e Víctor Mosqueira. Lembrade que este último xa asomou nestas Testemuñas, cando falei do dúo Mofa e Befa.

A partir de aí, Miguel de Lira alternou o grupo Chévere coa televisión e co cine. El mesmo confesa que como home nado á beira do mar, compara as súas actividades co peixe: “O teatro sería peixe fresco; a televisión peixe conxelado; o cine peixe enlatado. Os tres teñen as súas cousas”. E tanto que a teñen! Dunha maneira ou doutra, ó espectador fanlle vivir vidas que nin se imaxinaba, fanlle ver a mentira máis verdadeira e a verdade máis mentireira.

Como dicía ó principio, a popularidade chégalle con “Mareas Vivas”, pero á marxe desa serie, Miguel de Lira é moito máis que Currás, moitísimo máis. Participou en múltiples proxectos, desde series na TVG e incluso en Antena 3 (“Os homes de Paco”, por exemplo) ata películas cinematográficas dun moi bo nivel, como poden ser “Urxa”, “Entre bateas”, “O lapis do carpinteiro”, “Galatasaray-Dépor, “Os mortos van de présa”, “Os xirasoles cegos”, “Crebinsky” (premio mellor actor nos Mestre Mateo de 2010), “Somos xente honrada” (outra vez mellor actor nos Mestre Mateo de 2013), “A esmorga” e “Os fenómenos”. Con esta última ata o meu fillo Xoel quedou alucinado con el (e iso que non traga o galego, manda carallo!). Con “A esmorga” volvino ver fisicamente unha noite de rodaxe no casco vello de Ourense.

Na actualidade podo presumir un pouco (e vaia se presumo!) de telo como amigo nas redes sociais. Porque, para min, tamén si é “caralludo e gracioso” e, como cinéfilo que son, un actor deses ós que lle dicimos “de moito pendello”, “de manda chover na Habana”.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania