Chove en Lugo
Xiz, Xulio - martes, 27 de marzo de 2007
Chove en Lugo aínda que parece que escampa. Chove, na casa do pobre.
Chove sobre o auditorio para apagar entusiasmos, e as goteiras do vetusto edificio deixan coar a auga ó interior para ablandar as vellas vigas que agardan festa desde que deixaron de escoitar notas de trompeta.
Chove sobre a ponte que aínda non temos, que chegaremos a ter aínda que non sabemos onde e cando.
Chove sobre o Ave. A ver se os nosos fillos/netos o reciben co mesmo entusiasmo (Cristo dos tempos modernos lle chamaron) ca o primeiro tren.
Chove sobre o Plan Xeral, e seguirá a chover mentras non se senten a falar os que falando han de entenderse. Chove sobre o Cetal, sobre As Gándaras, sobre a reciclaxe de avións
Chove ferro con desgana, que nin para eso ten forza o noso ceo, como para non mancarse, como para non mollar.
Hai que recoñecerlle ó Alcalde boa cara diante do mal tempo. El sabe que pode saírlle agora todo mal, que xa chegará o 27 de maio. E daquela, maio é maio, seguro que xa non chove. En tanto, digamos completo o verso: Chove na casa do pobre./ E no meu corazón tamén chove. Claro, estamos en Lugo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora