Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se eu che contase (5)

martes, 14 de febrero de 2017
.../...

Os Lusíadas,
de Luís Vaz de Camôes.

Se eu che contase (5)No 1578 Camões soubo da terrible derrota de Portugal na batalla do Ksar el-Kébir, onde o seu Rei Sebastián morreu, ou desapareceu, e o exército portugués quedou completamente destruído.

…
Por mares nunca de antes navegados
Passaram ainda além da Taprobana,
Em perigos e guerras esforçados
Mais do que prometia a força humana,
E entre gente remota edificaram
Novo Reino, que tanto sublimaram.
...


Os (nosos) Lusíadas

Sempre tiven para min que merecen máis atención os antiheroes cós heroes. Os heroes xa están estudados, exaltados, polos vencedores de tódolos tempos: nos libros, nos periódicos, no cine...; ¡e incluso nos mausoleos! Dos “anti”, ¡vaia vostede a saber cal foi a causa da súa derrota, do seu esquecemento, e ata da súa difamación! A historia dos ananos ou é un traballo mal feito, ou está sen facer.

Falando destas cousas cun amigo da parroquia, un bo demócrata a pesares de que tería moito que contar daquel verán de 1937, falouse do Blanco de Cobula, un santo que nunca irá aos altares pois nin era Cura nin das dereitas. Nestas díxome o señor:

-Se volvo hoxe por aquel campiño, alí entre Pena e Montecubeiro, estou seguro de identifica-lo punto exacto onde teu padriño, e con el outros feirantes, atoparon ao Blanco, e tamén ao Muiñeiro da Laxe, ámbolos dous xuntos, ¡caídos en cruz, para máis inri! Aquela encrucillada era un bo sitio para poñer un cruceiro..., ¡agora que os poñen incluso nos chalés dos señoritos, que é igual a dicir, dos fariseos!

-¡Nin cruceiro, nin deles se falou en tantas historias acabalgadas como se teñen escribo, moitas e delas de oídas, daquel verán tormentoso! No 36 os raposos estiveron agochados, pero ao verán seguinte a súa fame de sangue tirou deles tras dos mellores galos na nosa intelectualidade..., que era a virtude que máis lles estorbaba! -Foi o que lle respondín, engadindo esta enquisa: -Por certo, ¿como era aquilo que me tes contado dos mitins do señor Blanco? ¡Quixera apuntalo por se algún día fago algunha referencia diso, nalgún dos meus papeis...!

-¿Refíreste ao asunto dos “lusos”?

-¡Si; iso!

-Pois..., Blanco de Cobula era famoso, aquí e tamén na Habana, pola súa forma de falar; ¡un Se eu che contase (5)mestre manexando as verbas de dobre sentido!

-Anfiboloxía; creo que se chama iso. -Metinlle este inciso de sabichón, pero ao señor tíñano sen coidado as matizacións da semántica.

-Parecía tan pícaro, e despois, por dentro, era un bendito, un católico sentimental, da máis pura ortodoxia, que por algo lle tiñan envexa máis de catro..., á parte do saboroso que resultou comerlle as súas ovellas! Á saída de Misa, aí no adro, poñíase a remedar aos mitineiros de entón, de tal xeito que tódolos veciños o provocaban polas súas habelencias niso da parodia. Lémbrome en particular do que xa che contei, aquilo de que sempre comezaba as súas peroradas dicindo, “Queridos amigos, galegos i lusos”.

-A iso me refiro; ¡ti conta, que eu apunto!

-Pois..., ¡que non houbo cristián que conseguise entender ou descifrar se o Blanco dicía, “galegos ilusos”, ou, “galegos-i-lusos”, co á présa que falaba! Ti ben sabes que iso de “lusos” vén de Luso, que era un fillo do deus Baco, patrón dos borrachuzas, así que dicir “ilusos” equivale dalgún xeito a tillar de borrachos, etcétera. Ao que ía: Nunha ocasión, que llo preguntou o Cura Lugilde, tan só lle contestou: “Señor Cura, o que dixen, dito está, que así falou Pilatos, outro que tal! Mais se quere estar seguro das miñas ideas, voulle insistir en que eu sempre digo as dúas cousas, ¡e as dúas a un tempo! Agora vostede escolla o sermón que se lle axeite: ¡Que pensa que os galegos van de par dos lusos..., pois por min está ben así; e se coida que os galegos somos uns ilusos, tamén é certo, que á Historia me remito!”. Lugilde enfadouse, e marchou para a igrexa, se cadra rezando en latín, por vinganza, que era algo que non lle entendía o..., ¿como dixeches?, o anfibolóxico!

Naquela temática acabei referíndolle, en reciprocidade, unha da Fonsagrada, ¡das antigas, claro!, que por certo non a coñecía o meu amigo, e iso que se sabe ese municipio de memoria. Trátase disto:

Aquel muñidor de don Manuel Portela chamábase Cándido, Cándido Fernández, pero non confundilo co Enxeñeiro que lles mellorou a estrada, o “Montoutiño”, ¡que aínda hai clases!

Foi polo ano 10, daquela que Portela saíu Deputado polo distrito de Fonsagrada. Don Manuel, nun agradecemento rutineiro, mesmo segundo montaba na besta do Cándido, invitouno a Madrid, para que o visitase no Pazo das Cortes, ¡pero non lle dixo cómo nin cándo! Todo isto sóubose por un veciño censado en Madrid, que daquela traballaba un dos primeiros taxis que se viran na Estación do Norte, tamén chamada do Príncipe Pío, esperando polos galegos a cada tren que chegaba:

-¿Pero ti, alma cándida, qué fas aquí, con esas zocas? -Preguntoulle aquel veciño, aquel taxista, ao velo desorientado.

-Díxome don Manuel, xa sabes, o Portela, que me quere ver nas cortes...; non sei se é que vai estercar, agora no outono, e mais todo por aquí non vexo leiras, que todo-los arredores polos que pasou esta máquina están de arboredo, maiormente piñeiros.
-E chopos, tamén, que precisamente este de aquí é o Paseo de la Chopera. Xa que coincidimos, agarra o teu petate e métete no meu taxi, que imos primeiro á miña casa, para que te poñas presentable! ¡Ai, ho, cómo ves, que logo parece que durmiches na borralla!

-Agarda, logo, que tamén son miñas estas sacas..., as dúas!

O taxista, cando as colleu para metelas no compartimento traseiro:

-¿Oes, cómo é que fan estes vultos, que talmente parecen xamóns?

-¡E sonos, que mos deron os amigos de don Manuel..., para ver se lles consigo cousas! Tanto que nos prometeu daquela, e mais os rapaces seguen indo para esa África dos mouros, ao Servizo, coma sempre, que mesmo antonte viñeron os Gardas alí a Padrón, por un fillo da Remedios...

-¡Pero qué listo foi teu padriño: un home cabal!

O paisano notoulle algo de chanza ao taxista, así que lle aplicou a mellor dialéctica, que non debía ser mala xa que tantos votos lle conseguira ao señor Portela:

-Don Manuel é home de palabra, e a min estame obrigado, que daquela metinlle moitos votos na ola, ¡ás dúas mans! ¡Xa verás como cumpre coa palabra que nos deu!

-¡Pero mira que es animal; refírome ao teu padriño de pías, o que che puxo ese nome!

-¿Ai, ese? ¡Éche do Queirogal, dunha casa ben boa, pero está indo a menos porque agora vai vello, e os fillos están en Cuba, ámbolos dous, pois ata o morgado faltou aos seus deberes! -Respondeulle Cándido, cándido coma sempre, pero orgulloso de tal padriño e de tal nome.

O taxi arrancou por aquela costa arriba, e Cándido, recachado nos asentos de gutapercha daquel auto, ¡un Ford T!, sentiuse dono de Madrid. ¡Tan feliz se sentiu naquela Corte tan limpa que ata se durmiu no taxi!

-Ala!, Cándido, esperta e carga cunha destas sacas, que imos subir ao meu piso..., para que te metas na bañeira, que despois diso falamos o que queiras!

-¿Chacho, e ti vives aquí? ¡Non te facía desta categoría!

-¿E logo, por qué o dis?

-¡Moi alto te ves, que xa contei cincuenta chanzos!

-¡Isto é para que vexas a categoría que ten en Madrid un taxista!

Sube que te subirás, chegaron ao pisiño, que era un ático recortado, pero podía ser peor tal e como vivían case tódolos galegos, daquela, en Madrid. Abriulles a porta a Xosefa, unha muller esbrancuxada, que criara media ducia de fillos, un tras doutro, que logo parecía unha monxa de clausura, do piso á praza, e da praza ao piso; cando non, do piso á parteira, que a tiñan que avisar tódolos anos, e menos mal que quedaba cerca pois tamén se ocupaba da portería daquel edificio.

-Á miña muller xa a coñeces, ¿non si?, que veu de por aló, de Quintá, abaixo do Cádavo. ¡Foiche criada de dona Ramona Lombardero, a de Salmerón!

-¡Tanto gusto, señora! Pois eu sonlle o Cándido da Paradavella. ¿Lémbrase de min?

-¡E non hei! Das feiras do Cádavo, que vostede era tratante en porcos...

Daquela deron en falar da súa terriña, que sempre foi tema de cabeceira dos emigrantes. O taxista contoulle ao Cándido que cando chegou a Madrid, para servi-lo Rei, ¡El Rei, e mailo que cadrase!, alí en Caballerizas, todos lle preguntaron de onde era...

-¡Pois eu..., da Paradavella, despois do Cádavo!, lle dixen ao Sarxento, todo farruco; pero como aquel tío era andaluz, non me entendeu do dereito, e foise coa chunga ao Xefe da Compañía: “Mi Capitán, que ezte gallego quiere ser Cabo, o lo que venga dezpuez de Cabo”. ¡Mira ti qué terá que ver un Cabo co Cádavo, pero esta xente de por aquí só escoita o que quere oír! Así que daquela mesmo me fixeron Cabo, ¡sen estudar nadiña! Coido que foi unha quintada, para rirse de min, pero, ¡o nabo de Lugo!, que deseguida aprendín, de todo, incluso as leis penais, ¡e aquí me tés, feito un chaufer! Calquera día vouvos ver ao Cádavo, co meu Ford, que seica deron en chegar por aló os autos, que andades facendo unha estrada, e iso manda truco na Habana!

Despois de comer fixérono lavarse, que mentres comeron quentouse a auga, pois aquela carraña outro remedio non tiña. Cándido, cada vez máis atufado, e ilusionado como estaba nas súas aventuras madrileñas, que a Xosefa ata lle puxo un frasco de colonia ao pé do lavabo, deulles as máis expresivas grazas polo agasallo:

-¡Ai, ho, Deu-vo-lo pague, que vou ben limpo; pero terei que irme para ver se atopo a don Manuel, antes de que se deite, pois daquela que foi á Fonsagrada sempre se deitaba con día, pero, iso si, despois espertaba cos galos! ¿E ti, Ramonciño, poderías levarme no auto á súa casa? ¡Xa sabes, por culpa dos saquetes!

-Mira, Cándido, -lle dixo entón a muller do taxista, que algo de protocolo dos señores aprendera na casa dos Salmerón-Lombardero-, terás que poñer uns zapatos do meu Ramón, pois coas zocas..., aquí en Madrid..., ¡vante levar preso! E despois diso, é mellor que o Ramón fale co chaufer do señor Portela, e que lle pregunte cando pode recibirte...; ti, mentres, esperas abaixo, no Ford.

-¿A min? ¿Recibirme, a min? ¡A calquera das horas, que xa mo dixo daquela, cando foi o das eleccións! ¡Faltaría menos!

Seica custou traballo sosegalo, pero máis aínda facerlle deixar un daqueles xamóns..., ¡para axuda dos gastos!, pois todo se lle volvía dicir que tiñan dono, que cada xamón era para a súa cousa, proporcionados, que así don Manuel levaría as contas dos favores que tiña pendentes de cumprir con aqueles electores seus, ¡tan necesitados da súa lembranza!

Entrevista persoal non chegou a conseguila, pero un memorando de peticións si que houbo, que o redactaron os dous choferes, ao ditado do Cándido por suposto. Cos xamóns, de momento con todos menos un, quedouse aquel intermediario, o chofer de Portela Valladares; se cadra con intención de repartir de novo..., ¡desde que tivesen ao Cándido de volta, no Correo de Galicia!
-.-

Alta geraçao, ínclitos infantes... ¡Si, si, iso dicía Camoens dos seus, que tamén, ¡meus pobres!, as súas pasáronas. De postos a emigrar, tanto tiña ser de Tras os Montes como dos Montes da Fonsagrada; tanto daba ir á India, a Oriente, coma ao Poñente americano, ou a Madrid, que parecidas desventuras tiveron galegos e lusos, pois todos eran, foron, en definitiva, uns ilusos, ¡meus pobres!, pobres ilusos, restrebados polo mundo adiante, e servindo para canto servizo houbese!

¡Que tempos! ¡Dá vergoña, incluso contalo, e menos mal se non temos recaída!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES