Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mounier e o Personalismo (II)

jueves, 28 de febrero de 2002
Segundo Mounier, tal e como diciamos no anterior artigo, o personalismo non é un sistema filosófico. Trátase dunha actitude do pensamento que sitúa á persoa no centro de toda reflexión. Por ser reflexión, o personalismo non rexeita a sistematización, pois o pensamento só pode ser tal se ordenado. Pero o pensamento é un mero instrumento para caletrar no celme da persoa e para propor as canles para que a sociedade e a cultura sexan personalizantes. No celme do seu pensamento se sitúa, xa que logo, á persoa como ser libre e creador, capaz de compromiso e de adhesión á valores. Xustamente por ser unha realidade libre e creativa é imprevisible e insistematizable. A persoa, en tanto que actividade de autocreación, comunicación e de adhesión a valores é inobxectivable, incousificable. O que non significa que non se poidan facer esforzos descritivos ou sinalar os vieiros para lograr o desenvolvemento pleno das persoas. Esta é unha tarefa do personalismo, porque o personalismo non é só reflexión: é proposta práctica a prol dun movemento de personalización. Haberá que partir da realidade, abrirse ó acontecemento da realidade (pois para Mounier o Acontecemento é o mestre interior). Pero logo haberá que estudiar e comprometerse na práctica naquilo que promova ás persoas, tanto no ámbito privado como no estructural. Nada humano queda á marxe da reflexión personalista.
Agora ben, nestes tempos de anorexia de compromisos, só é quen da acción quen sexa capaz de ter esperanza, contraria a todo fatalismo. Dicir que as cousas non poden cambiar é a cómoda resposta do instalado, do burgués. Só quen quere cambiar as cousas é quen de vivir dando resposta á circunstancia, é dicir, sendo responsables. O personalismo é, así, unha chamada pola responsabilidade, pola acción responsable. Absterse, repregarse e desentenderse supón facerlle as beiras e o xogo á desorde establecida. O que non impón o personalismo é un tipo ou outro de acción: será cadaquén quen teña que facer a súa análise e as súas propostas en cada lugar e momento.
Dicíamos que a persoa só actúa como tal mediante o compromiso. Pero o compromiso por si mesmo escraviza. Se o compromiso non está en función dun horizonte, dun sentido, dun absoluto, é mero voluntarismo alleante. A liberdade só se exerce no compromiso, pero só hai compromiso liberador respecto a un absoluto, a algo que transcende á propia persoa, en función dunha vocación. Agora ben: o personalismo esixe que se conxuguen dous tipos de acción: a política e maila profética. Pola primeira, a acción busca unha eficacia práctica, unha proposta de formas económicas, empresariais ou políticas que sexan viables e xustas. Pero este tipo de acción debe estar alumeada dende a dimensión profética, que marca o horizonte, o desexable. Claro que se se esperan as condicións e medios perfectos, a acción nunca chegaría. Pero a acción sen a orientación a prol da persoa remataría sendo abastardante e alienante. Actuar temos sempre que actuar, todos estamos comprometidos e embarcados nunhas circunstancias. Por iso a abstención é ilusoria. (...) A non intervención, entre 1936 e 1939 enxendrou a guerra de Hitler, e quen 'non fai política' fai pasivamente a política do poder establecido". Por tanto, non se pode refugar o compromiso político, como ningún outro compromiso coas circunstancias nos que as persoas estean implicadas. Pero a finalidade do personalismo non é política, nin económica senón a de comprender e superar toda crise e situación que afecta, escorde e allee á persoa, que a disolva metafisicamente ou a someta como mera peza intercambiable dunha clase, raza ou nación.
Xa que logo, o personalismo supón a afirmación da persoa. Mais persoa, como veremos, non é identificable co 'eu', co 'cogito cartesiano' ou co 'suxeito', átomos abstractos pechados sobre si. A persoa é un ser aberto ós outros, a súa existencia é coexistencia, e a súa vivencia convivencia. No comezo non está o 'cogito ergo sum' senón o 'amor ergo sum': son amado logo existo. Son os outros quen fan á persoa ser quen é. É a comunicación co outro a que instaura á persoa.
En fin: o personalismo é perspectiva, esixencia, compromiso. Trátase dunha perspectiva que quere unificar as dimensións material e interior e transcendente da persoa, que vai realizando a súa vida en procura da perfección. Esta perspectiva rexeita tanto o optimismo inxenuo da burguesía ben instalada e adurmiñada como o irracionalismo e o escepticismo dos esmagados polas estructuras. E como esixencia, éo de compromiso: non hai lucidez sobre a realidade á marxe do compromiso con ela. E o compromiso ten como obxectivo transformar a realidade a prol da persoa, de revivificar unha cultura occidental que "chegou ser unha herdanza inerte nas mans dunha clase social que non conserva dela máis có goce, sen anovar as súas fontes". Daquela, cómpre fuxir tanto das compracencias como dos abuguinamentos colectivos, da evasión como da disolución nos mitos e nas colectividades. E isto concrétase nunha revolución personalista e comunitaria.
Personalismo: reflexión e praxe, polo profético e polo político, horizonte de sentido e acción práctica. Ollada crítica sobre a realidade e acción práctica para transformala. E empezando sempre por un mesmo. Esta foi a proposta de Mounier, proposta viva e pertinente. Porque unha das grandes traxedias do século XX foi a da perda do sentido e sensibilidade para a realidade persoal. Esta cegueira sobre o persoal, producida en parte polos alampos e refolguexos dos valores economicistas e de mercado, constitúe non só o tema do noso tempo senón que a súa superación constitúe a tarefa do noso tempo.
Domínguez Prieto, Xosé Manuel
Domínguez Prieto, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES