Por encargo da Asociación Sociocultural Lareira de soños, dous técnicos de restauración de contrastada experiencia analizaron o pasado luns o estado dos frescos dos Vilares.

Confirmaron o preocupante estado das pinturas murais da igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, descubertas a mediados dos anos noventa o pasado século, agravado polo desconchado da pintura provocado pomo rozamento dos bancos da igrexa, que non conta con un sistema sistema de protección que evite o contacto. O paso dos anos, as humidades do inverno, a escasa ventilación pola reducción de actividades de culto na igrexa, son tamén factores que cada ano inflúen negativamente na súa conservación e que fan perigar a cada paso a súa recuperación. Os primeiros frescos, que están situados de fronte á entrada e representan tres escenas dos evanxeos:
1- A lamentación de Cristo Morto.
2- A imposición da cánula a San Ildefonso
3-Santiago Matamouros.
A parede á dereita da entrada (da Epístola) representa:
1-Ornamentos xeométricos.
2-Fragmento de escena de paisaxe.
Estes elementos pictóricos conserváronse polo costume profiláctica desde o século XVI de calear as paredes para evitar a proliferación de pestes e enfermidades.
Datan, segundo o estudo de Monterroso Montero, do Século XVI, probablemente de 1530 a 1540, coincidindo cos da igrexa de San Estebo de Parga. Probablemente o autor, polas coincidencias iconográficas das pinturas, sexa o Mestre de Parga, moi coñecido na época.
Hoxe, os frescos dos Vilares, deteriorados e en perigo de desaparición definitiva pola falta de atención e mantemento, as humidades, e o paso do tempo; precisan de traballos profesionais de recuperación como elemento patrimonial de grande importancia e para evitar que pasen a ser lembrados unicamente por publicacións como a mencionada anteriormente.
Ambos técnicos coincidiron na urxencia de acometer unha restauración integral de urxencia, xa que realmente non só habería que consolidar para frenar o deterioro, senon tamén facer outra serie de procesos como o sentado da policromía, ou deseño dun sistema de protección para que os bancos non toquen o paramento para frenar realemente a pérdida diaria dos restos pictóricos.
Os restauradores que analizaron esta mañá as pinturas incidiron no valor histórico e patrimonial dos murais e na importancia dos mesmos sumada ao conxunto das Reixas, coa propia igrexa orixinaria do século XII e que sufreu varias ampliacións posteriores, o sartego, os retablos e o calvario, que fan un conxunto único e de moita importancia que é necesario protexer e revalorizar.
A Asociación Sociocultural Lareira de soños seguirá reclamando das distintas administracións e da igrexa a recuperación e posta en valor dos frescos e demáis elementos despois de ter entregado xa un proxecto e tramitado permisos para esta actuación, polo que só resta concretar as partidas orzamentarias necesarias sen máis dilación dado o estado das pinturas e a urxencia de abordar esa recuperación definitiva.
