Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Como Don Graciliano non hai ninguén

viernes, 10 de febrero de 2017
Testemuñas da Memoria:
Como Don Graciliano non hai ninguén

Nas conversas dos bares, cando nos poñemos a falar da ciencia do saber, que todos sabemos que é moi ampla e variada, e cando alguén non sabe tal ou cal teoría ou cando non sabe, simplemente, contestar, algúns inchamos o peito e moi fachendosos soltamos a sentenza: “claro, non fuches á escola de don Graciliano”. Ou se por un casual se intúe que es un listiño, pois contéstase con algo moi semellante: “home!, de algo me valeu ir á escola de don Graciliano”. Como don Graciliano non hai ninguén. E que queredes que vos diga... pois case é certo. Desde a distancia no tempo, ou sexa, desde hai corenta anos, nunca oín falar mal del. E mirade que nos anos 60 as aulas non tiñan os alumnos actuais; eramos a tira deles e máis. Creo lembrar que algunha vez (escasa) botaba man da regra ou da variña (quen non zoscaba naqueles tempos?), pero sen ánimo de que escarmentaramos, máis ben de aviso.
Como Don Graciliano non hai ninguén
Hoxe en día case podo confesar que me lembro de don Graciliano por tan só dous detalles (aínda que ó contemplar a foto que tedes diante dos ollos, xa os recordos da súa figura asoman máis ou menos á miña memoria); digo que os dous detalles eran cando nos chamaba para entrar na escola e cando contou un, chamémoslle, chiste con tanta ensinanza que aínda hoxe se coñezo ese monumento sevillano é grazas a el. Porque resulta que un día, na clase, chamou a catro cativos, colleu unha cadeira e díxolle a cada un deles que a collesen polas patas (un en cada pata) e que a levantasen, que a izasen. Coa cadeira en alto espetou cun enorme sorriso nos beizos: “Ahí teneis: la Giralda de Sevilla; cuatro tontos y una silla”. Prometo que souben da Xiralda por ese chiste e non por estudala nos libros.

O outro detalle que non se me esqueceu nunca foi o da forma de chamarnos para entrar na escola. Estiraba dous dedos de cada man e metía os catro na boca para asubiar por nós, con moi pequenos intervalos, porque naqueles tempos non te facías moito de rogar... por se acaso. Xa digo que era un bo home, pero a disciplina era outra.

Don Graciliano. Nada máis que don Graciliano. Así o coñecín sempre. Pero o outro día, cando quedei co seu xenro para falar do meu mestre, foi cando realmente souben algo máis da súa vida: Graciliano Muñiz Beltrán, nado en La Velilla, Riello (León) e casado con dona Julia Cid Como Don Graciliano non hai ninguénGonzález, de Xocín (Baños de Molgas), mestra tamén na escola da miña localidade. Ela era a mestra das nenas e el dos nenos, claro. O da ensinanza mixta... vaiche boa! Naqueles tempos!

Mais onde realmente quedei pampo na conversa que mantiven co xenro foi cando este me confesou que don Graciliano tamén fora (houbera uns cantos) un mestre represaliado, porque seica nunha inspección que tivera dérase a coincidencia que naquel momento tiña o crucifixo gardado na caixa da mesa, ben porque o quixo limpar ou porque caera (os máis novos deberán saber que nas cabeceiras das aulas tiñan que estar ás vistas un crucifixo e o rostro do Xeneralísimo Franco) A quen se lle ocorre: acochar ó poder relixioso. Pecado mortal! Aínda que os que o coñecían ben sabían que a tal represalia debíase máis a que non comulgaba moi alá que digamos co réxime ditatorial. Aínda máis mortal! Mandárono para Couzadoiro, en Santa Marta de Ortigueira.

Acábaseme o espazo con toda a pena do mundo, porque a vida e a obra de don Graciliano, do noso mestre, o mestre de toda a vida e de todas as materias dá para máis dunha reportaxe. Agora entendo por que saín tan agudiño: porque fun á escola de don Graciliano, que non che era un don ninguén. Non. Todo Baños de Molgas lle está agradecido. Seino ben.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES