Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nenos pobres, pais de adultos pobres

viernes, 03 de marzo de 2017
O informe FOESSA, Fundación de Estudos Sociais e de Socioloxía Aplicada, indica que a pobreza presente xera pobreza futura. De maneira que oito de cada dez persoas que viviron con dificultades económicas na infancia e na adolescencia, volverán vivilas como adultos. Vese acotío nos centros sociais, a cronificación da pobreza. Atenderon aos avós, logo aos pais, agora aos nenos nun círculo vicioso onde a pobreza acaba mordendo a cola.

Nenos e rapaces que viven e medran en medios desfavorecidos teñen dereito ao presente e a poder mirar a un futuro cargado de promesas, pero o que están a ver éche un presente problemático e un mañá cheo de ameazas.

O Informe sinala que as cintas transmisoras de pobreza están identificadas: baixo nivel de estudos, precariedade laboral dos pais, e a renda das familias. A falta dunha renda mínima leva inevitablemente ao burato negro da pobreza, e de aí, á exclusión social.

Máis datos demoledores para ese alicerce social, educativo, acubillo emocional que late no corazón da sociedade, a familia. En España a taxa de pobreza en familias sen fillos é do 16% pero duplícase nunha familia con fillos: 28%. E acada o 44% en familias numerosas. En familias monoparentais a taxa maldita da pobreza é do 48%. Neste campo semella que estamos fóra da UE, onde a taxa media de pobreza en familias con fillos non chega á terceira parte que en España. Aquí os fillos xa non veñen cun pan baixo do brazo pero a pobreza ten os dentes ben afiados.

A que dedican o tempo os partidos? Despois de tirar ao lixo os nosos votos volven pedilos. Para que? Incapaces de dialogar e pactar, afástanse dos pulsos vitais da sociedade, dos problemas urxentes, das preocupacións cotiás da xente. Avergoña a súa inanidade nun país que apenas dedica o 1,3% do PIB á infancia e á familia, mentres que a media europea está no 2,2%. Irrita e moito que dediquemos á familia e á infancia o 5,3% do gasto en protección social mentres en Europa alcanza o 7,5%. Así non resulta estraño que aquí a xente non case, que non queira ter fillos. A pirámide demográfica é unha buxaina inestable que impide visualizar e construír o futuro.

O sistema económico está deseñado para salvar ao 1%. Segundo o estudo da Fundación BBVA tres millóns de españois foron expulsados da clase media. E no sector máis vulnerable unha porcentaxe salientable vai caendo na pobreza e na exclusión social, inscribindo a desesperanza nos xenes dun sistema económico coas cartas marcadas por tafures económicos.

1,5 millóns de fogares están encabezados só por mulleres. Nais. Deles, o 40% non ten cartos para gastos básicos, avisa Save The Children. Se non salvamos aos nenos pobres estamos a sementar pobreza nos seus fillos, os adultos pobres.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES