Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras para o Alén

viernes, 03 de marzo de 2017
O costume de adornar as tumbas e os monumentos fúnebres ten a súa orixe no Antigo Exipto. De aí pasou a Grecia e Roma, onde as inscricións que se facían nas lápidas mortuorias cobraron relevo como un subtipo especial de elexía ou poema de lamento ao que se chamou epitafio.
Palabras para o Alén
Como non podía ser doutra maneira, moitos dos grandes escritores da Historia quixeron ser creativos ata no último alento, polo que deixaron ideados enxeñosos ou sentidos epitafios que hoxe adornan os seus sepulcros.

T. S. Eliot escribiu que, á fin, todo poema é un epitafio, talvez iso explique o lirismo e delicadeza das verbas que adornan a campa de Vicente Huidobro, enterrado no cemiterio de Cartaxena de Chile cunha lápida que reza: “Abride esta tumba, ao fondo vese o mar”; a do inglés John Keats, que descansa no camposanto protestante de Roma acompañado dun epitafio no que se le: “Aquí xace alguén o nome do cal foi escrito sobre da auga”; ou a da gran Sylvia Plath, soterrada en Heptonstall (West Yorkshire) cunha lenda que nos lembra que “Mesmo no medio das máis témeras chamas pode prender o loto dourado”.

Outros autores, pola contra, preferiron deixar constancia do seu ánimo meditativo ou moralizante nas derradeiras palabras e acompañáronse de epitafios reflexivos, enigmáticos ou lapidarios, nunca mellor dito. É o caso de Séneca, o filósofo ao que Nerón ordenou suicidarse, quen sentenciou como epitafio a seguinte sentenza: “É máis digno que os homes aprendan a morrer que a matar”. Tamén do rebelde Charles Bukowski, que preferiu un oracular: “Non o intentedes”; ou da exquisita Emily Dickinson, que apenas se deixou caer: “Chaman por min”.

Agora ben, os máis célebres epitafios modernos son aqueles nos que os escritores ironizaron sobre a súa condición mortal ou simplemente quixeron deixar para a posteridade constancia do seu ludismo. Moitos serían os exemplos que poderían aducirse, pero entre os máis ocorrentes seguramente están os de Molière (“Aquí xace Molière, o rei dos actores. Nestes momentos fai de morto e abofé que o fai ben”); Enrique Jardiel Poncela (“Se queredes os mellores eloxios, morrede”); Miguel Mihura (“Xa dicía eu que ese médico non valía moito”); o Marqués de Sade (“Se non vivín máis foi porque non me deu tempo”); Pietro de Aretino (“Falou mal de todos, agás de Deus, do que se escusaba dicindo «non o coñezo»”); Dorothy Parker (“Perdoade o po”); Francis Scott Fitzgerald (“Andei borracho moito anos, despois morrín”); ou Giacomo Leopardi (“Deixádeme en paz”).

Epitafios galegos
É sabido que os galegos temos un ben singular xeito de tratar todo o relativo á morte e o ultramundo. Esa xenuína percepción é a que explica que un poida ler na entrada do cemiterio de Trobo (Begonte) unha inscrición que reza: “Aquí están os nosos ósos, agardando polos vosos”.
Palabras para o Alén
Consecuentemente, entre os escritores desta terra non faltan tampouco exemplos de epitafios de interese. Son abondo coñecidos os de dous autores mindonienses: Manuel Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro. Na campa do primeiro insculpiuse: “Amou a Verdade e practicou o Ben”. Non podía acaerlle mellor ningunha outra sentenza a quen foi en vida masón, republicano, anticlerical e esperantista. Da súa parte, na tumba do autor do Merlín e familia ―quen o próximo 28 de febreiro estará de cabodano― figuran estas palabras: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Abofé que o seu legado ha perdurar ese tempo e outro tanto.

Non quero rematar sen amentar outros tres exemplos ben notorios. O primeiro deles é o de Celso Emilio Ferreiro, que repousa no camposanto de Celanova con estes versos seus derriba do lastra: “Mais o lume que alampea/ xamais o veredes morto”. Toda unha declaración de esperanza. Unha enerxía que virou furia de vida no poema que Lois Pereiro titulou, precisamente, “Poderíano escoller como epitafio” e que di: “Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria”. Os dous últimos versos son os que hoxe acompañan a súa pedra en Santa Cristina do Viso (O Incio). Finalmente, se houber que coroar un escritor galego como o príncipe do epitafio satírico para si, penso que se tería en Xosé Ramón Fernández Oxea ‘Ben-Cho-Shey’ un candidato forte. O texto que figura na súa tumba no camposanto de San Francisco dío todo: “Gran Cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. Nota: Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES