Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sen barreiras: un oco para a diversidade

miércoles, 15 de febrero de 2017
Este martes empezou na TVG un novo programa titulado Sen barreiras que trata de amosar como desenvolven a vida persoas con diversidade funcional. Souben deste programa o verán pasado cando me comentaron a estrutura que ía ter e o enfoque que lle querían dar. Pareceume un proxecto emancipador e unha boa fiestra para atacar aos prexuízos máis fondos da sociedade e empezar a abrir as mentes cara á convivencia co diferente. Polo tanto, tiven a impresión de estar ante un proxecto necesario que pode catalizar conciencias para desenvolver distintas actividades que dean lugar a unha verdadeira inclusión social.

Trátase de dar voz a aqueles que, en silencio, van forxando unha vida co dobre de esforzo para lograr moitas veces a metade. Non se trata agora de magnificar nada, nin sequera de dar por feito nada, nin de considerar extraordinario o que noutra xente sería algo normalizado. Trátase simplemente de recoñecer que a forza de vontade hai xente que chegou moi lonxe sen ter os apoios que por dereito tería que ter. O feito de carecer deses apoios lévanos a falar do sentido e do froito dunha loita que contra vento e marea chegou ao porto.

Ata agora, estas historias de vida están recollidas en libros, reportaxes de internet, conferencias en diversos foros, novas de telexornal ou, incluso, camiñando de boca en boca. Isto foi moi importante e sen dúbida axudounos a facer unha sociedade moito máis aberta pero o feito de que un medio público dedique un espazo semanal a difundir estas historias de vida, paréceme un paso fundamental cara a concienciación sobre a diversidade que é o compoñente fundamental dunha sociedade inclusiva.

Polo que sei, Sen barreiras quere tocar todos os paus dunha vida normalizada, dende a educación ao traballo, pasando polo ocio e, por suposto, destacando sempre os ilímites das persoas. Arrancou unha singradura que agardo que sexa longa e que cando arribe nunha sociedade inclusiva saiba contar en numerosas voces unha historia colectiva de diversidade.

Os meus parabéns á produtora Centroña e á TVG por esta aposta que ten que agromar nunha Galicia diversa e comprensiva que se mire ao espello e se recoñeza enteiramente.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES