Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Batallas textuais

sábado, 25 de febrero de 2017
Batallas textuais Os libros de texto tamén poden ser campos de batalla. Acontece en Asia e involucra a potencias principais como China ou Xapón con feridas abertas que ninguén consegue pechar e que van camiño de se converter en toda unha expresión da pugna permanente pola hexemonía rexional.

No xigante asiático anunciaron que, a partires de agora, os libros de texto incorporarán unha modificación substancial: a guerra contra Xapón non durou oito anos, con inicio polo tanto en 1937, senón 14 anos e con inicio en 1931. A revisión aplícase aos manuais de universidades e escolas, a todas as disciplinas e aos libros de texto do curriculum estatal e local.

Deste xeito, Beijing pretende destacar que China foi o principal campo de batalla en Asia oriental na II Guerra Mundial e emendar as percepcións eurocéntricas que sitúan a Europa como o campo da guerra por antonomasia situando en 1939, coa invasión de Polonia, o inicio do conflito. Foi certamente en 1931 cando o fascismo nipón iniciou a súa invasión do noroeste de China, ampliada a todo o país a partires de 1937.

Xapón promove lecturas que abundan na dirección contraria. As desavinzas entre Beijing e Tokio por ese pasado son ben coñecidas e representan un pesado fardo para as relacións bilaterais. Houbo un amago de entendemento cando o Partido Democrático lideraba o país (2010-2012) pero o regreso do PLD de Shinzo Abe labrouse cun rexurdir do nacionalismo –e ata do militarismo- que é observado con reservas en toda a rexión.

O organizador dos VIII Xogos Asiáticos de Inverno de Sapporo anunciou que o hotel do grupo xaponés APA, un dos designados para acoller a deportistas durante o evento, comezou a retirada duns polémicos libros repartidos nos seus cuartos ante o enfado das delegacións chinesa e surcoreana polos seus contidos. En concreto, negan a existencia da Masacre de Nanjing e o recrutamento á forza das escravas sexuais. O autor do libelo é o director executivo do grupo APA, Toshio Motoya (baixo o seudónimo de Sejik Fuiji).

Por outra banda, recentes directrices curriculares niponas inclúen, por primeira vez, as illas Diaoyu/Senkaku, baixo a súa administración pero reclamadas por China (e por Taiwán), e ata uns illotes próximos baixo control de Corea do Sur, como parte do seu territorio, cuestión rexeitada tanto por Seúl como por Beijing ou Taipéi.

Se cada historiador conta a súa propia historia, como dicía Delessert, cada país fai o propio. Pero nesta Asia que se reafirma como principal epicentro económico mundial non estamos a falar do pasado senón do presente. A controversia dos libros de texto reflicte flocos dese tempo que agardan reparacións. É o caso das armas químicas abandonadas ou das compensacións debidas ás escravas sexuais do exército ocupante nipón.

As desculpas de Xapón por todo aquilo que pasou saben a pouco naquelas sociedades que mais padeceron os atropelos das súas tropas. A batalla que se libra nos manuais sinala unha especie de fuga cara adiante. Reafirmarse nas propias interpretacións non axudará á comprensión. Nun contexto tan fluído e complexo como o actual alimentará xenreiras e odios. E a educación é para a paz.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES