Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Aramos sobre os ósos da lingua'

viernes, 10 de febrero de 2017
Este é un país bilingüe. Máis rico sería se co moderno latín, o inglés, fóra trilingüe. O goberno debera asomarse con humildade ás portas de institutos e colexios e anotar paisaxes de desfeita. O galego, que non precisa moitos ataques para o colapso total. Nas vilas e nas cidades, que o rural escribe cada día a crónica dunha morte anunciada. Que idioma está a falar a rapazada? Alumnos hai que transitan pola universidade sen apenas leccións en galego.

E logo o galego non é a lingua de todos? Non ten este e calquera outro goberno a sagrada obriga de protexer o patrimonio común? Semella que aínda non nos percatamos de que Galicia ten unha lingua de seu, un tesouro que hai que gobernar, protexer e potenciar, como se protexe as especies en perigo de extinción. Dicía Clemenceau que as guerras son demasiado importantes para deixalas nas mans dos militares. E as linguas son demasiado fráxiles para abandonalas ás présas dos fanáticos e ás apetencias dos egoístas. A globalización, que non só é económica, está a deixarnos sen arestas. Destruíndo e arrasando as diferenzas, ao final pode resultar unha chaira onde impera a cultura cocacola e a vertixe autista das pantallas.

A lingua, ferramenta de comunicación, éche o espiñazo da cultura do país, o fío que entretece a historia de Galicia. Non é algo que se poda escoller ou desbotar: é un dos eixes que vertebra o país.

O galego, non se pode impoñer nin se arromba a golpe de enquisas. As linguas tamén son un acto de amor que non soporta o imperativo, pero si é imperativo que a lingua identifique a un país e fecunde a súa cultura.

Ao final, queda o sentidiño común. A ninguén se lle impón rezar en galego, de feito a maioría dos actos de culto son en castelán. A ninguén se lle obriga a ver a TVG, que só ten un 14 % do share, mentres o resto das televisións repártense o 86%. En castelán. A inmensa maioría das emisoras de radio, as máis escoitadas, emiten en castelán. Por cada xornal ou revista en galego hai trinta, cincuenta en castelán. En ningún comercio, bar ou restaurante deste tolerante país o idioma supón ningunha barreira para a comunicación. Non hai un só funcionario tan cafre que non atenda amablemente nos dous idiomas irmáns. Agora mesmo nin unha soa película se pode ver no idioma de Rosalía. E hai tempo que Galicia deixou de cantar en galego.

O vento sí que asubía en galego, e a auga que esvara polos ríos, pero os euros que producen falan outro idioma. O peixe e o leite, para a nosa desgraza tampouco falan galego. E a madeira ten o o estraño olor dos antípodas e o monocultivo tercermundista do eucalipto.

Aramos sobre os mortos nesta terra / e o noso pan ten sabor de ósos… cantan os versos estremecedores de Lorenzo Varela.

Aquí, en Galicia, aramos sobre os ósos da lingua.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES