Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ano da Irmandade

martes, 14 de febrero de 2017
Este ano que agora vai devalando trouxo á actualidade unha lembranza máis que oportuna: a da celebración do centenario das Irmandades da Fala. Neste noso país, tan afeito a deixar esvarar entre as sombras efemérides que merecerían maior relevo, deu mostras de seguir vivo ao conmemorar como cómpre unha data fundamental para a Historia da nación.

Dende as máis diversas instancias, co auspicio de ben diferentes institucións, plataformas e axentes culturais, estes últimos meses desenvolvéronse non poucas actividades que serviron para recordar a transcendencia histórica das Irmandades da Fala, o seu papel de xunguidoiro identitario ao longo e ancho do país e as bondades que aqueles que nelas militaron fixeron pola nosa lingua, polas nosas letras e, en xeral, pola nosa cultura.

Sería abondo prolixo tentar rexistrar aquí todas e cada unha das conferencias, homenaxes, dedicatorias, mesas redondas e similares nas que as IF foron as protagonistas, así que me conformarei con amentar tan só unhas cantas representativas do conxunto. Entre elas, a exposición itinerante Saúde e Terra, Irmá(n)s, mostra organizada polo Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e mais a Deputación da Coruña, que recreou con ben a Galicia na que hai unha centuria naceron as IF servíndose de valiosos materiais (video)gráficos, obxectos diversos, documentos millenta e singulares pezas da época.

Tamén si, coido que merecen destacarse tanto o Simposio Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931) ―xornadas organizadas polo Museo do Pobo Galego nas que durante varios días do pasado novembro un conxunto de máis de trinta estudosos conferenciaron sobre diversos aspectos vinculados ás IF― como as distintas mesas de debate que a RAG promoveu por toda Galicia arredor de personaxes clave das IF e nas que participaron, igualmente, notables analistas.

Agora ben, sendo abondo meritorias estas iniciativas, estou convencido de que para o futuro se agradecerán, de xeito especial, os froitos bibliográficos que, co gallo da celebración da efeméride, foron agromando da man dos mellores especialistas e que se verteron tanto en referenciais monografías de autoría individual coma en sobresalientes volumes colectivos.

Entre as primeiras debe destacar o monumental ensaio A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), asinado por Emilio Xosé Insua para Baía Edicións, un libro de case un milleiro de páxinas nas que practicamente nada fica por dicir do que foi a traxectoria, actividades,publicacións, campañas, iniciativas, debates e conflitos xerados polas IF.

Da súa parte, entre os traballos colectivos merece citarse As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX, obra coordinada por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e publicada por Laiovento na que Carlos F. Velasco Souto, Dionisio Pereira, María Pilar García Negro, Justo Beramendi, Xoán Carlos Garrido Couceiro, Xesús Torres Regueiro, Aurora Marco, Moncho do Orzán e Henrique Rabuñal investigan sobre a andaina das IF.

E estas publicacións teñen de sumarse as escolmas divulgativas que a RAG promoveu para recuperar o labor ensaístico, poético, narrativo e teatral das IF, libros dos que se encargaron investigadores como Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Pena ou Laura Tato Fontaíña. E, xa nun terreo máis didáctico e lúdico, o cómic As irmandades da Fala, protagonizado polos celebérrimos Bolechas de Pepe Carreiro, tamén editado por Baía.

Centón polirrizo
Sendo todas estas achegas bibliográficas contribucións ben meritorias, se tivese que espigar unha soa para significala como a obra que, ao meu ver, ha ficar como de indispensable consulta para o futuro esta sería, con certeza, o volume colectivo Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), libro coordinado por Luís Cochón que veu luz da man de Xerais.

Unha trintena de voces abordan a análise demorada das orixes, constitución, historia, impacto e herdanza das IF, tamén dos textos senlleiros e persoeiros decisivos destas. Autores como Justo Beramendi, Xosé L. Axeitos, Xosé Ramón Pena, Antón Costa, José Antonio Durán, Xosé R. Barreiro Fernández, Xurxo Martínez González, Francisco Díaz-Fierros, Arturo Casas, Emilio Xosé Insua, Luís Alonso Girgado, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina, Darío Xohán Cabana ou Miro Villar alternan con escritos recuperados de Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Xohán Vicente Viqueira ou Álvaro Cunqueiro, completando unha visión holística e plural que o editor e mais o prologuista da obra, Xosé Luís Méndez Ferrín, cualifican de “transversal, dinámica, intertextual, polirriza e interdisciplinar”, o que a converte, segundo o autor de Con pólvora e magnolias, “nun centón que vai apaixonar o lector disposto a participar da aventura menos coñecida do pasado do cal dependemos”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania