Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 15 de febrero de 2017
Non me cadran as contas

Imos alá. A poñer catro trapalladas e dúas ideas que non terán nin pés nin cabeza. Mentres pensamos nelas, o jazz de Dave Brubeck acompaña a soidade noitébrega dun día que está a piques de rematar. Lembrade que todo ten a súa fin. Ata os que se senten eternos, perpetuos, imperecedoiros, inmortais morren coma calquera fillo de veciño. Tan só Xesucristo resucitou. Iso din. Agora que... vai ti saber! A min non me cadran as contas. Iso de que resucitase... e de que nacese dunha virxe. Naqueles tempos! Tampouco me cadran as contas de ir ata o infinito e Pingas de orballomáis alá. Non consigo ir uns cantos quilómetros, como para alcanzar o infinito. Por certo, onde carallo está o infinito? E o máis alá? Si, moito Buzz Lighyear, pero tampoco me cadra que el fose máis alá dunha pantalla de cine. Catro trapalladas, dúas ideas e segue Dave Brubeck marcando o ritmo da soidade noitébrega, do silencio noitébrego.

O espello no que nos reflectimos

Xa está. A aventura do Celta na Copa do Rei xa rematou. Certo, o Alavés mereceuno máis. É digno finalista. Oxalá na final lle pegue un repaso ó Barça. Repito unha vez máis: na Copa sempre animo ó máis pobre, ó máis modestiño. E enfrontaranse un ferrari contra un 600. Verdade que se lle ten cariño ó 600? Xa esta, dirán algúns. Puto fútbol! Verdade? Pero tamén sigo dicindo que este deporte non atrofia ó ser humano. É máis, sigo opinando que é o espello no que realmente se reflicte o carácter real dunha persoa, o comportamento do individuo. Incluso se pode dicir moi perfectamente que é a alma da maioría dos seres humanos. E si, vin fútbol, gústame o fútbol; pero tamén lin toda a tarde, estou escribindo (malamente, pero escribindo) e non me "culturizo", cinematograficamente falando, porque agora mesmo, en ningunha cadea, hai unha película que paga a pena.

Ata o infinito e máis alá

Teño que empezar a prepararme. Coller folgos. Pensalo ben. E cando pase engancharme a el. A ilusión da miña vida. Ir ata o infinito e máis alá. O próximo día 25 seica se achegará á Terra un asteroide. Non podo deixar pasar a ocasión. Adestrar. Adestrar. E adestrar. Dando saltos, claro. Ou pinchos; é igual. Malo será que para o 25 non consiga coller tal impulso que consiga asirme ó esteroide. Quero viaxar polo espazo! Sen escafandro nin rabo de gaitas! Quero respirar universo! Ulir as estrelas! Escoitar o vento! Quero furgar no asteroide e a ver que hai. Menos leria, molgués; pónteme a Pingas de orballoadestrar para dar o gran salto. Para choutar ó asteroide e logo, ai Deus bendito!, logo ir ata máis alá dunha galaxia moi pero que moi afastada. Respiro. Collo folgos. Salto. Consigo chegar xa ó campanario da igrexa de Baños de Molgas. Se no primeiro salto fago isto, o día 25... chupado! Aí vou, Buzz Lighyear!

Ó pasar a curva

Deixo de ler no libro e contemplo a recta do alto da Pitediña. Sei que ó pasar a curva está Entreloríos. Pero non vexo o que hai máis alá. Non obstante, consigo debuxar os recordos, os recordos da infancia. De cando a vida labrega era un espertar cedo, moi cedo porque o Medo quedaba lonxe. E as vacas tiñan que andar no monte durante un tempo. Non todo consistía en chegar e volver. Eses recordos pertencen ás mañás, que era cando máis se ía para o Medo. Polas tardes tamén cruzaba Entreloríos para ir para o lameiro dos Lamas. Lameiro grande, enorme, pero que, para aproveitalo, había que darllo a cachiños ás vacas. Tiña catro ou cinco regas; collías unha rega e de caldeira a caldeira marcabas unha liña e de alí non podían pasar as vacas. Para que se lle dividía o lamiero a cachiños? Porque se ás vacas as deixas pacer por todo o lameiro, estas logo o percorrían todo. E trepábano, e esmagábano, e cagábano e non o aproveitaban ben. Deixo de pensar e leo de novo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES