Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apuntamentos sobre o ensaio en Galicia Hoxe

viernes, 15 de febrero de 2002
Con notable diferencia, o xénero do ensaio non só é dos menos cultivados en Galicia, senón tamén dos menos estudiados. Ende ben, xa van vendo a luz estudios, parciais ou de conxunto, sobre os ensaístas da xeración 'Nós' ou sobre os da xeración 'Galaxia'. Pero, agás referencias espraiadas e ocasionais, o silencio crítico é case total sobre o que existe despois destes autores. Tanto, que puidera parecer que o ensaio galego acaba con eles. E nada máis lonxe da verdade. Porque hoxe contamos coa mellor colleita de ensaio que se produciu nunca en Galicia.
¿Que características ten o noso ensaio actualmente?. A cuestión é difícil porque a falta de perspectiva histórica atolda calquera percepción axeitada do panorama. En efecto, ó pé do faro non adoita haber moita luz.
Esta necesaria distancia é a que, por exemplo, permitiu a Carlos Fernández, no seu excelente ensaio O vento do espírito afirmar que o ensaio da xeración 'Nós' tiña como notas características o seu nacionalismo, poligrafismo e a súa non-disciplinariedade, namentres que o ensaio da xeración 'Galaxia' defínese tamén polo seu galeguismo e poligrafismo pero asemade polo seu marcado contido filosófico especializado.
Ó carecermos de distancia, intentar afirmar algunha característica verbo do ensaio de hoxe supón correr o risco de fanar a a realidade, de distorsionala en función dos propios intereses ou lecturas. Pero unicamente non erra quen non actúa. Así que, coa solercia necesaria, tratamos agora de enxergar algunha faragulla conceptual que dea conta da follateira do noso ensaio.
De primeiras, o que alucamos é que o ensaio galego medra, polo xeral, en derredor dun feixe de nomes propios e non tanto de grupos, de escolas ou correntes. Hai un certo individualismo e un 'politeísmo axiolóxico' na producción: á marxe dos demais, cadaquén ten as súas fontes, tradicións e as súas inquedanzas. Non implica isto necesariamente disciplinariedade, é dicir, que cadaquén escriba dende unha disciplina na que é especialista. Pero, por dicilo dun xeito máis claro, non hai tradicións nin escolas entre nós. Claro, que hai excepcións. Nomeadamente teriamos que falar da escrita feminista, que gracias á xenialidade dalgunhas das nosas ensaístas e a certos lugares de expresión común, souberon aglutinar forzas e confrontar ideas, acadando unha certa unidade. A revista A festa da palabra silenciada, ou grupos de traballo e investigación como o aglutinado por Mª Xosé Agra en Santiago de Compostela a partir de 1989, son boa mostra deste traballo sinfónico e de fructífera colaboración. Non podemos tampouco esquecer, noutro ámbito ben distinto, o da teoloxía e o pensamento cristián, a certa unidade de pensamento que supón o grupo artellado en derredor da revista Encrucillada.
Mais, en xeral, cada ensaísta galego alampa como luz senlleira, solitaria. Proba disto é que non se prodigan os coetáneos referencias mutuas (aínda que non hai atrancos en citar e recoller achegas dos clásicos de Nós ou Galaxia e, nos máis novos, en facer referencias a textos xa consagrados de autores vivos, como ocorre co Atraso económico en Galicia de Beiras, con A revelación de Deus na realización do home, de Torres Queiruga ou con Evidencias de Queizán).
Outro trazo ben espraiado do noso ensaio actual consiste na frecuente referencia á praxe, especialmente cando se trata da cuestión da nación galega. A reflexión non se adoita a quedar nunha teoría contemplativa ou abstracta senón que se ensaian propostas para a acción. Tense superado o prexuízo positivista da neutralidade axiolóxica do pensamento para amosar, moi habermasianamente, que todo pensamento está dirixido por uns intereses. E, se cadra, o que máis interesa á meirande parte dos nosos ensaístas é Galicia. Nun momento ou noutro da súa obra, ocúpanse case todos de Galicia como problema. E preocúpanse prospectivamente. En certo xeito, e salvando as distancias históricas e culturais, o noso ensaio está a amosar unha inquedanza por Galicia semellante á que se viviu en España, referida á nación española, da man da ' xeración do 98' ou en Alemania, respecto da súa identidade nacional, por parte da Escola de Frankfurt. De todos xeitos, existe unha radical diferencia: namentres que a sensibilidade pola identidade nacional española xurdiu a raíz do trauma colectivo da perda das colonias e en Alemania a partir das derrotas nas dúas guerras mundiais, en Galicia non contamos cun feito histórico semellante, un feito puntual e radical que supuxera un revulsivo para as conciencias. A autonomía galega veu como consecuencia dun proceso histórico de transición política mol.
¿Que consecuencias trae isto para o ensaio? As consecuencias disto se encontran non tanto na ausencia de reflexión sobre Galicia (que, como dicimos, é precisamente un dos trazos do noso ensaio actual) senón a falta de suficiente eco social que esperta.
En todo caso, a cuestión nacional é un dos temas no que, antes ou despois, conflúen a meirande parte dos nosos e das nosas ensaístas, ben traballen dende a historia, a socioloxía, a filosofía, a teoloxía, ou a política. E isto, precisamente dado o feitío social galego, ten unha función importantísima: a de animar e axudar a unha necesaria reflexión colectiva sobre a nosa identidade, que en Galicia aínda non se fixo (agás no ámbito de certos grupos, cáseque sempre vencellados a partidos políticos). O ensaio galego ten hoxe unha función importante respecto do deseño e promoción da nosa propia identidade. Ven ser como un elemento de alicerce cultural, especialmente urxente nestes tempos de barbarie homoxeneizadora, pragmática, globalizadora e tecnólatra.
A carón deste, quixera hoxe dar cabo a estes apuntamentos tan provisionais e opinables como o lector teña a ben considerar, sinalando que, se cadra, outro aspecto que define ó ensaio galego actual é a súa atención ós problemas do momento, a súa pertinencia histórica, a súa apertura ó universal, dende o particular. Dende a reflexión sobre os medios de comunicación e as novas tecnoloxías, pasando pola situación social da muller, a nosa economía ou a nosa literatura, , é o noso ensaio pouco metafísico, pouco dado ás abstraccións baleiras, ós universais doados pero maniños. Se, en xeral, vai vencellado a unha praxe, ou a unha orientación para a praxe, necesariamente ten que estar caracterizado por unha gran concreción.
Domínguez Prieto, Xosé Manuel
Domínguez Prieto, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES