Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A formación xesuítica de Evaristo de Sela

miércoles, 01 de marzo de 2017
Nun recente artigo de prensa co título de “Homero nas prisións franquistas” referíase Xesús Alonso Montero á sobranceira personalidade, intelectual e cívica, de Evaristo González Fernández. Nacera este –segundo os datos aportados polo Presidente da Real Academia Galega- na parroquia de Sela (concello de Arbo) e debido precisamente a isto adoptou literariamente o nome de “Evaristo de Sela”.

Mesmo case no comezo do mencionado escrito atopeime coa palabra “Marquain” e resoaron de súpeto en min lembranzas que levaban tempo sen se facer presentes. Marquain é, efectivamente, un nome que lles teño oído máis dunha vez a xesuítas maiores (a meirande parte deles xa defuntos) de cando a Compañía de Xesús foi disolvida en España polo goberno republicano a comezos do ano 1932.

Os máis mozos entre eles, de maneira especial os novizos, tiveron que continuar coa súa formación relixiosa e académica (o tempo de Noviciado estendíase durante dous anos) no estranxeiro, e concretamente en Marquain (Bélxica). Pois ben, dise no aludido artigo que Evaristo de Sela estudou de rapaz “no Seminario de Tui e, logo, no de Marquain (Bélxica)” e entroume a sospeita de se quizais o denominado “Seminario” de Marquain non fose tal, senón un centro específico e circunstancial de formación dos membros máis mozos da Compañía de Xesús, que os xesuítas estabeleceron en Bélxica ante a imposibilidade de realizar tal tarefa no seu país de orixe. A consulta dos antigos Catálogos xesuíticos mostroume que así foi.

En efecto, no Catálogo da denominada “provincia” de León de 1933/34 aparece “Evaristo González” (sen o segundo apelido) como nado o 2 de marzo de 1917, indicándose así mesmo alí que ingresou o día 6 de outubro de 1933 como novizo xesuíta en Marquain (Bélxica) no seguinte enderezo: Château Duray – Marquain – (Haïnaut). No Catálogo de 1934/35 continúa como novizo, mentres que nos Catálogos dos anos seguintes xa non figura.

Isto demostra que Evaristo de Sela abandonou o seu país con só dezaseis anos de idade e que permaneceu case dous anos na localidade de Marquain como novizo da Compañía de Xesús. Alí debeu de recibir tamén -como era tradicional- formación clásica en latín e grego, o que nalgunha medida lle serviría para a súa propia posterior dedicación profesional.

Quizais poidan serlles útiles estes datos, no caso de que lles fosen descoñecidos, ós admiradores da egrexia figura de Evaristo de Sela no centenario do seu nacemento.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES