Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

ἓν οἶδα ὅτι οὐδὲν οἶδα (Só sei que non sei nada)

sábado, 11 de febrero de 2017
Iso dicía Platón que comentara o seu mestre Sócrates. E, canto máis aprendo, menos sei - afirmamos quen nos pasamos a vida estudando, reciclándonos. Mais non por ese motivo hai que abandonar a curiosidade innata nin deixar de fomentala en todo momento, pois representa a motivación máis básica sobre á que só habería que aplicar a maiéutica, seguindo con Sócrates ás voltas. Velaí que doado!

Se só hai que volver ás orixes! Só ser verdadeiramente "pedagogos" - aqueles que coidaban dos rapaces en todos os seus aspectos e necesidades e os levaban por bo camiño, no mundo da antiga Grecia - sen ter que aplicar modernidades sacadas de contexto.

Dende a Lei Moyano, lei reguladora da ensinanza impulsada en 1857 polo goberno moderado e que incorporou boa parte do Proxecto de Lei de Instrución Pública do 9 de decembro de 1855, elaborado durante o Bienio Progresista polo Ministro de Fomento Manuel Alonso Martínez, até a Lei Villar Palasí do setenta, pasaron Moitos anos!

Vivín esta lei, con todas as súas avantaxes e os seus defectos, moitos: ausencia de orzamentos estatais que avalaran a Lei (aínda hoxe acontece), carencia de formación do profesorado para levala a cabo (aínda hoxe acontece), falta de recursos materiais (aínda hoxe acontece) ... Mais, a Lei Xeral de Educación implantada a partir dos anos setenta, modernizou a Educación con maiúsculas. Delimitou as idades dos nenos e nenas que debían cursar ensino xeral e básico até os catorce anos obrigatoriamente; concibiu ao alumnado como suxeito da educación, en torno ao cal había que coordinar calquera acto educativo; instituíu a avaliación continua; considerou a necesidade de realizar unha educación personalizada, e un longo etcétera de modificacións que só nunha mínima parte se levaron a cabo.

Chegada a democracia, sucedéronse unha serie de leis importantes para o desenvolvemento das liberdades individuais e colectivas. De aí xurdiu a Lei Orgánica Reguladora do Dereito á Educación (LODE) do 1985, e posteriormente a LOXSE, Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo, de 3 de outubro de 1990, promulgada polo goberno do PSOE (con todos os seus defectos e virtudes, como todas...)

Dende entón, levamos vinte e sete anos mudando de leis, decretos que as desenvolven e unha morea de ordes sen senso, que defiren en función do partido político que conte coa maioría absoluta no goberno do Estado. Que tristeza!

Que tristeza que non haxa un acordo político en canto a Educación se refire, para que o noso alumnado teña continuidade na súa progresión académica sen tantas alteracións que o disuadan de seguir adiante.

Que tristeza que o profesorado teña que pasar máis tempo dedicado a tarefas burocráticas de programacións absurdas que só fican nos "papeis obrigatorios que é preciso presentar ante os xefes territoriais (antes Inspectores)", e non dispoña de tempo para programar operativamente as súas materias co fin de preparar ao alumnado...

Que tristeza, que ese mesmo profesorado que se adica en corpo e alma a educar e formar ás futuras xeracións, teña que confesar cada pouco tempo: "Só sei que non sei nada" , porque nada do aplicado ten valor; porque - ao parecer- todo fica obsoleto nun suspiro de tempo (non son obxectivos, non son competencias, son estándares de aprendizaxe...!) Cantas voltas lle pretenden dar ao mesmo!

E aquí estou eu, mestra, escribindo este artigo no que podo afirmar que " Só sei que non sei nada" con tristeza...!
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES