
Baixo o intrigante lema Post-Verdade, Post-Occidental, Post-Orde?, a recente celebración da 53º Conferencia de Seguridade de Múnic (17-19 de febreiro) simplifica a discusión sobre a inevitable transición que estase observando nun sistema internacional comprimido por sinais aínda confusas. Os temas de discusión ampliaron estas expectativas de inquietudes sobre a nova orde mundial en curso, destacando os efectos globais da presidencia de Donald Trump, as secuelas do Brexit, o impasse nas relacións transatlánticas e a tensión entre Rusia e Occidente. Así e todo, a Conferencia de Múnic 2017 achega un punto de inflexión no que o previsible sistema multipolar non hexemónico post-westfaliano, determinado polos equilibrios e pulsos existentes dentro da troika conformada por EUA, China e Rusia, deberá contemporizarse coa heteroxeneidade dos actores emerxentes e a multiplicidade dos desafíos que se definen na seguridade e na gobernanza do mundo da post-posguerra fría.
A diferenza de citas anteriores, a Conferencia de Múnic 2017 non acolleu aos principais líderes mundiais. Non estiveron nin Trump nin os seus homólogos Vladimir Putin ou Xi Jinping, entre outros. A troika mais ben apostou por enviar a representantes de segundo perfil, nos que destacaron por parte estadounidense o vicepresidente Mike Pence, o secretario de Defensa James Mattis e o secretario de Seguridade Interior, John Kelly. Toda vez, Rusia enviou ao seu ministro de Exteriores, Sergei Lavrov e China igualmente ao seu ministro de Exteriores, Wang Yin.
Tanto como as ausencias, as presenzas son neste sentido significativas. Mentres Washington apostou mais ben por enviar a altos cargos principalmente vinculados cos intereses de seguridade nacional, Moscova e Beijing preferiron enviar aos seus principais representantes diplomáticos.
A crise post-Flynn
As secuelas do escándalo Flynn en Washington e os seus efectos nas relacións transatlánticas vía OTAN e, principalmente, nas tensamente expectantes relacións ruso-occidentais, dominaron a axenda en Múnic. Neste sentido, para Washington, o foro foi aproveitado para ilustrar algunhas das variables sobre as que xirarán varios dos obxectivos da administración Trump en materia exterior.
Pero as mesmas seguen a transitar no terreo das confusas expectativas e das incertas especulacións, particularmente no cometido das súas relacións transatlánticas e, principalmente, sobre cal será a relación a partir de agora con Rusia.
Por tanto, o vicepresidente Pence tentou contemporizar o estado das relacións con Rusia e Europa, amosando a perspectiva de confeccionar unha post-OTAN con menor cabida para Washington. Toda vez, tentou tranquilizar aos seus socios transatlánticos garantindo o compromiso estadounidense coa Alianza Atlántica mentres criticaba a Moscova pola súa inherencia no conflito do Donbass no Leste ucraíno.
Persuadindo aos seus socios europeos a incrementar un gasto militar vía OTAN excesivamente dependente de Washington, Pence tampouco desestimou o seu apoio ao escudo atlantista desde o Mar Báltico ata o Mar Negro, establecido con evidentes implicacións de contención dos imperativos estratéxicos rusos.
Para o Kremlin, o escándalo Flynn aborda un efecto disuasivo que moi seguramente complicará as expectativas existentes sobre cal será o status real das súas relacións coa Casa Branca de Trump. A visión en Moscova semella apostar pola realpolitik. Polo pronto, Lavrov defendeu en Múnic un inevitable mundo post-Occidental, suxerindo que precisamente Occidente non quere recoñecer a emerxencia dunha orde mundial multipolar(1).
Pero o clima de aparente cordialidade que Moscova agardaba transitar con Trump na presidencia pode verse truncado polo contexto post-Flynn. Un día despois da Conferencia de Múnic, Trump elixiu como substituto de Flynn no cargo de novo asesor de Seguridade Nacional ao coronel Herbert McMaster, un falcón que considera a Rusia como unha ameaza e un antagonista de EUA(2). Como veterano militar, McMaster ten experiencia no terreo dos recentes conflitos de Oriente Próximo.
Estes recentes e inesperados movementos na relación ruso-estadounidense baixo o contexto post-Flynn disuadiron a Moscova a ingresar nunha fase de expectante vixilancia sobre cómo poden transitar estas relacións ante o súbito cambio de expectativas. E aquí ponse en consideración que a relación entre a troika Washington, Moscova e Beijing debe necesariamente acadar compromisos globais que, non obstante, poden verse obstaculizados pola preponderancia dos respectivos intereses xeopolíticos.
Nun sentido mais amplo, a Conferencia de Múnic estivo igualmente contextualizada pola renovación da tensión nuclear con Irán e Corea do Norte, aspecto que revitaliza o tema da proliferación nuclear. Con menos impacto, outros temas abordados na axenda como a crise da democracia liberal, a auxe dos populismos, a guerra en Siria, a loita contra o terrorismo xihadista e a seguridade en Asia-Pacífico, foron visiblemente opacados pola preponderancia do contexto que se abre agora entre Occidente e Rusia.
Cuestionada a hexemonía occidental e da globalización neoliberal, o mundo post-Múnic vai cobrando forma na medida en que se configura un sistema multipolar non hexemónico, aínda que igualmente non menos confuso e volátil. Fai exactamente unha década, na Conferencia de Múnic de 2007, o propio Putin advertiu sobre o obsoleto predominio do sistema unipolar predominante na posguerra fría. Considerado como un discurso histórico e incluso profético, hoxe esa diagnose asúmese como irreversible.
(1) http://www.atimes.com/article/go-post-west-young-man/
(2) http://www.atimes.com/article/trump-picks-straight-talker-mcmaster-security-adviser/