Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mataba o tempo facendo corozas

viernes, 24 de febrero de 2017
Testemuñas da memoria
Mataba o tempo facendo corozas

Moitos, ó longo de toda unha vida, e neses chamados “momentos libres”, dedicámonos a escribir, a ler, a coleccionar obxectos ou trapalladas, a correr, a visitar museos, a facer bricolaxe..., algúns incluso se dedican a ver cómo se asenta a nugalla nas súas vidas. E hai uns cantos que matan, que mataban o tempo facendo corozas. E non me refiro ás corozas das vacas (por certo, quedará hoxe algún lugar no que aínda lle poñan as corozas ás vacas?), senón a esas corozas que valen para vestir á xente. Pedro Quintas Rodríguez, o Pedro da Marina, era dos que se dedicaban a estas últimas.

Nos seus momentos libres que lle deixaba o seu traballo nunha cerámica de Xunqueira de Espadanedo ou, máis tarde, cando realizaba diversas tarefas, principalmente, na construción, na albanelaría, ía polos lameiros adiante na procura de xuncos. Medio en broma medio en serio, aconsellaba que os xuncos se tiñan que cortar coa lúa chea de agosto (Dicir que as xuncas eran para as corozas das vacas). Logo, o Pedro da Marina metíase nun recanto que tiña no baixo da súa vivenda de Baños de Molgas e alí empezaba a manipular de tal maneira nos xuncos, que paso a paso, ás petadas entretecía eses xuncos de tal maneira que a auga da chuvia esvarase pola superficie sen calala, sen enchoupala. Lémbrese que, hai anos xa, os paraugas, ás veces, brillaban pola súa ausencia, ou mellor dito, pola ausencia de reais ou pesetas na vida dos máis modestos.

Para facer as corozas, Pedro Quintas deixaba primeiro secar ben os xuncos e logo mazáballe as puntas ata que quedaran ben esfiañadas. Entón collía un a un e entretecíaos pola base deica facer un a xeito de lenzo ou cortina dun longo bastante para que lle dea a volta ó corpo dun home. Deste xeito facía varias que logo se unían unhas por debaixo das outras armándoas sobre cordas feitas tamén de xuncos entretecidos.

Adoitaba confeccionalas en tres partes; unha exterior que cobre os ombreiros e chega ata a cintura, e dúas interiores que comezan desde os ombreiros e chegan ata os pés ou ata máis abaixo dos xeonllos. Na parte inferior das pernas púñanse as polainas. Despois xa, o paisano, e pola conta que lle tiña, puña unha boas chancas feitas de coiro e con sola de madeira. Para que o tal paisano non se mollase nadiña, Pedro da Marina remataba a faena cunha carapucha feita en capas do mesmo material para cubrir a cabeza. E se chove que chova!

Claro que, se a coroza se empapaba moito, tiña a dificultade do seu peso. Pero, que era ese peso para un labrego acostumado a apañar feixes de nabos ou sacos de patacas desde algún que outro quilómetro de distancia.

Aínda que non era traballo dun día, nin de dous, nin de tres (lémbrese, nos momentos libres), Pedro Quintas axiña acumulou unhas cantas e axiña empezou a ter demanda delas. Mais xa se sabe o que acontece nas vilas pequenas, que regalou máis que vendeu. Algunhas desas corozas están hoxe espalladas por varios lugares da xeografía española e incluso estranxeira. Sei de polo menos unha que está en Suíza. Outra regaloulla a un sobriño político que este axiña a deu a coñecer por diversos lugares madrileños cando había algunha queimada polo medio. No momento de ler o famoso conxuro vestía todo orgulloso, todo estirado esa peza que se fixo coma quen non quere a cousa, pero, iso si, con todo o cariño dunhas mans que sabían moi ben o que facían. Hoxe, esa coroza colga no baixo dunha vivenda de Méntrida, en Toledo. Por certo, a ese sobriño, uns franceses seica lla intentaron mercar por moitos cartos. Naqueles tempos! Non a vendeu.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania