Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algunhas reflexións sobre o Antroido

jueves, 02 de marzo de 2017
Pasou o día de Carnaval, pero non pasou o tempo de Carnaval por varias razóns:

Unha, porque aínda seguen os festexos, concursos de disfraces e mascaradas nalgunhas localidades ata o domingo seguinte. A outra, porque como publiquei neste medio non fai moito, vivimos nun permanente “Baile de disfraces”. Quizais este artigo iría mellor antes do día de Carnaval, pero a semana pasada urxía falar do conflito de Friol pra desenmascarar a algúns que, non obstante, posúen imaxinación e moi mal gusto.

Vou facer o que non se debe e nunca faría un escritor qur se prece; pero, xa teño dito que non me considero escritor, senón escribidor.

Que non se debe facer? Volver a dicir agora aínda que con algunhas modificacións o que dixen hai tres anos, poque hai xente con mellor memoria ca min. Explícome. Cando me puxen a cavilar sobre o tema de que escribir pra esta colaboración veume á mente que algo escribira algunha vez sobre unhas consideracións en col do Antroido, e seguín matinando e preguntándome a min mesmo: -E que dixeches daquela, Xosé? (Cando non hai xente atúome). E seguín matinando e respondinme: -Non me acordo. Pois, se non me acordo eu que o escribín como se van acordar os que só o leron? Nada, busco o escrito e largo o mesmo outra vez.

Só despois diso me din conta de que hai xente con moi boa memoria, pero xa era tarde. Estaba tomada a decisión e non se pode andar bailando, pra iso xa lles pagamos ós políticos de carreira.

Van, xa que logo, algunhas reflexións sobre o Carnaval, do latín ”carnes levare” que se traduce por retirada da carne en coresma; máis coñecido no mudo rural galego como Entroido, Antroido, Entruido, derivado tamén do latín “introito”, que significa entrada, e por extensión, entrada na cuaresma, coas habituais corruptelas que acompañan a moitas palabras ata dentro da mesma comunidade autónoma. Tamén en castelán existe a palabra Entruejo e así denominan os festexos de Carnaval, por exemplo, en Velilla de la Reina, do municipio de Cimanes do Tejar, na provincia de León.

Na comarca onde nacín e vivo, a Terra Chá, o nome máis corrente é o de Antroido.

Fai 25 anos faláronme veciños de tres parroquias, unha delas Samartiño de Goberno onde tamén nacín e vivo, do intento de recuperar a celebración do Antroido, que era habitual, e deixara de selo, nunha delas, Ansemar, pero agora intentando facelo conxuntamente as tres: Ansemar, Balmonte e Goberno, que forman o denominado Val de Francos.

Inmediatamente veume á cabeza canto tempo se perdeu en sermóns atronadores contra a praia en sitios onde ninguén vira o mar, e agora van ata os bispos. Vendo o inútil que resulta ás veces nadar contra corrente, a miña resposta foi:

-En calquera intento de facer algo conxuntamente estas tres parroquias hai que meterse ata as orellas, a ver se puidera facerse conxuntamente tamén a concentración parcelaria, porque están moi entremesturadas as fincas. Agora, ben ó Antroido hai que darlle nivel. Que aprendan os da cidade con que bo gusto nos divertimos os das aldeas.

E así foi o da concentración parcelaria e o do nivel cultural e de bo gusto do noso peculiar Antroido casando tradición e modernidade, sen pedir a declaración oficial de festa de interese turístico, porque axiña obtivemos o recoñecemento de festa de interese rural, por aclamación popular.

Xa o segundo ano, o 1993, publicamos un libriño titulado “Máis de media ducia de escritores chairegos e ou Antroido”. Os autores que escribiron pra este libro son: D. José Trapero Pardo, Xosé Chao Rego, Margarita Ledo Andión, Xulio Xiz Ramil, Bernardo García Cendán, Marica Campo Domínguez, Darío Xoán Cabana e Manuel María Fernández Teijeiro, pero este, o Patriarca, mandou unha peciña de teatro sen reflexión persoais. Todos os escritores son ou foron grandes figuras das letras, catro membros da Real Academia Galega, pero non son todos os escritores que deu e está dando esta comarca. Non vou dar datos biográficos de ningún deles. Quen senta curiosidade por algún que non coñeza pode de atopalos moi facilmente en internet.

Fun coordinador dese libriño e iso faime pensar que, sen pedirlles permiso ós que seguen vivos, podo entresacar dos seus amplos e documentados estudos unha frase pra que sexan eles quen nos proporcionen estas reflexións. Se no seu momento lles fixen a mala xogada de pedirlles parte do seu tempo e un traballo gratis pró libro, hoxe fágolles a máis grave aínda de entresacar sen consultarlles algún párrafo que probablemente non é o que cada un destacaría; pero pra iso estamos os amigos, pra desculpar as malas xogadas e excesos de confianzas.

Van esa consideracións:

Don José Trapero Pardo:

“O Antroido, feito con dignidade, deu lugar á conxunción de arte, poesía, tradición e paixón”. Pero tamén recoñecía D. José que: “Hai quen se vale do Antroido pra facer ruindades e non pequenas”.

Xosé Chao Rego:

“O Antroido consiste nun exceso, nunha rebeldía contra o xeito habitual de vida normal demasiado regulamentada polas normas. O pobo vólvese contra o xeito habitual de vida do resto do ano e pon o mundo ao revés. Pero finalmente o Antroido acaba ensinando que, si o exceso fose continuo, o mundo non se sostería”.

Margarita Ledo Andión:

“Pensar as cousas como as cousas non son, como nos gustaría que chegasen a producirse ten a súa orixe no tempo de lecer, e o lecer deu orixe á festa. E entre a festa, a que mellor nos fala das nosas capacidades de transformación é a festa de Antroido”.

Xulio Xiz Ramil:

“En toda Galicia o Antroido é a festa máis popular, máis sincera, máis rebelde e independente. É a festa que a todos iguala, que a todos rebaixa ou a todos enxalza, a festa que nos ispe por máis que nos vistamos, a festa que mostra o que verdadieramente levamos dentro do peito”.

Bernardo García Cendán:

“O Antroido é a festa da risa. Rirse dun mesmo ata é san. É como sacar a máscara que nos fai levar a sociedade na vida diaria. Rirse un pouco das “cousas serias” tamén é san, non para burlarse de todo, pero si pra recordar que non todo é tan “serio” como quixeron facernos ver os que gozan dos privilexios que lles dá a sociedade”.

Marica Campo Domínguez:

“Os días de Antroido son os de darlle a volta a todo. A consigna é romper a orde establecida. El é o señor do transformismo e da impostura, o bandullán que engulipa cacheiras e chourizos, o larpeiro de filloas, orellas e roscas, o contador de troulas por unha boca mentireira que bota bafaradas de auguardente e viño”.

Darío Xoán Cabana.

Facendo memoria dun Antroido vivido na súa infancia na súa parroquia natal de Roás, (Cospeito), destaca a capacidade de crear festa e festa das xentes do rural, pero constata como tamén isto vai cambiando, porque o consumismo vaise apropiando de todo.

Pola miña parte, entendo que, o Antroido prestouse e pode prestarse a excesos, como tantas outras festas toleradas por monseñores entre a alta sociedade de fidalgos (fillos de alguén) e condenadas por curas entre plebeos e paletos (non fillos de alguén) coma eles mesmos, coma min. Tamén creo que os excesos dos antroidos aldeáns foron e son moito menores que os imaxinados por moralistas que só vían do mundo o que pode verse por unha claraboia e, sen embargo, legáronnos larguísimas listas de pecados coa debida cualificación de mortal ou
venial, de parvidade ou non de materia, e que fixeron a tantos ateos; porque o mellor favor que se lle podía facer a un deus tan sádico como os obsesos que o inventaron á súa imaxe, era facerse ateo.

Entre as xentes que eu trato de preto o Antroido era e case xa non é, porque xa nolo expropiaron e porque cada ano pechan doce casas, estimulante do sentido festivo de base, que permitía a viúvas ou a quen non asistían a ningunha outra festa participar nestes festexos. Tamén facilitaba e aínda facilita a unión entre veciños á hora de organizar comparsas ou grupos de disfrazados, esperta o enxeño e a creatividade, e, ata, o feito de queimar o boneco que representa ao Antroido, despois de atribuírlle unha serie de males próximos e remotos, especialmente do ano anterior, ten un certo carácter de catarse purificadora.

Aquí desde tempos moi antigos á queima precédelle o chamado “Sermón do Antroido” que, emulando en certo xeito aos sermones eclesiásticos, vai poñendo en solfa o criticable, co que se converte tamén en moralizante.

Que non veñan falsos profetas pretendendo facerme dicir o que non dixen e ,sacando de contexto o dito, plantado as súas predeterminadas conclusións. Non bendigo desmadres degradantes prá persoa, insultantes pra crentes dun ou outro credo e dóeme especialmente que se ridiculicen sentimentos cristiáns facendo mofas que non se atreverían a facer con outras relixións.

Referíndome en concreto a imaxes dalgún carnaval de Palma de Gran Canaria deste ano, creo que obxectivamente poden cualificarse de reprobables blasfemias, aínda que subxectivamente só denoten baleiro, resentimento e mal gusto, e unha tremenda confusión mental que, amparada en equívocas liberdades de expresión, pretende ofrecernos como arte o que é só precariedade imaxinativa e sobra de alucinóxenos.

Esas imaxes non sei o que poden ofender a Deus, imaxino que está moi por enriba de mesquindades, a min mancáronme, repróboas e acollo con respecto as palabras do Bispo, intuíndo a súa dor e a de tantos fieis que se senten feridos nos seus profundos sentimentos. Ben están os actos de desagravio se non disfrazan inconfesables desexos de vinganza.

Disto engado: teriamos que facer tamén cada día moitos actos de desagravio por tantos cristos crucificados pola fame, as guerras, a cobiza, a violencia de xénero e todo tipo... Quizais sexa propicio para pensalo este tempo de coresma, aínda que algún venres saltemos o precepto canónico de absternos de carne sen faltar ó respecto a quen o cumpra. Na nosa casa tamén o facemos, aínda que pola idade non teriamos obrigación, pero sérvenos de recordatorio doutras boas obras que debemos facer independentemente da idade.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES