Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo, Chairego de Honra

jueves, 02 de marzo de 2017
Isaac Daz Pardo, Chairego de Honra Desde que en 2006 Isaac Díaz Pardo foi separado da dirección das empresas do Grupo Sargadelos desatouse unha auténtica fervenza de actos de desagravio e de recoñecemento aos seus innumerables méritos. Un deles foi o nomeamento de Chairego de Honra nun acto celebrado o 7 de novembro de 2009 na capela de San Alberte de Guitiriz.

Como naquela ocasión, os amigos da Asociación Cultural Xermolos e da Fundación Manuel María pídenme que relate a andaina vital dun home irrepetible que pasou os 91 anos da súa vida creando factorías culturais e espazos contra o baleiro e construíndo ese inmenso paraíso de arte, industria e comunicación co que agasallou ao pobo galego.

Todo empezou un 22 de agosto de 1920 en Santiago, na casa da Tumbona onde naceu. Na horta da casa montou seu pai, Camilo Díaz Baliño, un galpón palafítico de madeira, que era o taller de escenografía, biblioteca e museo ao mesmo tempo, onde se reunían os máis importantes homes do galeguismo.

A actividade paterna propiciou un ambiente artístico e intelectual que o marcou de maneira definitiva. En 1936, con quince anos de idade, implicouse na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. No taller de Díaz Baliño realizouse toda a propaganda do plebiscito. Camilo fixo o cartel que firmou el, e Isaac realizou catro, tres asinados co pseudónimo Xalo e outro co seu propio nome. Castelao, que andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria non tiña tempo de compoñelos, así que lles deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle: “Isaíño, fainos ti”.

A guerra civil e as utopías truncadas

Todas as ilusións da infancia e adolescencia escacharon en xullo de 1936. Camilo Díaz Baliño foi detido e paseado e o seu cadáver apareceu xunto ao do estudante de Medicina, o rianxeiro Sixto Aguirre, en Palas de Rei.

Con 16 anos acabados de cumprir, Isaac perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita durante a guerra e a posguerra. A maior parte dos amigos de Camilo Díaz Baliño foron inmolados, encarcerados ou obrigados a exiliarse e todas as ilusións da familia Díaz Pardo quedaron desmanteladas, e tamén sumida na máis absoluta miseria material polo que nos primeiros meses de 1937, cando amainaba un pouco a terrible represión inicial, Isaac atopou traballo na casa Bianchi, un taller de pintura industrial no que rotulaba tranvías e decoraba os escenarios nos que se celebraban as vitorias do exército franquista.

Estudante de Belas Artes e singular artista plástico

En 1939, ao resultarlle impensable, por motivos económicos, a súa idea de facerse arquitecto decidiu trasladarse a Madrid a estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Participou na primeira experiencia en España de deseño industrial da Escola da Palma, visitou en viaxe de estudos os museos máis importantes de Roma, Siena e Florencia, exerceu de profesor na Escola Superior San Jordi de Barcelona e desde 1943 a 1948 dedicouse integramente á pintura e realizou numerosas exposicións na Coruña, Vigo, Madrid e Barcelona con grandísimo éxito. E no momento en que se erixía coma o valor máis consagrado da plástica galega do seu tempo decidiu abandonar a pintura porque iso de andar pintando cadros e despois vendelos non o convencía.

Alicerces da cerámica industrial: O Castro de Samoedo

Abandona, pois, o seu cabalete e instálase no Castro de Samoedo, onde montou un laboratorio para estudar as mesmas arxilas caoliníferas que Antonio Raimundo Ibáñez usara para fabricar louza ao estilo inglés en Sargadelos. Entre 1946 e 1949 fanse os primeiros ensaios e o resultado positivo da experiencia fixo posible que se constituíse a Fábrica de Cerámicas do Castro. Nun principio a produción consistiu case exclusivamente en reproducir en porcelana finísimas pezas decorativas orixinais de Isaac. Pouco despois xa se iniciou a fabricación de servizos de mesa. Tratábase, por tanto, de volcar a arte en produtos de consumo popular, capaces de integrar a arte e o deseño na cadea de produción industrial, de facer unha seriación mecánica e achegarse ao concepto máis moderno de igualitarismo e benestar social.

A Magdalena, ponte coa Galicia do exilio

Os ecos das virtudes da planta de cerámica do Castro de Samoedo chegaron á outra beira do Atlántico e Isaac, animado pola ansia de liberdade que se instalara na Arxentina trala caída da ditadura do xeneral Perón e pola posibilidade de contactar cos exiliados que estaban levando a cabo un labor de tanta lealdade con Galicia, en 1955 viaxa a Arxentina para dar a coñecer a súa pintura e a produción cerámica do Castro no Centro Galego de Bos Aires e acepta a invitación de montar a Fábrica de Porcelanas Magdalena, na marxe dereita do Río da Prata, a 108 quilómetros de Bos Aires, semellante á que fixera no Castro, aínda que máis evolucionada.

Moito máis alá de ampliar a experiencia do proceso industrial do Castro, a estadía arxentina supúxolle a Díaz Pardo o reencontro coa Galicia do exilio e con Luís Seoane, a quen coñecera xa antes da guerra no taller do seu pai, cando Isaac tiña 15 anos e Seoane xa se licenciara en Dereito.

A estancia americana resultou ser unha decisión de profundas consecuencias para a cultura galega. En Magdalena ou en Bos Aires, Isaac mantivo numerosas reunións con Seoane e co resto das figuras esenciais da cultura galega alí transterradas, nas que se concibiron diversas actuacións tendentes a recuperar a memoria da historia de Galicia, interrompida en 1936. A idea concretouse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia, ente teórico e viveiro de ideas creado en 1963 ao asinarse un convenio de colaboración entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, aos que pouco despois se uniu o arquitecto Fernández-Albalat. En 1964 o Laboratorio de Formas constituíu a sociedade Sargadelos, Lda. e en 1968 Cerámica de Sargadelos, empregando as materias primas dos depósitos veciños de caolín, iniciaba as probas nunha pequena planta experimental e o 10 de maio de 1970 inaugurou a planta circular proxectada por Albalat e construída a 700 ms. da vella factoría de siderurxia. Desde entón a fábrica de Sargadelos, coa color azul cobalto como elemento de identificación e a actualizada estrela de sete aspas radiais da primeira época como marca, produce louza e pezas ornamentais.

Os prototipos da cerámica de Sargadelos nacen da conxunción da idea básica de Seoane de querer enriquecer o mundo coa nosa diferenza e a do compromiso social das formas de Isaac. Como fonte de inspiración estúdase a arte e a cultura galega desde o paleolítico ata hoxe, os códices medievais, a arquitectura popular, as formas das vellas casas mariñeiras, as xoias castrexas, o románico e o barroco, pero tendo en conta tamén a cultura e os movementos artísticos máis modernos.

Rebelión sen causa

Tras 89 anos de vida intensa, Isaac Díaz Pardo tivo que librar unha nova batalla porque o mercantilismo voraz e soez intentou destruír os soños compartidos por Díaz Pardo e Seoane alegando que como no auto de Calderón os soños soños son, e ademais non reparten dividendos. Díaz Pardo, un home imprescindible na industria e na cultura galegas da segunda metade do século XX, no verán de 2006 foi apartado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e de Sargadelos polos accionistas. Con egoísmos e deslealdades, os seus propios socios arredárono do control das empresas que el creou. Arredor destas dúas empresas de cerámica pivotaban unha decena de empresas como son ou, mellor dito, como eran o Museo Carlos Maside de Arte Contemporánea, Ediciós do Castro, o Novo Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Galego de Información, creadas polo Laboratorio de Formas, que foi o que posibilitou que da unión de dúas personalidades creadoras e visionarias como a de Luís Seoane e Díaz Pardo xurdise a proposta cultural máis importante e transcendente de cantas se teñan feito na Galicia posterior ao ano 36.

O legado de Isaac

Aínda considerando que o complexo “O Castro-Sargadelos” constitúe un Patrimonio cultural de Galicia, o máis salientable das mandas de Isaac son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade, o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresas, afastadas de calquera tentación especulativa. A interminable relación de actos que se sucederon a partir dos anos sesenta no Castro, en Sargadelos e nas Galerías espalladas por Galicia, fainos pensar que sendo privadas, as empresas creadas por Isaac funcionaron con criterios de empresa pública orientada a fins socioculturais colectivos, ao mesmo tempo que elevou o deseño galego a un nivel superior e universal.

Eu tiven a fortuna de convivir con Isaac ata o momento mesmo en que o obrigaron a abandonar o Instituto Galego de Información, a factoría cultural do grupo Sargadelos, no que traballei con el durante 15 anos. Para min máis que un xefe foi un mestre e un compañeiro de traballo. Unha torre de ética por riba de todo.

(Intervención de Xosé Ramón Fandiño o 24-02-2017, no Museo do Pobo Galego, no acto no que Xermolos acreditou o nomeamento de Isaac Díaz Pardo como CHAIREGO DE HONRA).
Fandiño, Xosé Ramón
Fandiño, Xosé Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES