Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 01 de marzo de 2017
Noxo de país!

Hoxe é complicado pegarlle un repaso ó feisbuq. Está inundado coas novas sobre as sentenzas do caso Nóos. E como o cabreo nas redes sociais é maiúsculo, os internautas empezan a facer comparacións con aquelas sentenzas a pobres incautos por roubar catro cadelas, a un non lle queda outra que alporizarse tamén ante estas comparacións. Por exemplo, acabo de ver unha na que se di que o mesmo xulgado que absolveu á infanta Cristina condenou hai un mes a un mozo a tres anos de cárcere por roubar unha bicicleta. Entón case vexo normal que peche o feisbuq para que o sangue non se me suba ás entrañas da inquinia e da xenreira. Noxo de país! De todo o país. Por eles, porque xa apestan a podre a causa do gangrenada que teñen a alma. Por nós, por non ter aquilo que deberiamos ter para rebentalos contra os barrotes dese presidio que evitan unha e outra vez. Si, definitivamente, pecho o feisbuq. Noxo de país!

Esperando á película

Á espera de ver unha película. Cando se espera, o tempo nin corre nin voa... desespera. E mentres se espera o silencio vai envolvendo ó ruído ata que o ruxerruxe dun suspiro queda en nada, nin tan sequera nun remusmús. Mentres se espera o jazz de Thelonious Monk e John Coltrane soa en tal silencio que só o escoito eu. A ver!, para algo teñen que valer uns auriculares. Empezo a rañar un ollo porque non sei que facer; mentres penso algunha frase, algunha trapallada, algún sen sentido. Erro nas teclas e teño que corrixir unha e outra vez. As teclas dos ordenadores son horribles; só que as acariñes, zas, xa escriben. Non había como aquelas máquinas de escribir vellas ás que, a algunhas, custaba Deus e axuda apurrar aquelas teclas. Claro que... aquel ruído. Agora os teclados son silenciosos. Tan silenciosos que non fan ruído. Mellor; así tamén se aprecian os sons jazzísticos dun piano ou dunha trompeta. Rematou o álbum de Monk e Coltrane. Remato o relato. Para que todo teña a súa fin.

Daquel tempo que foi

Aínda tremen os vagalumes de cando a terra deu voltas sobre si mesma e de cando as nubes navegaron por un mar de dúbidas. Aínda vai o cabalo do demo polos argazos dun paraíso que xurdiu máis alá do silencio. Ou máis acá do barullo. Quedan as sinais do pobo marcando un tempo que xa foi e que practicamente é imposible que volva. Claro que, a quen lle importa! Se por debaixo dun ceo negro corre a memoria dun compás clásico ou acouga o pálpito dun sentimento eterno. Aínda sorrín as lavercas do Medo ó ver como unha xesta baila un tango cun codeso. Xa quixera Carlos Gardel poñerlle voz a ese instante, precisamente a ese momento. Pero non todos os días un pode contemplar á paxarela pousada sobre un toxo ou ó lagarto choutando de carqueixa en carqueixa. Quizais o camiño máis curto sexa aquel no que non se dá ningún paso. Quizais. Así é que, o mellor é voar cos soños daquel tempo que foi.

Quen dixo calistas!

Xa estou listo. Xa quitei o calo do pé e xa me atopo coma Deus. Primeiro metín o pé nunha almofía con auga con sal. Aí o tiven para que abrandase ata que arrefriase a auga. Mentres, abrín o feisbuq e o iutube, subín tres versos dunha poesía de Fermín Bouza Brey e colguei o jazz de Chris Botti (agora mesmo acompañado por ese portento chamado Sting). Cando arrefriou a auga, larguei para o baño, collín o cortauñas e coa lima do mesmo empecei a furgar, a escaravellar, a fozar... coma un primitivo, con xestos de dor, con algún que outro ai e, por suposto, uns cantos carallos. Cada vez que saco desa maneira o calo adoito suar un chisco. É porque doe de raio! Pero aguanto coma os heroes e sigo furgando e escaravellando e fozando. Nun momento dado, choutou! Decontado xa sentín o alivio. Erguinme, calquei un pouco sobre a planta do pé esquerdo e... coma Deus! Quen dixo podólogos nin calistas nin rabo de gaitas. Para que están as limas dos cortauñas! Furgar ó besta, e punto.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania